Folleto da exposición "Chagall. Fábulas e Soños"


Portada
MARC CHAGALL / Poemas_ Gravado 13, 1968
/ Xilografía e Collage / © VEGAP, A Coruña, 2020.
- Chagall ®


Clement Greenberg, un dos críticos de arte máis importantes do século XX e considerado profeta do Expresionismo Abstracto nos Estados Unidos, afirmou:
“En tanto que augafortista e litógrafo, Chagall sitúase entre os mellores e non ten rival, agás Picasso, neste século”.
 

Chagall
Fábulas e soños


A Fundación Barrié presenta a maior exposición de obra gráfica de Marc Chagall, un dos pintores e artistas gráficos máis importantes do século XX e un dos artistas máis inclasificables. O seu estilo pictórico tan persoal, cun fondo coñecemento expresivo da cor, está vinculado ás lembranzas da súa infancia, á natureza, á poesía, á fantasía e ao folclore xudeu e da vida na súa vila natal.
Máis dun cento de obras ofrecerán un percorrido seriado da obra gráfica de Marc Chagall que cobren o período dende 1927 ata 1968 e permiten ao visitante apreciar a evolución do artista ruso no manexo da prancha, así como o seu dominio das diferentes técnicas de impresión.
Con esta exposición, organizada en colaboración coa Colección The Art Company de Italia, a Fundación Barrié dá continuidade á revisión de obras de grandes mestres da historia da arte e, neste caso, á obra sobre papel, como o foi tamén a recente exposición de debuxos de Rembrandt ou Rubens na mostra Trazos Mestres, organizada co Victoria and Albert Museum de Londres.
 
A EXPOSICIÓN

O percorrido da exposición propón catro series de obras gráficas de Marc Chagall:
  • As Fábulas de La Fontaine
  • Chagall (1957)
  • Chagall Litógrafo (1960)
  • Poemas (1968)


Biografía


MARC CHAGALL
(Vítebsk, Imperio ruso, 7 de julio de 1887 - Saint-Paul de Vence,
Francia, 28 de marzo de 1985)

Marc Chagall, chamado en realidade Moishe Segal, naceu en Bielorrusia, sendo o fillo maior de nove irmáns. A súa formación comeza en San Petersburgo, xunto ao innovador pintor ruso e deseñador escenográfico Léon Bakst. En 1911 trasladouse a París, cidade que impactou fortemente na súa vida e obra e na cal chegou a expoñer a súa obra  no Salon d’Automne e no Salon des Indépendants. Foi o poeta Apollinaire quen lle presentou ao marchante alemán Herwarth Walden e este organizou a súa primeira exposición individual en Berlín en 1914.

En 1915 volveu á súa cidade natal Vítebsk, onde estalou a guerra. Este mesmo ano casou con Bella Rosenfeld. Finalizada a Revolución rusa asumiu a dirección da Escola de Arte de Vítebsk, cargo que tivo que abandonar polas súas diferenzas con Kazimir Malévich. Entre 1919 e 1921 colaborou co Teatro Estatal Xudeu de Moscova. Tras un breve paso por Berlín, en 1923 Marc Chagall marchou para Francia. En 1941 trasladouse a Estados Unidos para evitar ser deportado. Cinco anos máis tarde o Museum of Modern Art de Nova York celebrou unha exposición retrospectiva da súa obra que consolidou a súa reputación internacional de maneira definitiva. En 1948 volveu a Francia onde viviría durante o resto da súa vida. 

Despois da tráxica morte de Bella en 1944, Marc Chagall casou con Valentina Brodskaya, a quen alcumaba “Vava”. Aínda que o novo matrimonio foi moi feliz, Bella sempre foi a súa musa principal.

Desenvolveu a súa traxectoria artística en diferentes campos como a ilustración, a cerámica, os mosaicos, murais de producións teatrais –pintou tamén o teito da ópera de París–, ou o deseño de vidreiras como as da catedral de Metz ou da sinagoga do Hebrew University Hadassah Medical Centre de Xerusalén. Traballou ata o derradeiro día da súa vida, o 28 de marzo de 1985 o pintor de 97 anos morreu nun elevador despois de estar todo o día no seu estudio. 

