Inicio / Sala de prensa / 7 Proxectos sociais dotados con 50.000 € pola Fundación Barrié e Roviralta

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2019

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


26-12-2019

  • Sete proxectos de entidades prestadoras de servizos sociais de Galicia foron seleccionadas pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, que os financiarán con 50.000 euros.
  • Trátase da cuarta convocatoria de proxectos impulsados conxuntamente por ambas entidades que ten como obxectivo facilitar apoio económico a proxectos sociais de entidades participantes no Programa Máis Social para o fortalecemento do Terceiro Sector Social de Galicia, posto en marcha pola Fundación Barrié en 2011.
  • Os proxectos seleccionados, que teñen dotacións específicas entre os 6.000 e 9.600 euros, serán desenvolvidos pola Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC); a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE); FADEMGA Plena inclusión Galicia (Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento); a Asociación ALIAD-ULTREIA de Lugo; a Asociación Parkinson Galicia-Coruña; a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) de Vigo e a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Transtorno do Espectro Autista (T.E.A.) da provincia da Coruña (ASPANAES);
  • A través desta convocatoria, a Fundación Barrié e a Fundación Roviralta destinaron, desde o ano 2013, 500.000 euros a 37 proxectos sociais en Galicia.

© Fundación Barrié

A Coruña, 17 de decembro de 2019.- Sete proxectos de entidades que prestan servizos sociais en Galicia foron seleccionados pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, que os financiarán con 50.000 euros. Trátase da cuarta convocatoria de proxectos impulsada conxuntamente por ambas entidades, e ten como obxectivo facilitar apoio económico para proxectos sociais desenvolvidos polas entidades seleccionadas para a opción de consultoría na convocatoria Máis Social Comunicación 2018-2019.
 
Entre os proxectos presentados, a Fundación Barrié e a Fundación Roviralta priorizaron aqueles que promoven a integración social de colectivos en situación de vulnerabilidade ou exclusión, así como os máis innovadores e con capacidade de replicarse noutras entidades, e por tanto de multiplicar o seu impacto social.
 
Os 50.000 euros distribúense entre os sete proxectos seleccionados con dotacións específicas entre os 6.000 e 9.600 euros por proxecto.
 
A través desta convocatoria, a Fundación Barrié e a Fundación Roviralta destinaron, desde o ano 2013, 500.000 euros a 37 proxectos sociais en Galicia.
 
 
FUNDACIÓN ROVIRALTA
Desde o ano 1959, a Fundación Roviralta vén destinando practicamente a totalidade das rendas netas xeradas polo seu patrimonio para fins altruístas e benéficos no ámbito do desenvolvemento social, da medicina e da educación. http://www.roviralta.org/
 
 
MÁIS SOCIAL, fortalecemento e profesionalización das entidades sociais galegas
O programa Máis Social, impulsado pola Fundación Barrié en 2011, diríxese ás entidades do Terceiro Sector e pretende promover un modelo de acción social economicamente sostible, que facilite a estas organizacións medios e estratexias para optimizar a súa xestión -de forma prioritaria a súa captación de fondos- e orientalas cara ao futuro cun crecemento estable e sostible. Iniciado no 2011 converteuse xa nun modelo de referencia en canto ao apoio a estas entidades sociais medianas e pequenas, cun rol fundamental na atención aos colectivos máis vulnerables. Para iso, oferta, sen coste ningún para as entidades sociais, unha serie de instrumentos de apoio que promoven un modelo de crecemento sostible que inclúen servizos de consultoría, programas formativos, desenvolvemento de webs corporativas das entidades de acción social, axudas para a contratación de persoal directivo e apoio económico a proxectos.
http://www.fundacionbarrie.org/mas-social
 
 

PROXECTOS SELECCIONADOS NA IV CONVOCATORIA 2019
 
1. FEDERACIÓN GALEGA DE ENFERMIDADES RARAS E CRÓNICAS (FEGEREC)

Proxecto: DETECCIÓN PRECOZ DE ENFERMIDADES RARAS PEDIÁTRICAS

Proxecto piloto de formación e sensibilización sobre a relevancia da atención primaria / pediatría no diagnóstico precoz das enfermidades pouco frecuentes.

