BUSCAR
Memoria Anual 2023
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
-
Sete proxectos de entidades que prestan servizos sociais de Galicia foron seleccionados pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, que os financiarán con 50.000 euros.
-
Trátase da terceira convocatoria de proxectos impulsada conxuntamente por ambas entidades, que ten como obxectivo facilitar apoio económico a proxectos sociais de entidades participantes en Máis Social, o programa para a profesionalización do terceiro sector.
-
Os proxectos seleccionados, que teñen dotacións específicas entre os 2.900 e 9.800 euros, serán desenvolvidos pola Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista da provincia da Coruña (ASPANAES); a Asociación Unidade de Tratamento do Alcohol e Conductas Aditivas Luis Miguel Moras (UTACA); a Federación de Asociacións de persoas xordas de Galicia; a Federación Galega de Dano Cerebral; a Federación Galega de Esclerose Múltiple; a Fundación Ingada e a Fundación Meniños.
-
A través desta convocatoria, a Fundación Barrié e a Fundación Roviralta destinaron, desde o ano 2013, 300.000 euros a 30 proxectos sociais en Galicia.
A Coruña, 28 de decembro de 2017.- Sete proxectos de entidades que prestan servizos sociais de Galicia foron seleccionados pola Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, que os financiarán con 50.000 euros. Trátase da terceira convocatoria de proxectos impulsada conxuntamente por ambas entidades, e ten como obxectivo facilitar apoio económico a proxectos sociais de entidades participantes en Máis Social, o programa para a profesionalización do terceiro sector.
Entre os proxectos presentados, a Fundación Barrié e a Fundación Roviralta deron prioridade a aqueles que promoven a integración social de colectivos en situación de vulnerabilidade ou exclusión, así como os máis innovadores e con capacidade de replicarse noutras entidades, e por tanto de multiplicar o seu impacto social. Entre eles, o acondicionamento de aulas de educación especial para alumnado con autismo, a creación dunha aula informática como recurso dentro de programas de rehabilitación de adicións legais, formación online accesible para persoas xordas, un estudo sobre o retorno do investimento sociosanitario no ámbito do dano cerebral adquirido, accións de comunicación e investigación centradas na esclerose múltiple, a creación dunha comunidade virtual e unha revista sobre TDAH (Trastornos por Déficit de Atención e Hiperactividade) e TA (Trastornos Asociados), e un proxecto para a promoción da inclusión social e laboral de familias galegas con fillos e fillas a cargo en situación de risco e/ou exclusión.
Os 50.000 euros distribúense entre os sete proxectos seleccionados con dotacións específicas entre os 2.900 e 9.800 euros por proxecto.
A través desta convocatoria, a Fundación Barrié e a Fundación Roviralta destinaron, desde o ano 2013, 300.000 euros a 30 proxectos sociais en Galicia.
Achegamos a táboa de entidades beneficiarias así como as persoas de contacto e números de teléfono para que poidan ser contactadas polos medios de comunicación interesados:
Entidade | Siglas | Localidade | Interlocutor | Teléfono |
Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista da provincia de A Coruña | ASPANAES | A Coruña |
María Teresa Tiemblo Directora Gerente |
981 130 044 |
Asociación Unidade de Tratamento do Alcohol e Condutas Aditivas Luis Miguel Moras | UTACA | A Coruña |
Ignacio Javier Bedoya Presidente |
981 293 000 627 451 624 |
Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia | FAXPG | A Coruña |
Javier Sánchez Coordinador de formación |
981 169 336 |
Federación Galega de Dano Cerebral |
FEGADACE | Santiago de Compostela |
Begoña Hermida Coordinadora Irene Cancelas Responsable de comunicación |
659 177 709 654 866 967 881 943148 |
Federación Galega de Esclerose Múltiple |
FEGADEM | Santiago de Compostela |
Mónica Serrano Técnica Social Jacobo Caruncho Responsable Comunicación |
981 575 240 604 050 773 |
Fundación Ingada | INGADA | A Coruña |
Elvira Ferrer Vicepresidenta |
722 521 381 |
Fundación Meniños | MENIÑOS | A Coruña |
Xema Cabana Dirección Técnica |
981 269 955 |
A FUNDACIÓN ROVIRALTA
Desde o ano 1959, la Fundación Roviralta vén destinando practicamente a totalidade das rendas xeradas polo seu patrimonio para fins altruístas e benéficos no ámbito do desenvolvemento social, da medicina e da educación, fundamentalmente. http://www.roviralta.org/
MÁIS SOCIAL, fortalecemento e profesionalización das entidades sociais galegas
Máis Social diríxese ás entidades do Terceiro Sector e pretende promover un modelo de acción social economicamente sostible, que facilite a estas organizacións medios e estratexias para optimizar a súa xestión -de forma prioritaria a súa captación de fondos- e orientalas cara ao futuro cun crecemento estable e sostible. Iniciado no 2011, converteuse xa nun modelo de referencia en canto ao apoio a estas entidades sociais medianas e pequenas, cun rol fundamental na atención aos colectivos máis vulnerables.