As Fábulas de La Fontaine
 

Cando en 1923 Blaise Cendars comunicou a Chagall que o galerista Ambroise Vollard desexaba reunirse con el, xestouse unha das máis interesantes asociacións artísticas do século XX. Marc Chagall reuniuse co galerista e editor ese mesmo ano en París e, pasando o tempo, lembrou sempre o asombro e o orgullo de ter podido colaborar cunha das figuras máis influentes do París das artes. En decembro de 1927, nunha entrevista para Art Vivant, Chagall afirmaba:
 
O pracer que me produciu ilustrar Almas mortas de Gogol debeuse a que o señor Vollard me deu a posibilidade de me expresar con total liberdade. A súa confianza animoume moito e permitiume levar a termo os cen gouaches de As Fábulas de La Fontaine que logo derivaron en gravados. Aínda tremo de medo cando teño que ensinar as miñas obras a Vollard. Como podería esquecer que foi contemporáneo de Cézanne e Renoir?
 
As láminas de As Fábulas de La Fontaine foron realizadas entre 1927 e 1930. A xestación de As Fábulas é un proceso complicado; nun primeiro momento Chagall executa uns gouaches que, tras terse amosado fugazmente en público en 1930 en París, Bruxelas e Berlín, acabaron espallados por coleccións privadas. Con posterioridade, desbotouse unha primeira edición impresa por mor do mal resultado que deron as probas en cor. Xa que logo, o artista decantouse polo branco e negro da augaforte. Nos anos sucesivos, Chagall non agochou unha certa frustración por non ter visto publicadas As Fábulas e, nunha carta de 1936 a Pavel Ettinger, o artista define as súas ilustracións como obras que dormen un doce sono sen chegar a espertar no almacén de Vollard e pregúntase como persuadir a este de que as publique. Intento que se demostrará inútil, porque a publicación só verá a luz en 1952, despois de que Eugene Tériade, célebre editor, compre as pranchas das augafortes aos herdeiros de Vollard.
 
As Fábulas nacen na campiña de Muurillon e na Auvernia, onde en 1926 Chagall pasa longos períodos coa súa familia para profundar no seu coñecemento do mundo animal e vexetal. Por outra banda, diríase que as dificultades técnicas, máis que o desalentar, animan o artista. En palabras de Meyer e Marteau, revive o entusiasmo da creación, da fusión de técnicas diversas: superficies incisas primeiro e logo recubertas de verniz que retoca para obter efectos pictóricos; o punzón que delinea delicadamente a follaxe, o pelo, as plumas, os degradados e entramados de signos que modulan a tonalidade do branco cambiante ao negro profundo, logrado ás veces mediante cepillos de púas. Obras que han de verse de preto, nas cales a ollada debe alternar entre a apreciación da composición e o asombro ante o detalle.
 
A primeira edición de As Fábulas sae en 1668; o corpus completo ultimarase en 1694 e, entre tanto, La Fontaine irase afirmando no transcurso do tempo como un clásico da literatura francesa e entrará nas escolas. Ademais, tras a primeira edición ilustrada de 1685 de Romeyn de Hooghe, consagrouse ao repertorio visual de As Fábulas unha nutrida lexión de artistas franceses, desde os setecentistas Boucher, Lancret, Larmessin e Fragonard ata a monumental edición de 1867 de Gustave Doré, que «situaba definitivamente a La Fontaine nunha pléiade que era a un tempo clásica e francesa». Cando Vollard escolleu a Chagall, desatouse a polémica nas columnas da prensa tradicionalista, que toleraba mal as orixes do artista. O mesmo Vollard respondeu brillantemente ás críticas indicando as fontes especificamente orientais de As Fábulas —Esopo, os contistas indios, persas, árabes ou chineses— e sinalando a Chagall como un cantor que é quen de facer familiares as alusións a Oriente.
 
