BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2023

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A sinatura realízase no marco do "Programa de atención a menores e educación familiar".

13-03-2017

  • A Fundación Barrié afianza a súa colaboración estratéxica coas Cáritas Diocesanas de Galicia cun investimento total acumulado de 2.250.000 euros desde 2009, destinado a dous programas enfocados a familias en situación de vulnerabilidade.
  • Con este convenio acórdase a prórroga por terceiro ano do “Programa de atención a menores e educación familiar”, que levan a cabo as Cáritas Diocesanas de Galicia baixo a coordinación de Cáritas Española. A achega para 2017 ascende a 150.000 euros.
  • Este programa, que se desenvolverá a nivel autonómico ata decembro de 2017 en colaboración coas cinco Cáritas galegas, ten como obxectivo reducir o fracaso e o abandono escolar de menores a través de accións de intervención dirixidas a familias vulnerables e/ou en situación de exclusión social.
  • As accións previstas inclúen apoio económico para acceder a recursos especializados e actividades extraescolares, compra de libros e de material escolar. Axudas orientadas a promover a formación laboral e educativa dos proxenitores para así mellorar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral.
  • Nos dous anos de desenvolvemento do programa 1.424 menores de 1.183 familias beneficiáronse del.
  • Os máis dos recursos investidos neste período destináronse a axudas á escolarización, co pago de libros e material escolar, e a actividades extraescolares e clases de apoio escolar. 

Momento do acto da renovación do convenio entre a Fundación Barrié e Cáritas
© Fundación Barrié

A Coruña, 13 de marzo de 2017.- A Fundación Barrié e Cáritas Española renovaron, por terceiro ano consecutivo, a súa colaboración no marco do Programa de atención a menores e educación familiar.
 
A renovación desta colaboración entre ambas entidades foi asinada esta mañá na Coruña polo Presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, e o Secretario Xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora Rosado
 
Este programa é levado a cabo polas cinco Cáritas Diocesanas de Galicia baixo a coordinación de Cáritas Española. Trátase dunha acción que está enfocada a familias en situación de vulnerabilidade ou pobreza con fillos en idade escolar, para facilitarlles os medios e apoios necesarios (económicos, formativos, sociais, psicolóxicos...) para que a escolarización dos seus fillos se realice en igualdade de condicións ao resto de alumnos ou, polo menos, nas mellores condicións posibles.
 
Na súa intervención José María Arias, presidente da Fundación Barrié, afirmou que “Coa sinatura, un ano máis deste convenio, damos continuidade ao compromiso compartido polas nosas respectivas institucións de loitarmos por unha sociedade máis xusta e equitativa, na cal a vulnerabilidade económica non lastre a posibilidade de acceso a unha educación en igualdade de oportunidades para todos os menores. Tratamos de loitar para evitarmos o que entendemos como un dos maiores fracasos nunha sociedade desenvolvida como a nosa e é que a falta de medios económicos en moitas familias, dificulte o acceso á plena educación dos seus fillos e perpetúe unha transmisión xeracional da pobreza”.
 
Pola súa parte, Sebastián Mora, secretario xeral de Cáritas Española, declarou no acto de sinatura do convenio de renovación que “na nosa organización somos testemuños de como as familias  son as grandes esquecidas das nosas políticas públicas e de como os fogares con menores son os máis sensibles a padeceren ou sufriren situacións de pobreza. Parece que os nenos e nenas son unha responsabilidade privativa dos proxenitores e das familias e que non necesitan políticas específicas. Por iso son tan importantes compromisos como o da Fundación Barrié, que demostran que, coa participación das organizacións sociais e da sociedade civil, podemos reaccionar con propostas para revertermos a reprodución interxeracional da pobreza nunha reprodución profunda da solidariedade e na creación de oportunidades para todos. En palabras do Papa Francisco ´os servizos que a sociedade presta aos cidadáns non son unha forma de esmola, senón unha verdadeira débeda social respecto á institución familiar, que é a base e a que tanto achega ao ben común de todos´”.
 
O secretario xeral de Cáritas Española estivo acompañado no acto polos directores das Cáritas Diocesanas de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Ourense, Lugo e Mondoñedo-Ferrol, entidades que asumirán a xestión do programa, a través de profesionais da súa rede en Galicia e voluntarios vinculados ao ámbito educativo.
 
O programa engloba diferentes accións de intervención:

  • Apoio económico a gastos relacionados co menor mediante axudas complementarias para a compra de libros e material escolar, e para que os seus fillos poidan acceder, en igualdade de condicións, a recursos especializados e actividades extraescolares.
  • O programa tamén prevé Axudas dirixidas ao fortalecemento familiar orientadas a promover a formación laboral e educativa dos proxenitores con obradoiros de alfabetización, apoio á formación pre laboral e regrada,  escolas de pais-nais, asesoramento nos ámbitos educativo e de saúde, economía doméstica, etc.

BALANCE DO PROGRAMA. DATOS 2015 - 2016
 
Nestes dous anos de programa, 1.424 menores de 1.183 familias beneficiáronse del. O perfil destes 1.424 menores corresponde ao de nenos e nenas en situación de desigualdade con menos oportunidades de acceso a actividades normalizadas e con dificultades, tanto económicas como de carencias persoais, para poder facer fronte ás súas necesidades educativas. 
O perfil das 1.183 familias correspóndese con persoas de rendas baixas, por mor dos empregos precarios ou situación de desemprego e con idades entre os 35 e 44 anos.  Salienta un dato que resulta significativo e é que o 80% dos proxenitores que acoden ao programa son mulleres, constatando así que a muller continúa a ser o rostro máis visible da pobreza á hora de buscar recursos para a subsistencia familiar.
 
Trátase de familias cunhas características sociais e económicas comúns, determinadas pola precariedade laboral e a dificultade na integración sociocultural. O programa tratará de evitar que os menores abandonen o sistema educativo regrado obrigatorio e non poidan conseguir unha titulación e unha preparación que os capacite profesionalmente.
 
Os máis dos investimentos realizados neste período destináronse a axudas á escolarización, co pago de libros e material escolar, así como a actividades extraescolares e clases de apoio escolar. 
 
DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA A TRAVÉS DAS CINCO CÁRITAS DE GALICIA
 
O Programa de atención a menores e educación familiar para Familias está coordinado por Cáritas Española e execútase a través da rede das cinco Cáritas Diocesanas de Galicia (Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Mondoñedo-Ferrol e Ourense), que, ademais de levar a cabo os labores de recepción, acollida, valoración, propostas, concesión e seguimento das familias beneficiarias, achegarán os seus recursos humanos e infraestruturas para a xestión e concesión das axudas.
 
UNHA COLABORACIÓN NADA EN 2009
 
A colaboración entre a Fundación Barrié e Cáritas iníciase no ano 2009 coa posta en marcha do Programa de Axudas de Emerxencia Social para Familias, desenvolvido polas cinco Cáritas Diocesanas de Galicia baixo a coordinación de Cáritas Española co obxectivo de impulsar a formación para o emprego e promover a concesión de axudas puntuais e directas a familias galegas vulnerables no contorno da crise económica.
 
A cantidade total achegada ás Cáritas galegas pola Fundación Barrié ascende a 2.250.000 euros desde 2009.

RECURSOS DISPONIBLES

Videos