Para iso, oferta, sen coste para as entidades sociais, unha serie de instrumentos de apoio que promoven un modelo de crecemento sostible que inclúen servizos de consultoría, programas formativos, desenvolvemento de webs corporativas das entidades de acción social, axudas para a contratación de persoal directivo e apoio económico a proxectos.
http://www.fundacionbarrie.org/mas-social
ANEXO
PROXECTOS SELECCIONADOS NA III CONVOCATORIA 2017
ASOCIACIÓN DE PAIS DE PERSOAS CON TRASTORNO DO ESPECTRO AUTISTA (TEA) DA PROVINCIA DA CORUÑA - ASPANAES
www.aspanaes.org
Gústame o meu cole!! Adecuación do colexio de educación especial para escolares con autismo, Aspanaes Santiago/ Santiago de Compostela
Aspanaes é unha entidade de acción social, sen ánimo de lucro, con 38 anos de traxectoria, que traballa para apoiar ás persoas con autismo e mais ás súas familias, creando oportunidades para mellorar a súa calidade de vida. Por iso, queren ofrecer ao alumnado con autismo (TEA) equipamentos óptimos, co obxectivo de promover unha educación especializada, inclusiva e de calidade.
A Xunta de Galicia recoñeceu unha unidade máis de educación especial ao Colexio Aspanaes “Duques de Lugo”, situado en Santiago de Compostela, co fin de ofrecer a 51 nenos e nenas escolarizados atención educativa especializada. Coa execución de “Gústame o meu cole”, acometeron obras de reforma e equipamento, para adaptaren as instalacións a novas necesidades, consistentes en: instalación de climatización no comedor, adaptación de baño accesible e de espazos de ocio e relaxación, achegando así, á cadea de valor, calidade nos recursos de atención a persoas con autismo.
ASOCIACIÓN UNIDADE DE TRATAMENTO DO ALCOHOL E CONDUTAS ADITIVAS LUIS MIGUEL MORAS- UTACA
https://utaca.weebly.com/
Informatíza-te/ A Coruña
Proxecto que ten como obxectivo axudar a diminuír a fenda dixital entre os usuarios da Asociación afectados por adicións legais (alcohol, xogo, tabaco, psicofármacos e outros) á vez que pon en valor a páxina web como ferramenta de contacto entre usuario- terapeuta e como recurso que axude á súa rehabilitación. Todo o anterior mediante a posta en funcionamento dunha aula de informática. Esta aula de informática será utilizada con fins terapéuticos, o que a converte nunha ferramenta para a estruturación das persoas no seu proceso de recuperación e incorporación posterior á sociedade.
FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS DE PERSOAS XORDAS DE GALICIA – FAXPG
http://www.faxpg.es/
Formación on line en competencias en lingua castelá (alfabetización) para persoas xordas/ Galicia
Implementación dunha plataforma on line accesible para persoas xordas, aplicando como primeira experiencia unha das principais actividades formativas de continuidade nas FAXPG: a alfabetización de adultos xordos.
Non existen en Galicia experiencias de formación para persoas xordas, accesibles en lingua de signos, polo que ten a consideración de “primeira experiencia” ou proxecto piloto no que o principal reto é a adaptación do material didáctico á lingua de signos e a metodoloxía á formación online.
Para a FAXPG supón unha nova aposta pola aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito da accesibilidade das persoas xordas á formación. En relación ás persoas xordas, ata o momento, a participación en actividades formativas de lectoescritura require a súa asistencia presencial o que supón un límite para aquelas persoas residentes fóra das cidades ou as súas áreas metropolitanas. Preténdese chegar a aquelas persoas que teñen dificultades para acceder á formación presencial.