Cando Chagall se enfronta a La Fontaine non escolle o camiño da sátira de Monnier ou Desmares nin da pedagoxía de Boutet de Monvel e Rabier, senón que se inclúe entre aqueles artistas que, como subliña Claire Lesage, se apropian do mundo de As Fábulas e as abordan a través do filtro do seu particular xeito de facer e pensar a arte. De Ridder salienta a independencia, case impertinente, das ilustracións con respecto ao texto; unha capacidade de renovar a visión do texto, impregnándoo, máis alá dos vínculos coas circunstancias da época, dun fondo de humanidade, de lenda, de soño e de realidade ao mesmo tempo. A Chagall non lle interesa o aspecto moral da fábula, senón que máis ben se sente atraído polos elementos fantásticos nos cales homes e animais dialogan, interactúan, viven unha conexión ancestral. Neste senso, Franz Meyer é preciso e lucidísimo cando fala
de As Fábulas:
 
Esta historia natural é extraordinariamente múltiple. O
que aparece en primeiro plano non é o sentido moralizante
da fábula, senón a fiel relación familiar co animal,
que resoa na formulación da fábula. [...] A narración
fabulesca faise transparente no sentido primitivo da historia
dos animais en tanto que linguaxe simbólica. Mais
o simbolismo en si permanece latente: o que se esperta e
se activa é a razón psíquica na cal afunde as súas raíces
o encontro co animal, a imbricación no seu sentido e na
súa vida, non o xa superado e esquecido significado do
propio simbolismo animal.


MARC CHAGALL / As Fábulas de La Fontaine_Gata
converténdose en muller, 1952, detalle / Augaforte /
© VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®


Chagall

No conxunto de obras titulado Chagall, presentadas nunha publicación de 1957, o propio artista ilustra con litografías a cor un ensaio de Jacques Lassaigne sobre o pintor de orixe bielorrusa. Historiador e crítico de arte parisiense, Lassaigne cóntase entre os máis importantes estudosos da Arte Moderna. Presidente da International Association of Arts Critics desde 1971 ata 1978, Lassaigne é autor de varias monografías clave sobre numerosos
artistas, como Lautrec, Dufy, Matisse, Miró e Kandinsky. Chagall e Lassaigne colaborarán en múltiples ocasións; en concreto, Chagall ilustrará os ensaios que o primeiro lle dedicou: «Nouvelles Situations de l’Art Contemporain», publicado na célebre revista XXe Siècle (1960), Le Plafond de l’Opéra de Paris (1965) e Marc Chagall. Dessins
et Aquarelles pour le Ballet (1969).
 
O ensaio de Lassaigne materialízase nun encontro íntimo con Chagall onde o primeiro dá libre voz a agudísimas reflexións tanto sobre a obra pictórica como sobre as litografías do segundo. Vemos un artista que pasea solitario por camiños rurais ou urbanos para logo mergullarse no seu estudio ata ben entrada a noite, celoso das súas fases de traballo e das súas técnicas. Descubrimos un Chagall que, en palabras de Lassaigne (algo que resulta evidente na serie de obras), non procura harmonías, como Braque ou Matisse, senón motivos predominantemente decorativos; onde, nos elementos que emanan del, o artista non ve a necesidade de buscar concesións ou equilibrios. Ao contrario, eses elementos deben vibrar, falar, vivir por si sos.
 
Chagall, un namorado do labor artesán, sempre admirará os obradoiros de gravado e, como se empeñaba en lembrar Lassaigne, a diferenza de moitos artistas antigos e modernos, Chagall non se conformará con debuxar ilustracións para deixar logo en mans dos técnicos o gravado e a reprodución. Ben ao contrario, o artista traballará as matrices cunha impresionante creatividade e diversidade de medios e recursos ata ter adquirido unha mestría expresiva que ben se pode comparar coa que acadou na pintura.
 
Estas obras ilustran unha das primeiras publicacións nas cales Chagall utiliza a litografía a cor, percorrido iniciado coas célebres Mil e unha noites de 1948. O medio litográfico permite traballar a pedra cos soportes máis diversos e o artista aproveita ás mancheas ese potencial. O trazo, o grafismo, o fondo, o efecto pastel, o bosquexo... despréganse encol da superficie cunha forza gozosa. A elección dos temas tamén é variada e nunha mesma prancha encóntranse composicións máis esenciais cargadas de figuras xunto a alusións simbólicas. Na Lámina 1, unhas manchas negras de lapis litográfico, que lembran o carbón, enmarcan unha parella de amantes cuxa anatomía semella atravesada por unha mestura de ambos sexos, unha unión híbrida de masculino e feminino.


