BUSCAR
Memoria Anual 2023
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
A Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié organiza o simposio “A Publicación en Revistas Científicas de Artes, Humanidades e Ciencias Sociais na Sociedade do Coñecemento”, que comezará o vindeiro venres, 15 de decembro, ás 16:00 horas na sede coruñesa da Fundación Barrié.
A Coruña, 13 de decembro de 2017.- A Asociación de Bolseiros, creada en 1996, conta con máis de 970 actuais e antigos bolseiros de investigación, estudos universitarios, e de posgrao en España e no estranxeiro da Fundación Barrié e estrutúrase en 9 Clubs, correspondentes a diferentes áreas de interese. Este Simposio foi organizado en colaboración coa delegada do Club de Música, Artes e Humanidades da Asociación de Bolseiros e bolseira da Fundación, Laura Touriñán Morandeira (Royal Academy of Music de Londres, convocatoria de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro 2015).
O Simposio vai dirixido a docentes, investigadores, estudantes e outras persoas interesadas en coñecer como funciona actualmente a publicación científica na sociedade do coñecemento para usalo en beneficio da súa carreira profesional.
O Simposio, no que participarán destacados expertos de Galicia e do resto de España, dará a coñecer cal é o estado actual da publicación científica en España en relación co panorama internacional e desvelará as claves para elaborar unha boa estratexia de publicación en revistas académicas:
- cales son os dereitos de propiedade intelectual dos investigadores e cal é o marco legal das políticas de acceso aberto na actualidade;
- cales son os criterios de acreditación actuais específicos das áreas de Música, Artes, Humanidades e Ciencias Sociais (ANECA, DOCENTIA, CNEAI, ACSUG, PEP…)
- como deseñar estratexias para optimizar os esforzos dos investigadores para que os seus traballos sexan publicados en revistas indexadas e en editoriais académicas;
- e como desenvolver estratexias de difusión para aumentar o impacto das súas investigacións.
PROGRAMA
Modalidade: PRESENCIAL E ONLINE (entrada gratuíta previa inscrición clicando aquí)
Lugar: Fundación Barrié - A Coruña (Cantón Grande, 9)
Venres, 15
15:30h Benvida
16:00h Ser, estar y saber en la Red: Condición de la Sociedad del Conocimiento, por Jesús Miguel Muñoz Cantero, Profesor da Facultade de Educación da Universidade da Coruña.
17:00h Abrindo as portas á cultura do coñecemento: o acceso aberto en Artes, Humanidades e Ciencias Sociais, por Cristal Martínez Pousa, Bibliotecaria da Universidade de Santiago de Compostela.
19:00h Reputación personal científica: publicar en la sociedad en red, por Marta Ruiz Corbella, Profesora da Facultade de Educación da UNED.
Sábado, 16
10:00h Las Revistas Científicas: Publicación y evaluación de la actividad científica. El curriculum vitae en los inicios de la carrera investigadora, por Rafael Ruiz Pérez, Catedrático da Universidade de Granada.
12:00h La elección de los canales de publicación: porqué, para qué, dónde y cómo hacerlo, por Evaristo Jiménez Contreras, Catedrático da Universidade de Granada.
15:30h Claves para la puesta en marcha de un Entorno Personal de Aprendizaje en Red, por Carlos Parada Gandos, Consultor de Formación especialista en eLearning e Innovación Educativa.
18:00h Beneficios de los repositorios institucionales para los investigadores en Artes, Humanidades y Ciencias Sociales, por Leticia Barrionuevo, Bibliotecaria da Universidade de León.
19:30h La construcción continua del curriculum vitae, Ángel Luis Hueso Montón, Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.
A Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié
A Asociación de Bolseiros, creada en 1996, conta con máis de 970 actuais e antigos bolseiros de investigación, estudos universitarios, e de posgrao en España e no estranxeiro da Fundación Barrié.
Entre as súas finalidades salienta a organización de actividades encamiñadas a facilitar aos seus asociados o contacto con institucións profesionais e académicas de ámbito galego, nacional e internacional. Neste sentido, é unha rede de talento compartido, que canaliza as actividades daqueles bolseiros que queiran pór ao servizo de Galicia e, en particular, da Fundación, os seus coñecementos e experiencia, para que a formación adquirida durante o transcurso dos seus estudos e investigacións reverta no avance da sociedade galega.
Na actualidade, a Asociación de Bolseiros conta con 9 Clubs, correspondentes ás seguintes áreas de interese:
- Arquitectura, Urbanismo e Deseño
- Ciencias da Natureza
- Ciencias da Saúde
- Desenvolvemento e Cooperación
- Dereito e Relacións Internacionais
- Enerxía e Medio Ambiente
- Innovación, Emprendemento e Transferencia Tecnolóxica
- Música, Artes e Humanidades
- MBA Alumni Society
O Club de Música, Artes e Humanidades é unha agrupación voluntaria de bolseiros da Fundación Barrié desde onde se contribúe ao desenvolvemento académico, profesional e social dos seus membros e ao compromiso dos bolseiros co desenvolvemento de Galicia. Entre os seus obxectivos, salientan:
- Constituír un foro de intercambio de información no ámbito da Música, as Artes e Humanidades, incorporando a este profesionais do máis alto nivel procedentes de diversas entidades, centros de investigación e editoriais.
- Impulsar a formación continua a través de actividades teóricas e prácticas que permitan a adquisición e desenvolvemento de competencias para o exercicio da práctica profesional, así como para a súa reciclaxe e perfeccionamento.
- Diversificar e ampliar a rede de contactos dos bolseiros para que poidan acceder a novas oportunidades da carreira profesional e crecemento persoal.
- Reforzar a proxección nacional e internacional de Galicia, da Fundación Barrié e dos seus programas.
Laura Touriñán Morandeira
Laura é licenciada en Historia e Ciencias da Música en 2011 e Máster en Música Hispana en 2012, ambas titulacións pola USAL. Simultaneamente, obtén o Grao Superior na especialidade de Piano polo Conservatorio Superior de Música de Castela e León. Ao ano seguinte, cursa o Máster en Xestión Cultural pola UIC, con especialidade en Artes Escénicas. Obtén bolsas de excelencia curricular en todos os niveis formativos. Realiza estadías no estranxeiro para completar a súa formación en idiomas e interpretación pianística. Participa a miúdo en congresos e é autora de publicacións en foros especializados, así como de edicións críticas de obras de Marcial del Adalid. Crea o Fondo de Música do CEMUSA e colabora na organización do XX Festival Internacional de Primavera de Música en Salamanca en 2011 e en 2013, participa no 59º Concurs Internacional Maria Canals en Barcelona. Desde 2013 é docente na USC; desde xuño de 2014 forma parte do Grupo de Investigación Estudos Históricos de Música en Galicia (ss. XI-XX) (GI-2025) e desde xaneiro de 2016 incorpórase ao grupo de investigación con I+D+i Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1951): Cidades do Eixe Atlántico (HAR2015-64024-R).