
Chagall. Fábulas e Soños
Chagall. Fábulas e Soños
Dende o 12 de marzo ata o 30 de agosto de 2020, sede da Coruña
A Fundación Barrié presenta a maior exposición de obra gráfica de Marc Chagall (Vítebsk, Imperio ruso, 7 de xullo de 1887 - Saint-Paul de Vence, Francia, 28 de marzo de 1985), un dos pintores e artistas gráficos máis importantes do século XX e un dos artistas máis inclasificables. O seu estilo pictórico tan persoal, cun profundo coñecemento expresivo da cor, está vinculado ás lembranzas da súa infancia, á natureza, á poesía, á fantasía e ao folclore xudeu e da vida na súa vila natal.
Máis dun cento de obras, procedentes da Colección The Art Company de Italia, ofrecerán un percorrido seriado da obra gráfica de Marc Chagall que, a través de catro series, cobren o período dende 1927 ata 1968 e permiten ao visitante apreciar a evolución do artista ruso no manexo da prancha, así como o seu dominio das diferentes técnicas de impresión.
As Fábulas de La Fontaine, a pesar de que tan ó foron publicadas como obras completas en 1952 grazas ao editor Tériade, forman parte dos tres conxuntos de ilustracións encargados polo galerista e editor Ambroise Vollard, que inclúe ademais de As Fábulas, As almas mortas e a Biblia. Nas láminas realizadas entre 1927-1930 vemos a Chagall entregarse ao augaforte con resultados extraordinarios. Nelas apréciase a creatividade técnica do artista no variado do trazo, no uso do verniz para obter efectos pictóricos e dos cepillos de púas para crear entramados de signos.
Na serie de 1957 titulada Chagall, o visitante pode admirar unha das primeiras publicacións ilustradas con litografías en cor, camiño iniciado coas famosas Mil e unha noites de 1948. Estas obras foron concibidas para acompañaren un ensaio sobre o artista ruso de Jacques Lassaigne, historiador e crítico de arte parisiense que se conta entre os máis influentes estudosos da Arte Moderna. O artista alterna composicións marcadamente monocromáticas con xogos de cor no espectro das cores primarias e secundarias onde trazo, grafismo, debuxo e fondo se amalgaman. O medio litográfico libera en Chagall novas potencialidades expresivas á vez que acolle algúns dos elementos máis destacados do seu aparato iconográfico.
A exposición continúa con Chagall Litographe (1960), serie de estampas realizadas para o primeiro volume do catálogo razoado da obra litográfica do artista. Libros que son verdadeiros e xenuínos libros de artista, acompañados dunha colección de obras orixinais de altísimo nivel. Ademais de que poidamos admirar canto progresou o seu dominio do medio litográfico, obsérvase que a serie se desenvolve arredor de núcleos temáticos bastante delineados: o circo, os amantes, París, a mestura do humano e animal e do masculino e feminino e o anxo, sen que Chagall deixe de lado as constantes referencias autobiográficas.
O percorrido conclúe con Poèmes (1968), que representa unha das obras mestras dos libros de artista do século XX. Os 24 gravados, pensados para acompañar unha escolma de poemas de Chagall compostos entre 1930 e 1964, son, por realización técnica e concepción, o resultado da plena madurez do artista no ámbito da obra gráfica. 138 pranchas de madeira e dous anos de traballo dan testemuño da enorme dimensión do proxecto. Chagall elixe a xilografía para combinala co collage. Se ben estas obras non perden en liberdade expresiva en relación co medio litográfico, semellan renunciar á inmediatez por un traballo que escava máis a fondo sobre o soporte, unha escavación por capas. As composicións preséntanse como un ensaio, mesurado e variable ao tempo, da poética chagalliana. Elementos á maneira de ready-mades narrativos que, nunha mestura do sagrado e do profano, do autobiográfico e do onírico, ofrecen ao espectador un compendio íntimo e moi vivo da obra do artista.
GALERÍA DE IMAXES
-
Marc Chagall / Poemas_ Grabado 18, 1968 / Xilografía y Collage
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / Poemas_ Grabado 3, 1968 / Xilografía y Collage
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / Poemas_ Grabado 13, 1968 / Xilografía y Collage
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / Visión de París, 1960 / Litografía/ Mourlot 287
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / La malabarista, 1960 / Litografía / Mourlot 290
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / Notre Dame y la Torre Eiffel, 1960 / Litografía / Mourlot 295 / De Luxe Edition of Litographie, I, nº30
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / Tabla 13, 1957 / Litografía
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / Pareja negra con músico, 1960 / Litografía / Mourlot 296 / De Luxe Edition of Litographe, I, nº30
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / Las Fábulas de La Fontaine_Gata convirtiendose en mujer, 1952 / Aguafuerte
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
-
Marc Chagall / Tabla 4, 1957 / Litografía
VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®
VIDEO
Rueda de prensa - Exposición "Chagall. Fábulas y sueños"
Fundación Barrié
CONTIDOS RELACIONADOS