MARC CHAGALL / O frautista, 1957 / Litografía /
Mourlot 197 © VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®

 
A Lámina 3 é talvez a estampa máis rica do alfabeto chagalliano e hai quen considera que se retoma en Poemas (serie en exposición) no Gravado XXII. Obsérvase nesta peza unha particularísima sacralidade e humanidade a un tempo. Un crucifixo que se fai reloxo e leva a sinatura do artista, quen, en tanto que supremo facedor, está ancorado a criaturas do mar e da terra, así como á lectura dun texto probablemente relixioso. No fondo latexa unha paisaxe de ruralidade e maternidade.
 
A composición monocromática Lámina 4 é, polo contrario, unha celebración do soño nas súas diversas conxugacións, nun in crescendo que, do canto do paxaro, pasa por un violín que semella voar ata un músico cun clarinete, instrumentos que, sen dúbida, remiten á tradición musical clásica. A Lámina 7 é unha obra de particular importancia dentro do conxunto, xa que atravesa toda a mostra. A hibridación entre humano e animal, entre touro e músico e entre muller e peixe non apunta á harmonización dos temas, senón máis ben ao vibrar dos elementos particulares, como lembraba Lassaigne. Unha mestura de formas que, no primeiro caso, se expresa a través dunha fusión da cambiante monocromía da faciana, mentres que no caso da muller/peixe é unha xustaposición de elementos, un collage expresivo. Na parella de amantes da Lámina 8 faise evidente a forza das diversas técnicas combinadas coa litografía; se o corpo del é un conxunto de manchas vermellas sobre un rápido fondo, a figura dela xorde esencial, pero máis delineada nos seos, que semellan gadañas ou lúas. Talvez unha caída, ou un abalanzarse
 sobre un lenzo envorcado onde campa a Torre Eiffel, que con trazo sutil asume contornos de ser vivo (tema que reaparece en Visions de Paris, tamén na exposición).



MARC CHAGALL / O acordeonista, 1957 / Litografía /
Mourlot 204 © VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®

 
Se a Lámina 9 e a Lámina 10 celebran a habilidade expresiva e técnica de Chagall á hora de caracterizar as antípodas da natureza morta, a Lámina 13 figura, sen dúbida, entre as obras cruciais do conxunto. Unha composición que, co seu uso cromático, se desprega a través de campos de cor ben ordenados. As figuras de azul invocan unha execución case pictórica, feita dunha relación de proximidade e olladas. Nun in crescendo que vai da esquerda á dereita, o paxaro do ollo multiplicado, acentuando o testemuño silencioso, traslada o espectador ao núcleo principal da obra. En amarelo, un tanguedor de cítara, instrumento que na iconografía chagalliana está sempre asociado ao episodio bíblico do rei David, mais tamén instrumento antiquísimo que, nas súas diversas variantes e formas, aparece en diversas partes do mundo; instrumento que se estende desde Oriente ata Occidente, que acolle as contaminacións e as mudanzas das épocas. Na obra, a faciana do tanguedor de cítara ten os trazos do propio Chagall, que move unha música descoñecida cara ao anxo que preside en vermello o ángulo dereito da lámina.

Chagall
Litógrafo



MARC CHAGALL / Visión de París, 1960 /
Litografía/ Mourlot 287 © VEGAP, A Coruña,
2020. - Chagall ®

 
Como tantos outros artistas contemporáneos seus, entre os cales poderiamos citar a Matisse, Derain, Braque ou Picasso, Marc Chagall buscou sempre outros medios de expresión á parte da pintura. Non cabe dúbida ningunha de que o gravado e a litografía foron as vías que máis transitou e as que produciron resultados máis brillantes. Ao igual que Picasso, Chagall chegou á litografía tras ter experimentado con diversas técnicas de impresión.
 
