Metodoloxía do Fondo de Ciencia
Metodoloxía do Fondo de Ciencia
Desde 2010 a Fundación Barrié vén deseñando e desenvolvendo unha metodoloxía propia de traballo cuxa factibilidade foi validada a través do investimento en proxectos reais, que foi perfeccionándose en base á experiencia, mediante unha filosofía baseada en "aprender-mellorar facendo" aplicada durante as fases de valorización, proba de concepto e comercialización de resultados científico-tecnolóxicos. No desenvolvemento desta metodoloxía do Fondo de Ciencia contouse co asesoramento dun conxunto de expertos de nivel internacional, entre os que se encontra a sociedade de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, Oxford University Innovation Limited. Con iso cumprimos co obxectivo de deseñar e modelizar novos camiños que poidan ser replicados por outros axentes procurando a suma de actores ao proceso.
Colaboración no Programa Proba de Concepto da Xunta de Galicia
Neste eido a Fundación Barrié transfire a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Xunta de Galicia para a creación dun programa autonómico Proba de Concepto co fin de fomentar a investigación e transferencia ao mercado en Galicia.
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, presidiu o acto de sinatura do convenio en que a Fundación Barrié transfire a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Axencia Galega de Innovación (GAIN). O convenio foi asinado o 29 de xaneiro en Santiago de Compostela por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Francisco Conde López, conselleiro de Economía, Emprego e Industria. Audio rolda de prensa
O compromiso adquirido pola Fundación Barrié céntrase na colaboración coa Xunta de Galicia tanto no soporte material como humano para a formación do persoal da Axencia Galega de Innovación GAIN para adquirir as competencias necesarias e replicar dun xeito exitoso o modelo deseñado.
En base a este acordo, a Axencia Galega de Innovación pon en marcha a primeira convocatoria do programa Proba de Concepto, que ofrece asesoramento, acompañamento, informes e investimento público a proxectos de investigación dos centros de coñecemento en Galicia, co obxectivo de valorizar os resultados da investigación e facilitar, acelerar e aumentar o éxito da transferencia de tecnoloxía de cara ao mercado.
A esta convocatoria pública poden presentar as súas propostas os investigadores e tecnólogos das tres universidades galegas, do sistema de saúde (a través das fundacións hospitalarias), dos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, dos centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e dos centros tecnolóxicos galegos.
CONTIDOS RELACIONADOS