BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié celebra o seu 50 aniversario cun concerto de Carlos Núñez na Catedral de Santiago

19-11-2016

A Fundación Barrié, co gallo do seu 50 aniversario, organiza un concerto na Catedral de Santiago de Compostela a cargo de Carlos Núñez, unha homenaxe sonora ao Pórtico da Gloria.

José María Arias, presidente da Fundación Barrié, e o músico Carlos Núñez cunha réplica do organistrum do Pórtico da Gloria
© Fundación Barrié

HISTORIA – 50 ANOS AO SERVIZO DE GALICIA

A Fundación Barrié foi constituída en 1966 polo empresario,  emprendedor e mecenas Pedro Barrié, quen a dotou con 3.300 millóns das pesetas de entón, e declarou ademais á Fundación como herdeira universal tras o seu pasamento. A esta dotación inicial sumáronse posteriores doacións de membros da familia e da súa viúva, Carmela Arias, quen, en vida, doou á Fundación toda a súa fortuna. Desde a súa creación, a Fundación destinou os seus recursos a programas e proxectos dirixidos a impulsar o desenvolvemento sostible de Galicia, con especial pulo ás iniciativas vencelladas á educación e o fomento do talento. Ao longo deste medio século de vida, a Fundación Barrié investiu máis de 400 millóns no desenvolvemento económico-social e cultural de Galicia.
 
Áreas que compoñen a actividade da Fundación Barrié

A Fundación Barrié traballa programas que seguen claras liñas estratéxicas, as cales se enmarcan en catro áreas de actuación: Educación, Cultura e Patrimonio, Ciencia e Acción Social. Na actualidade, os dous programas máis emblemáticos da área de Educación son “Piteas” e Bolsas de Posgrao no Estranxeiro cuxa 28ª edición se abrirá en breve, no marco da cal se concederon 636 bolsas desde 1990 e cun investimento acumulado de máis de 30 millóns de euros.
 
PITEAS é un programa de formación e méntoring para o desenvolvemento do talento que inclúe iniciativas de formación do profesorado para a optimización da detección e desenvolvemento do talento nas aulas así como accións directas de fomento da creatividade e das ciencias co alumnado. O programa centa coa colaboración do Departamento de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e coa Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida pola profesora Carmen Pomar.
 
PITEAS é un programa baseado en modelos científicos recoñecidos a nivel internacional e convintemente adaptado á realidade educativa, económica e cultural de Galicia. Este programa nace da necesidade de tomar conciencia do papel fundamental que xoga a promoción do talento na evolución da sociedade. Cada persoa debe de ter a oportunidade de desenvolver o seu potencial ao nivel máis alto posible. Deste xeito contribúe a un progreso social baseado na produción científica e creativa. PITEAS busca optimizar o proceso do ensino e, xa que logo, a aprendizaxe en todos os niveis educativos que permite dar unha resposta educativa axeitada ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, situacións sociais e identidades culturais de todo o alumnado, favorecendo ao máximo o seu desenvolvemento como persoa, aproveitando o seu potencial, enriquecendo a experiencia compartillada do grupo e acadando aquilo que o fai único e irrepetible.
 
En Cultura e Patrimonio salienta o Programa Catedral que a Fundación Barrié financia con 6 millóns de euros pero a intensa vinculación coa Catedral de Santiago, de máis de 40 anos, materializouse en investimentos por case 11 millóns de euros en proxectos de conservación e restauración, como a reconstrución do coro pétreo do Mestre Mateo, a reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria ou o actual Programa Catedral.  O compromiso da Fundación Barrié co patrimonio en Galicia non se limita tan só á Catedral de Santiago, é moito máis amplo e abrangue tanto o patrimonio material como o inmaterial. A área de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié abrangue o 37% dos máis de 400 millóns de euros investidos nos últimos 50 anos, 28,2 millóns corresponden á recuperación e conservación do patrimonio galego con proxectos tan relevantes como a catalogación e dixitalización dos protocolos notariais dos arquivos catedralicios, a convocatoria de proxectos de Patrimonio Vivo ou publicacións coma os Cancioneiros, por mencionar algúns.
 