A atención primaria é onde debutan os primeros síntomas das enfermidades raras pediátricas. Para identificalas e derivalas precozmente á ruta asistencial máis axeitada, a entidade desenvolverá en colaboración coa área sanitaria de Ourense, un proxecto  dirixido aos seus pediatras e médicos residentes en pediatría. A metodoloxía favorecerá o compromiso, a identificación de signos e síntomas de sospeita destas enfermidades, o coñecemento das rutas asistenciais a todos os niveis.
 
2. FEDERACIÓN GALEGA DE DANO CEREBRAL

Proxecto: O coidado informal en Dano Cerebral Adquirido: IMPACTO NA SAÚDE E CALIDADE DE VIDA DAS PERSOAS COIDADORAS. Análise en clave de desigualdade de xénero

Proxecto de investigación sobre o impacto na saúde e calidade de vida das persoas coidadoras de persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) en Galicia.

As persoas con DCA presentan secuelas de moi diferente severidade e índole (motoras, cognitivas, sensoriais,…) segundo a causa e afectación, ademais das conseguintes repercusións sobre a vida diaria, laboral, económica, etc., tanto para elas como para as súas familiares. A pesar dun lixeiro aumento do interese nos últimos anos en analizar e identificar o impacto que ten a responsabilidade de coidar a unha persoa con DCA, destaca a escasa investigación en mostras españolas e, de xeito particular, galegas. Cunha duración de 12 meses, realizarase un estudo cuantitativo a unha mostra de 300 persoas coidadoras, sobre un universo de 1734 persoas con DCA socias, contando coa participación das cinco asociacións membros de FEGADACE. Este informe arroxará información ata agora non documentada nin sistematizada sobre a situación de saúde das persoas coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia.
 
3. FADEMGA  Plena Inclusión Galicia

Proxecto: ATENCIÓN E APOIO ÁS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL RECLUSAS E EXRECLUSAS

Programa de formación, apoio e acompañamento de persoas con discapacidade intelectual vinculadas aos Centros Penitenciarios da Lama, Pereiro de Aguiar e Teixeiro.

O proxecto permitirá introducir aspectos innovadores nun programa que FADEMGA Plena Inclusión Galicia, única federación que traballa neste ámbito en Galicia, leva desenvolvendo desde o ano 2002 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual reclusas e ex reclusas e os seus familiares, favorecendo os seus procesos de rehabilitación, reinserción e inclusión social. Con tal obxectivo realizaranse saídas programadas, actividades de apoio e seguimento de persoas con discapacidade en liberdade definitiva e actividades de formación específica en sexualidade. Hai unha maior porcentaxe de persoas con discapacidade intelectual que cometen delitos contra a liberdade sexual, e pola súa propia discapacidade quedan exentos dos programas que ofrece Institucións Penitenciarias. Con este tipo de formación preténdese paliar esta carencia e promover a participación destas persoas nos programas formativos, mellorando as súas habilidades e coñecementos, ao mesmo tempo evitar que reincidisen nestes delitos.
 
 
4. ALIAD ULTREIA

Proxecto: FORMAR PARA TRANSFORMAR. PROXECTO DE CREACIÓN DA ÁREA DE FORMACIÓN DE ALIAD ULTREIA

Programa de creación da área de formación de Aliad Ultreia

Tras o proceso de reflexión que a entidade desenvolveu arredor da elaboración da súa estratexia de comunicación, actividade impulsada pola Fundación Barrié a través do seu programa Máis Social, identificou a necesidade de desenvolver a súa área de formación.  Coa sede en Lugo e traballando con colectivos en situación de exclusión ou de grave vulnerabilidade social, desde Aliad Ultreia enténdese que a superación destas realidades demandan dunha cidadanía sensibilizada e promotora de cambios, así como de profesionais formados na atención a estes colectivos e realidades. A formación formúlase dunha maneira innovadora xa que non se trata dunha formación teórica ao uso, senón dunha formación que procurará transmitir coñecemento dun modo vivencial e participativo con dinámicas que promovan a reflexión e a experimentación persoal, favorecendo así un cambio nas condutas e ter un efecto multiplicador das accións e do coñecemento adquirido.
 