Se Picasso, logo de esporádicas tentativas en 1919 e 1930, emprendeu a realización de litografías en 1945, Chagall fíxoo dous anos máis tarde, tras o seu regreso definitivo a París. Ambos frecuentaban o famoso obradoiro dos irmáns Mourlot, onde verán a luz gran parte das obras mestras da litografía do século XX. Chagall enfróntase tanto á augaforte como á litografía dun xeito indagador, en canto aos aspectos técnicos, e á vez intimamente emotivo. En palabras do propio Chagall:


MARC CHAGALL / A malabarista, 1960 /
Litografía / Mourlot 290 © VEGAP, A Coruña,
2020. - Chagall ®


Ao soster unha pedra litográfica ou unha placa de cobre,
tiña a sensación de tocar un talismán. Parecíame que
lles podía infundir todas as miñas penas, todas as miñas
alegrías. Todo aquilo que, no transcurso dos anos, cruzou
pola miña vida: nacementos, mortes, matrimonios, flores,
animais, paxaros, obreiros pobres, pais e nais, amantes
na noite, profetas bíblicos... polos camiños, na casa, no
templo e no ceo. E, coa idade, a traxedia da vida en nós
e arredor de nós.
 
Chagall Litógrafo ofrece ao visitante un conxunto de estampas realizadas para o primeiro volume do catálogo razoado da obra litográfica do artista (na mostra pode verse a edición de luxo, da cal tan só se imprimiron cen exemplares). Lonxe de ser meros instrumentos de catalogación, os volumes son auténticos e xenuínos «libros de artista», ilustrados por un abano de obras orixinais de altísimo nivel. A imitación de Chagall que, entre os anos 1963 e 1974, publicará outros tres volumes acompañados de ilustracións, tamén Picasso e Miró, entre
outros, emprenderon un camiño semellante.


MARC CHAGALL / Notre Dame e a Torre Eiffel,
1960 / Litografía / Mourlot 295 /
De Luxe Edition of Litographie, I, no30
© VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®


Diríase que a elección dos temas efectuada por Chagall opera segundo os núcleos temáticos que atravesan o «mundo» do artista. Ante todo, salienta polo seu enorme interese La Maison de mon village. Nas súas memorias, escritas entre 1922 e 1924, Chagall conta unha anécdota da súa propia vida: súa nai buscaba seu pai, que desaparecera nun día festivo. Ao final descubrírono sentado na cheminea da casa gozando do bo tempo. Esta anécdota viuse representada por primeira vez nunha augaforte de 1920 e, máis adiante, en La Maison de mon village. «Unha boa imaxe —di o artista». E engade: «Talvez o soñase todo». Se ben a augaforte de 1920 semella ter tons máis realistas, na obra que se exhibe a anécdota represéntase nunha fiestra branca que serve de separación entre o real e o fantástico, entre a lembranza e a súa representación, mentres que Chagall se autorretrata como pintor capaz de cruzar as dúas dimensións.
 
Dúas obras en concreto, Le Cirque e La Jongleuse, xiran arredor do motivo do circo. Devandito motivo —sen esquecer as obras anteriores de Daumier— atravesa toda a arte moderna. Xa no século XIX poden citarse Acrobats at the Cirque Fernando (1879) de Renoir, Circus Fernando, de Degas, do mesmo ano, e a obra de Georges Seurat exposta no Salon des Indépendants en 1888 e titulada Parade de cirque. A principios do século XX será Picasso quen reivindique a vea melancólica do saltimbanqui. Logo, retomarán o circo artistas como Léger, Van Dongen, Rouault e Calder, entre outros. Para Chagall, xa fascinado polos espectáculos circenses da súa cidade natal de Vítebsk, o circo será un dos eixes fundamentais sobre os que xire a vida artística e social da capital francesa. El establecerá un profundo vínculo co circo ao elixilo como tema de interpretacións e reproducións constantes. Vínculo sempre ambivalente, capaz de pór en escena os polos opostos do tráxico e do cómico.
 
En La Baie des Anges (tema tratado xa na famosa litografía en azul de 1962), Chagall aborda o proceso de encontro e metamorfose entre o humano e o animal que impregna a súa obra desde as ilustracións das Fábulas. Ademais, neste conxunto de obras a representación do anxo (l’Ange) como criatura entre o ceo e a terra exprésase mediante un vívido contraste en que a figura terreal semella constrinxir o voo do anxo a unha dimensión a medias entre ambos os mundos.
 