En Ciencia salienta o acordo acadado coa Xunta de Galicia a través do cal a Fundación Barrié transfire a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Axencia Galega de Innovación (GAIN) para a creación dun “Fondo autonómico de proba de concepto” coa finalidade de fomentar a investigación e transferencia ao mercado en Galicia. Neste senso asináronse convenios tamén con outros centros de investigación punteiros como Nanogune no País Vasco e a Fundación para a Innovación e a Prospectiva en Saúde en España (FIPSE), institución impulsada polo Ministerio de Sanidade.
 
En Acción Social, desde 2010 a Fundación Barrié traballa nun dos programas máis emblemáticos chamado “Máis Social”, un programa innovador e pioneiro que ten como obxectivo principal apoiar e orientar ás entidades sociais galegas cara a unha profesionalización da súa xestión directiva que as faga economicamente sostibles. Neste senso “Máis Social” ofrece financiamento para a contratación de persoal directivo; servizos de consulta; “Máis Social Conecta” que implica a creación de webs corporativas para as entidades sociais, programas formativos e apoio a proxectos. Case 100 entidades (son 99) participaron ata hoxe nestes ámbitos de “Máis Social”. Entre outras: a Federación Banco de Alimentos;  Federación ASPACE Galicia, ASPRONAGA, Federación de Dano Cerebral; Federación de Autismo de Galicia, Federación Galega de Enfermidades Raras ou a Fundación Érguete, por citar algunhas.
Tras o éxito da convocatoria en Galicia, “Máis Social” estase implementando nestes momentos en Madrid.

ACTIVIDADES DO 50 ANIVERSARIO

  • Exposición “Sorolla. Tierra adentro” inaugurada o 4 de novembro e que desde entón xa recibiu máis de 3.000 visitas.
  • VI CONFERENCIA XERAL DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE FUNDACIÓNS
O próximo mércores 23 de novembro acollemos na nosa sede a VI Conferencia Xeral da Asociación Española de Fundacións que leva como título “O mundo que nos agarda”, evento máis importante do sector a nivel nacional no que, ademais, se entregará a primeira edición dos Premios AEF.
A AEF organiza a súa VI Conferencia Xeral concibida como un punto de encontro do sector non lucrativo e plataforma promotora de iniciativas. No marco desta Conferencia debátense os principais temas que afectan ao papel das fundacións na sociedade actual e contaremos coa presenza de salientables representantes e líderes do eido fundacional e da sociedade.
 
O sector fundacional español converteuse nun axente de desenvolvemento social e económico de primeiro nivel: canaliza unha parte cada vez máis significativa das iniciativas privadas orientadas ao cumprimento de fins de interese xeral. Está formado por 8.500 fundacións activas. Emprega a máis de 200.000 traballadores e xera un gasto próximo aos 8.000 millóns de euros. (programa completo na carpeta de prensa e na web www.fundacionbarrie.org).
 
  •  I XORNADA INTERNACIONAL SOBRE COMUNICACIÓN E FILANTROPÍA
O 24 de novembro terá lugar a I Xornada sobre Comunicación e Filantropía, un evento organizado pola Fundación Barrié que conta con expertos nacionais e internacionais do mundo da comunicación e filantropía para abordar os retos aos que as institucións do terceiro sector se enfrontan hoxe en día no eido da comunicación. A conferencia xeral será a cargo de Neil Coleman, vicepresidente de comunicación da Fundación Rockefeller, pero de igual forma salientan os participantes doutras institucións como os da Fundación Bill e Melinda Gates, a Fundación March, a Fundación La Caixa, Dircom España ou representantes de Dafne, organización europea que aglutina ás Asociacións de Fundacións. Esta xornada finalizará cun obradoiro no que representantes de Nacións Unidas darán a coñecer a campaña UN-Water.
(programa completo na carpeta de prensa e na web www.fundacionbarrie.org).
  
STREAMING: Tanto a VI Conferencia Xeral da Asociación Española de Fundacións como a I Xornada Internacional sobre Comunicación e Filantropía serán retransmitidas en directo vía streaming na home da web da Fundación Barrié (www.fundacionbarrie.org) así como na súa conta de Facebook a través de Facebook Live.
 