5. ASOCIACIÓN PARKINSON GALICIA-CORUÑA

Proxecto: EnREDados

Proxecto de aplicación das novas tecnoloxías ao tratamento do Parkinson e outras enfermidades neuroxenerativas, concretamente a través dos servizos de logopedia e fisioterapia.

No caso concreto da enfermidade de Parkinson, o avance tecnolóxico permitiu, entre outras cousas, a aparición de novas e mellores ferramentas para aplicar a fisioterapia e a logopedia. A tecnoloxía (apps, realidade virtual, xogos interactivos, etc.) convértense así, nunha forma de mellorar os tratamentos de rehabilitación e nun complemento eficaz e preciso no tratamento. O proxecto permitirá dotar de ferramentas dixitais (tabletas, encerados interactivos e unha consola) a dous dos servizos da entidade: fisioterapia e logopedia e así, mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas usuarias. É alí onde se traballan as habilidades cognitivas; os síntomas motores da enfermidade; a motricidade fina, a autonomía persoal ou a motivación. Non obstante, o proxecto tamén permitirá mellorar o traballo interdisciplinar entre os diferentes profesionais e fomentar o uso das novas tecnoloxías en persoas maiores de 60 anos.
 
6. APAMP- Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral

Proxecto: CAI: CENTRO DE ATENCIÓN INFANTIL. Un modelo de aprendizaxe, inclusión e convivencia.

Proxecto de apoio, acompañamento e asesoramento no contorno escolar de nenos e nenas de 0 a 16 anos con parálise cerebral ou discapacidades afíns.

O proxecto xorde pola necesidade detectada nos equipos educativos de apoio, acompañamento e asesoramento no contorno escolar nos casos de nenos e nenas con dificultades de desenvolvemento motor con base neurolóxica. Intervén nos chamados contornos naturais: escola, casa e comunidade, intervindo sempre en colaboración co persoal do centro educativo, e involucrando á familia en todo o proceso. A intervención no contorno do neno ou da nena ten especial importancia para que este teña un desenvolvemento harmónico, dándolle un rol protagonista nas intervencións que se pautan, facilitando a participación e inclusión escolar e social. O proxecto, con alcance territorial en Vigo e área metropolitana,  aposta pola plena inclusión e facilita recursos materiais innovadores e humanos formados e con experiencia na atención a nenos e nenas con alteracións neuromotoras.
 
7. ASPANAES. Asociación de Pais e Nais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (T.E.A.) da Provincia da Coruña

Proxecto: O MEU COLE AMIGABLE: SEN RUÍDO VISUAL!!!

Proxecto de adaptación das instalacións do Colexio de Educación Especial para Escolares con Autismo Aspanaes A Coruña.

Os estímulos sensoriais no TEA normalmente percíbense dunha maneira alterada podendo encontrar unha hipersensibilidade ou unha hiposensibilidade auditiva, visual, táctil, olfactiva, gusto… a sobrecarga de estímulos sensoriais (exceso de ruído, estímulos visuais, variacións da temperatura ambiente…) provoca unha “resistencia sensorial” que pode chegar a provocar ata dor física, reducindo a atención e concentración, incidindo directamente no desenvolvemento cognitivo e na calidade de vida da persoa con TEA. O proxecto permitirá mellorar a capacidade cognitiva, intervindo na sensibilidade do procesamento sensorial do alumnado con TEA escolarizado no colexio de E.E. de Aspanaes, eliminando os ruídos visuais existentes nas instalacións do centro e adaptándoo segundo a norma de accesibilidade universal, creando ademais un espazo amigable e comprometido co medio ambiente.