O motivo do violinista, un retallo da súa vida que xorde por primeira vez en 1908 en Il Morto e que chegará a erixirse en figura clave da linguaxe figurativa de Chagall, así como en alegoría da música mesma (véxase a decoración para a nova sala do Teatro Xudeu de Moscova de 1920), aparece en Couple Noir au Musicien. Por outra banda, o tema dos amantes en Le Couple devant l’arbre e Les Amoureux au soleil rouge preséntanos o amor como aperta, como un abandonarse ao outro. Nun grupo de obras posterior é París quen acada o primeiro plano: Visions de Paris e Notre-Dame et la Tour Eiffel. A Torre, sinécdoque da capital francesa, faise criatura en Visions de Paris —como xa o fixera na augaforte de 1943 The Eiffel Tower—, erosionando, nun procedemento onírico, mais tamén de reflexión sobre a función dos espazos para o artista, en tanto que suxeito inmerso neles, os confíns entre o vivo e o inanimado. Por último, Chagall, que xa se autorretratara en La Maison de mon village, volve facelo en Auto-portrait; sen dúbida, a obra máis rica en elementos chagallianos e na cal se albisca un libro titulado Ma Vie, título exacto da súa autobiografía, mais tamén unha chiscadela de ollo ao espectador para que busque na estampa elementos clave na vida do artista.



MARC CHAGALL / Parella negra co músico,
1960, detalle / Litografía / Mourlot 296 /
De Luxe Edition of Litographe, I, no30
© VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®

 

Poemas


NON SEI
Non sei se vivín. Non sei
se vivo. Contemplo o ceo
Non recoñezo o mundo
O meu corpo ás sombras entrégase
Como ouvirei a túa chamada?
Cando o único que me acompañe
sexa a noite tremelante
 
TRALAS NUBES
Alguén di na noite
Non mestures vocábulos e cores
Flores e sol
A alma tralas nubes
apenas iluminada, voa e fuxe
Alguén di
Non esperes demasiada luz
no camiño
As túas bágoas ti só as beberás
ao final do camiño
Alguén díxome
Hai alí á espreita
Unha cruz
Un cabaleiro chegado do alto
nos seus brazos lévame.
 
O conxunto de ilustracións Poemas, publicado en 1968, é un exemplo único no catálogo de «libros de artista» de Chagall, xa que o acompaña unha escolma de poesías do propio artista. Tan só noutros catro casos Chagall se presenta como autor: en Marc Chagall (1959), un curto ensaio sobre o artista; en Cirque (1967), onde se encontran breves fragmentos de texto; en Songes (1981), obra que só conta con ilustracións e, por último, en Six Gravures sur Linoléum (1984), na cal Chagall ofrece unicamente unha sucinta presentación das obras.
 
Chagall achegouse á palabra escrita desde neno. Fillo de xudeus jasídicos, todos os sábados estudaba os textos bíblicos na sinagoga. No ano 1951 escribiu: «A miña arte está ligada aos libros que vin nos escritorios e nos estantes da sinagoga; aqueles libros que toquei coas miñas pálidas mans». Se ben a súa produción plástica é, sen dúbida, máis famosa que a poética, existen fortes vínculos entre os dous medios expresivos, como se a pintura fose un material poético que cobra forma a través da linguaxe plástica. Non sen razón André Breton declarou que con Chagall entraba a metáfora na arte do século XX. En certo sentido, non se trata dunha conciliación das dúas formas, porque arte e pintura son unha e a poesía xorde como un aspecto ulterior da súa arte.
 
Os versos de Chagall están impregnados de cores cálidas e frías, de azul e vermello, de alegría e tristeza, desacougo e calma, sombra e luz. O pintor está presente na poesía, ao igual que o poeta na pintura; esta é tan metafórica como a poesía visual. Nos «libros», os poemas, escritos principalmente en yiddish, mais tamén en ruso e francés e
traducidos para a ocasión, representan unha antoloxía de versos que vai desde 1930 ata 1934 e á cal se suma Le Jardin, primeiro poema que se remonta a 1909. Ao enfrontarse a este volume, é imprescindible non cometer o erro, varias veces repetido, de asociar texto e imaxes ou, máis concretamente, de buscar nos gravados a transposición dos versos.