  • CONCERTO 50 ANIVERSARIO NA CATEDRAL DE SANTIAGO A CARGO DE CARLOS NÚÑEZ -  UNHA HOMENAXE SONORA AO PÓRTICO DA GLORIA
A noite do mércores 23 terá lugar un dos proxectos musicais máis ambiciosos que, ademais pon en valor diferentes accións de conservación do Patrimonio galego realizado pola Fundación Barrié nos seus 50 anos de existencia: un concerto na Catedral de Santiago de Compostela a cargo de Carlos Núñez e artistas convidados.
 
O concerto é unha homenaxe sonora ao Pórtico da Gloria e conta coas réplicas en madeira dos instrumentos esculpidos nel. A construción das dezanove réplicas en madeira dos instrumentos que sosteñen os vinte e catro anciáns apocalípticos do Pórtico da Gloria, esculpidos polo Mestre Mateo, é un dos máis salientables proxectos desenvolvidos e financiados pola Fundación Pedro Barrié de la Maza dentro do seu programa de recuperación e difusión do patrimonio musical de Galicia.
 
O 27 de novembro de 1991 soaron por primeira vez na Catedral de Santiago as réplicas destes instrumentos, nun concerto presidido pola S.M. a Raíña Dona Sofía e ofrecido por In Itinere, grupo de cámara da Universidade de Santiago, coa colaboración do grupo noruegués Kalenda Maya. Concluía entón un proceso de varios anos que esixiu a suma de esforzos e vontades dun amplo número de institucións e da implicación dun equipo internacional de historiadores da arte, arqueólogos, filólogos, lutieres, artesáns e músicos, así como de expertos en afinación e decoración de diversos países, baixo a dirección dos profesores José López-Calo e Carlos Villanueva, nun esforzo interdisciplinar sen precedentes.
 
Daquel traballo común, que supuxo a selección de madeiras, técnicas de construción e afinación, e cordas o máis axustadas posible aos instrumentos medievais, resultou a creación das dezanove réplicas, entre as que hai violas ovais, violas en forma de oito, laúdes, salterios, arpas, arpas salterio e o organístrum.
 
A Fundación programou nos últimos años diversas iniciativas divulgativas arredor deste proxecto, entre as que salientan publicacións, outros concertos e unha exposición itinerante, ademais da edición do CD Os Sons do Pórtico da Gloria.
 
Con ocasión do concerto a Fundación Barrié agradece moi especialmente a Carlos Núñez por ter aceptado o convite para liderar este proxecto. Así mesmo se agradece a colaboración na realización deste proxecto ao Centro de Artesanía e Deseño pertencente á Deputación de Lugo; á Real Filharmonía de Galicia; a Francisco Luengo Fernández e á Asociación para a Promoción da Música ACTUS.
 
RETIRADA DE ENTRADAS GRATUÍTAS PARA O CONCERTO – SESIÓN DAS 22.15H – ABERTA AO PÚBLICO
 
A Fundación Barrié ofrecerá dúas sesións do mesmo concerto. A primeira sesión enmárcase no programa da VI Conferencia Xeral da Asociación Española de Fundacións e a I Xornada Internacional sobre Comunicación e Filantropía.
 
A segunda sesión do concerto, que terá lugar ás 22.15h, estará aberta ao público xeral con entrada gratuíta logo da retirada de invitacións en:
 
A Coruña: domingo, 20 e martes, 22 de novembro
Fundación Barrié, A Coruña (Cantón Grande, 9)
12h – 14h e 18h – 21h
 
Vigo: domingo, 20 e martes, 22 de novembro
Fundación Barrié, Vigo (Rúa de Policarpo Sanz, 31)
12h – 14h e 18h – 21h
 
Santiago de Compostela: Domingo, 20; luns, 21 e martes, 22 de novembro
Pazo de Xelmírez (entrada Praza do Obradoiro)
10h – 20h
 
Entregaranse un máximo de dúas entradas por persoa ata completar a capacidade do recinto.
 
  • CONCERTO CONMEMORATIVO A CARGO DA ORQUESTRA DE CÁMARA GALEGA
O 15 de decembro terá lugar, na sede da Fundación Barrié na Coruña, un concerto conmemorativo da Orquestra de Cámara Galega e que suporá un percorrido por diversas correntes da historia musical desde o barroco temperán ata os nosos días con obras de Vivaldi, Telemann, Sibelius e Rogelio Groba. 

RECURSOS DISPONIBLES

Videos