UNIDADE DIDÁCTICA PARA A EXPOSICIÓN "MARC CHAGALL. FÁBULAS E SOÑOS"

 
“Coller as cousas, reflexionar e soñar con elas: este era o meu xogo”

                                                                                           Marc Chagall
 
Artista poético e colorista, Marc Chagall soubo combinar de xeito maxistral na súa obra as achegas formais das vangardas francesas (especialmente fauvismo, cubismo e orfismo) coas súas experiencias vitais e as tradicións populares da comunidade xudea rusa, conformando así un estilo persoal e inclasificable. Na súa dilatada traxectoria experimentou con todo tipo de soportes, como a ilustración, a cerámica, o relevo, o mosaico, a vidreira ou o deseño de vestiario e maquillaxe.
 

OBXECTIVOS EDUCATIVOS:
 
-Coñecemento e análise das posibilidades comunicativas da pintura.
-Estimular a capacidade de análise visual.
-Promover a creatividade.
-Potenciar as destrezas comunicativas interpersoais e o traballo en equipo.
 

PROGRAMA EDUCATIVO:

A experiencia educativa comeza cunha visita dinamizada á exposición na cal nos mergullamos nas poéticas e simbólicas imaxes de Chagall.
Con posterioridade realizaremos as nosas propias creacións plásticas, inspiradas polo artista bielorruso.
Utilizaremos tabletas dixitais e distintas aplicacións que nos permitirán un proceso creativo que mestura a edición e posprodución dixital con técnicas tradicionais, dentro dun concepto integrador de tecnoloxía e arte.
 

Actividades para escolares na idade Infantil. 60Min.

AS CORES FALADORAS
 
“A cor é vibración, como a música, todo é vibración. A cor é todo. Cando a cor é correcta, a forma é correcta” Marc Chagall
 
En 1910 Chagall instálase por primeira vez en París. Alí descobre a arte das primeiras vangardas, un novo mundo de formas, cores e alegría que o levará a escribir na súa autobiografía A miña vida: “Só cando cheguei a París fun por fin quen de expresar a miña alegría” [...] “Os meus cadros, en Rusia, non tiñan luz. Todo era alá marrón, griseiro. Ao chegar a Francia, conmovéronme os matices das cores.”
Tras o seu regreso a Rusia, entre 1914 e 1922, volverá de novo a Francia. É entón cando o editor Ambroise Vollard lle encarga a ilustración de diversas obras literarias, entre as cales se encontran As fábulas de La Fontaine. En 1926, instalado en Chambon-sur-Lac, traballa nunhas 30 augadas sobre as Fábulas, que se chegarán a expoñer en París, Bruselas e Berlín. O propio Vollard conta que “Chagall fixo un cento de guaches rechamantes”, no seu habitual estilo colorista, “mais no momento de transferilos ao cobre, xurdiron tantas dificultades técnicas que o artista tivo que substituílos por augafortes en negro.”
 
Na nosa proposta educativa imos traballar sobre as auguafortes en branco e negro das Fábulas creadas por Chagall. A partir da imaxe e do título da fábula elaborarán as súas propias historias, as súas propias fábulas, que actuarán como versións alternativas destas. En función das súas historias e tras as explicacións sobre as cores e a súa simboloxía, que descubrirán durante a visita á exposición, pasarán a colorealas utilizando ferramentas dixitais. Así devolveremos ás ilustracións a idea orixinal de Chagall.
 

Actividades para escolares de Primaria. 90Min.

O ENIGMA DOS ANIMALOIDES INSÓLITOS
 
 “Non hai que partir do símbolo, senón terminar nel”  Marc Chagall
 
Nas obras de Chagall abundan os animais, que comparten cos humanos o protagonismo da obra. Na súa maioría son animais ligados ás súas experiencias vitais, ao mundo rural, á granxa, ao fogar, que aparecen de forma recorrente: o peixe, o galo, a vaca, o touro, a cabra, o cabalo, o asno... Mais o seu universo pictórico encóntrase en contínua metamorfose e estes animais combinaranse ás veces con seres humanos. Todos eles funcionan como personaxes simbólicos. Así descubrimos nas súas obras peixes con alas que tocan o violín, labregas ou malabaristas alados con cabeza de paxaro, vacas que voan, con paraugas ou que tocan o violín,  cabras que beben viño na copa ou que tocan a frauta, asnos traxeados, etc.
 
Todos eles funcionan como símbolos, aínda que o seu significado sexa cambiante e hermético. O propio artista advírtenos sobre iso: “Cando nun dos meus cadros alguén descobre un símbolo, non é porque eu así o quixese. É un feito que eu non busquei. É algo achado despois e que cada un pode interpretar ao seu gusto.”
 
Na nosa proposta educativa crearemos as nosas propias historias simbólicas, nas cales, ao igual que o artista, nos serviremos de personaxes animalizados como protagonistas. Ampliaremos o repertorio de animais e de escenarios, para dar renda solta á imaxinación. No noso proceso creativo partiremos de medios e técnicas físicas, como o collage fotográfico, para logo editar dixitalmente esas imaxes con distintos tipos de aplicacións. Transformaremos así as fotográfías iniciais en debuxos coloreados por eles mesmos. Finalmente se propoñerá unha posta en común dos traballos para que as autoras e autores os expliquen e sexan interpretados en chave simbólica polo resto do grupo.  Salirá deste xeito á luz o mundo interior de cada participante como unha confluencia feliz entre o consciente e o inconsciente, potenciando a intuición e a liberdade da fantasía.
 

Actividades para escolares de ESO e Bacharelato. 90Min.

METÁFORAS PICTÓRICAS
 
“Sempre me interesou máis o lado invisible, o lado digamos ilóxico da forma e do espírito, sen o cal para min non está completa a verdade exterior” Marc Chagall
 
André Breton, teórico e fundador do surrealismo, escribiu en 1941 sobre Chagall: “A súa total explosión lírica produciuse en 1911. Desde esa época, a metáfora fixo a súa entrada triunfal na pintura moderna”.
Era unha época na que se estaba producindo a fusión entre a poesía e as artes plásticas. Chagall lograra que as imaxes se convertesen en metáforas, desentrañando así o sentido profundo das cousas, do mundo. Un mundo, o seu, que habita entre a fantasía e a natureza, entra a vida interior e o mundo exterior, ambos intimamente entrelazados para conformar a súa realidade, plasmada como unha unidade dentro do cadro.
 
Na nosa proposta educativa desenvolveremos técnicas creativas que inclúen o xogo, o azar, os soños, os símbolos e as metamorfoses, para construírmos así metáforas pictóricas mediante medios dixitais, usando distintas aplicacións en tablets. Finalmente se propoñerá unha posta en común dos traballos para que as autoras e autores os expliquen e sexan interpretados polo resto do grupo.