MARC CHAGALL / Poemas_ Gravado 18, 1968
/ Xilografía e Collage / © VEGAP, A Coruña, 2020.
- Chagall ®

 
Son dous camiños que se cruzan, que obedecen á poética chagalliana que, como no caso de todo o seu percorrido expositivo, convén traer aquí a colación.
 
Individuo nómade, impregnado dunha pluralidade de paisaxes e falando varios idiomas, Chagall absorbeu en Rusia as ideas do naturalismo, do postimpresionismo e do construtivismo para entrar en contacto máis tarde en París, nas salas do Louvre, coa grande arte occidental de épocas pasadas, ao tempo que se empapaba dos experimentos cubistas e do fauvismo. A Chagall non se lle considerou ao principio un innovador, porque non había suficientes espazos teóricos lexitimados para que se puidese falar de innovación. Ironicamente, Chagall, visto cos ollos de hoxe, non só innovou, senón que expandiu os límites do concepto mesmo de innovación. Resulta crucial introducir o termo «linguaxe» neste contexto. Mentres nas vangardas, a «linguaxe» significaba unha dirección nova e dominante para un certo grupo de obras (pensemos no cubismo analítico), ao contrario, tanto na súa vida como na súa arte, Chagall foi sempre un políglota, un artista traspasado estruturalmente por unha cambiante polifonía de forzas no proceso de xeración creativa. Por outra banda, se o Modernismo preconizaba en xeral un solapamento da biografía e das emocións privadas do artista a prol dunha busca estética e teórica, Chagall moveuse sempre na dirección contraria, levando a súa biografía, ou mellor dito, o relato da súa biografía, ao centro da súa obra.
 
Se a deformación das figuras, a abolición das leis da gravidade, a distorsión arbitraria na continuidade da realidade tanxible eran innovacións que non remitían a unha exploración nas linguaxes da forma e da cor, ditos elementos definíanse, polo contrario, como pezas constitutivas dun mundo representativo organizado. Comprender este proceso pasa necesariamente pola brillante intuición de Benjamin Hershaw, que relaciona a obra de Chagall coa teoría literaria do fictional world. En palabras de Hershaw:
 
Un fictional world non supón necesariamente a invención
ou a fantasía, senón a proxección dun mundo autónomo
cos seus grupos de personaxes, sucesos, símbolos e
situacións, que aparecen nunha obra e que posúen internamente
unha coherencia e redes de relacións.
 
O fictional world de Chagall constrúese a partir dunha escolma persoal de elementos históricos, culturais e persoais que reflicten unha autobiografía a miúdo de carácter anecdótico e mitificado. Este «mundo» é a alma secreta da obra enteira de Chagall.


MARC CHAGALL / Poemas_ Gravado 3, 1968 /
Xilografía e Collage / © VEGAP, A Coruña, 2020.
- Chagall ®


Todas as súas obras aluden a el, como un fragmento, como unha variación dos seus elementos constitutivos. O tempo da obra vive, ademais, unha necesaria simultaneidade de elementos, unha subxectividade que non representa a experiencia momentánea, senón que involucra elementos dislocados en espazos e tempos diversos. Seguindo esta dirección, as súas obras están concibidas como composicións nas cales o espazo é ocupado por figuras xa preparadas, case como ready-mades.
 
Poemas é, quizais, máis que os outros conxuntos de obras que se poden ver na mostra, un percorrido polo «mundo» do artista. Tecnicamente a serie presenta un Chagall maduro que domina as técnicas de impresión. É un proxecto particularmente ambicioso, xa que o artista talla 138 matrices de madeira nun traballo que lle esixe dous anos de esforzo en colaboración co obradoiro Lacourière-Frélaut de París. Terse decantado pola xilografía, combinada nalgunhas pranchas co collage, confire ás obras un carácter que non abandona a liberdade expresiva, e que, en relación coa litografía, escava o soporte por capas e axustadas superposicións.
 
 
Horario exposición
 
Martes a domingo, festivos incluídos:
de 11h a 14h e de 17h a 20h
 
Entrada libre.
Capacidade do local limitada.
 
Fundación Barrié
Cantón Grande, 9
15003 A Coruña

info@fbarrie.org
www.fundacionbarrie.org

Actividades didácticas
fundacionbarrie.org/didactica-marc-chagall