FEDERACIÓN GALEGA DE DANO CEREBRAL- FEGADACE
http://www.fegadace.org/
Retorno social da investimento en atención sociosanitaria a persoas con DCA e as súas familias/Galicia
Primeiro estudo de ámbito autonómico sobre o retorno do investimento social e económico en servizos e recursos de apoio e atención ao dano cerebral adquirido (DCA) en Galicia.
A liña de base do estudo será a realización dunha medición do impacto, vía retorno social do investimento, dos programas de atención ambulatoria, de rehabilitación funcional, inclusión social de persoas con DCA, así como o apoio psicolóxico, a información e o asesoramento ás familias. Analizaranse catro dos servizos principais que se prestan nas asociacións de familiares de persoas con DCA federadas.
FEDERACIÓN GALEGA DE ESCLEROSE MÚLTIPLE- FEGADEM
https://esclerosismultiplegalicia.org/
Sígueme, emociónate, compréndeme, cando che digo que loitamos por ti/ Galicia
A Federación impulsa de cara ao seu futuro o Programa integral de xestión, visibilización e sensibilización da esclerose múltiple (EM), organizándose en áreas de traballo para dar resposta ás necesidades detectadas.
Unha destas áreas de intervención é a chamada Área de Comunicación e divulgación, que supuxo a creación deste proxecto. Con esta área e proxecto pretenden adquirir unha imaxe renovada e inspiradora da Federación, con presenza nos medios e ofrecendo información de calidade. Nestes momentos é imprescindible dar a coñecer o labor das asociacións de EM e xerar investigación e estudos das necesidades na nosa comunidade autónoma.
Será executado en Galicia, tendo gran protagonismo as cinco asociacións de EM na comunidade autónoma (Santiago, A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense) pero tendo tamén presente o medio rural.
Para a Fundación supón estar máis preto da realidade da persoa afectada e o contorno que lle rodea, defendendo os intereses do colectivo, representando ás cinco asociacións, que día tras día buscan os medios que faciliten a súa mellor calidade de vida.
FUNDACIÓN INGADA
https://www.fundacioningada.net/
Medrar compartindo 2017-2018/ Galicia
Co fin de mellorar a calidade de vida da mocidade con TDAH (Trastornos por Déficit de Atención e Hiperactividade) e TA (Trastornos Asociados), a Fundación Ingada presenta este proxecto que ten como obxectivo dar voz a estas persoas. Iso realizarase a través de:
1.- Convers@ Xove, unha comunidade virtual aloxada na plataforma É-Saúde do Sergas, cuxo obxectivo é compartir experiencias entre a xuventude, educar para a saúde, e proporcionar información contrastada sobre o TDAH aplicada ás súas necesidades. A comunidade estará moderada e coordinada por profesionais de diferentes ámbitos: xuristas, psicólogos, terapeutas ocupacionais, médicos...
2.-Ademais pretendemos canalizar o talento da nosa xuventude na revista de divulgación online Policefalia. Nela poden publicar diferentes artigos, facer entrevistas, amosar as súas creacións artísticas, expresar opinións... Trátase de facer visibles as súas inquedanzas, potenciar as súas calidades e mellorar a súa autoestima.
FUNDACIÓN MENIÑOS
https://www.meninos.org/
Proxecto agulla de marear: rede de orientación e fortalecemento familiar para familias con nenos e nenas en risco de desprotección/Galicia
O proxecto promove a inclusión social e laboral de familias galegas con fillos e fillas a cargo en situación de risco e/ou exclusión, coa finalidade última de evitar a separación dos nenos e nenas da súa contorna.
Pon a disposición destas familias un servizo de acompañamento/seguimento e apoio para a inclusión social a través de dous niveis de intervención (individual e grupal) como ferramenta complementaria de apoio e fortalecemento en situacións de risco e/ou exclusión social, baseada no reforzo e no intercambio de experiencias no grupo.
Xorde como complemento necesario ao programa de integración familiar que se leva a cabo desde a Fundación Meniños, completando a intervención individual.
RECURSOS DISPONIBLES
Imaxes