Inicio / Sala de prensa /

BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2019

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié convoca 10 bolsas para a realización de estudos de Máster en centros académicos de todo o mundo

05-12-2016

  • A Fundación Barrié convoca un total de 10 bolsas para realizar estudos de Máster no estranxeiro, dirixidas a titulados universitarios vinculados a Galicia cunha excelente traxectoria académica, investigadora e/ou profesional.
  • O Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro reflicte o compromiso da Fundación Barrié por promover a sociedade do coñecemento, dando así un impulso definitivo ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.
  • Desde a súa creación en 1990, o Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro concedeu 666 bolsas a líderes emerxentes, profesionais e expertos vinculados a Galicia. Trátase dunha das máis notables contribucións da Fundación Barrié ao fomento do talento, cun investimento acumulado de máis de 38 millóns de euros.
  • O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde hoxe 05 de decembro ata o 15 de febreiro de 2017. Bases completas e formulario de solicitude dispoñibles en  www.fundacionbarrie.org.

Bolsas de Posgrao no Estranxeiro
© Fundación Barrié

A Coruña, 5 de decembro de 2016.- A Fundación Barrié, consciente da importancia da formación para o desenvolvemento de persoas e comunidades, convoca a 28ª edición do Programa para a ampliación de estudos no estranxeiro. O prazo de presentación de solicitudes para a realización de estudos de Máster abre hoxe, 5 de decembro.
 
O Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro reflicte o compromiso da Fundación Barrié por promover a sociedade do coñecemento, dando así un impulso definitivo ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia a través da educación e capacitación do seu activo máis valioso: as persoas.
 
Como en edicións anteriores, o Programa persegue un triplo obxectivo:

  • facilitar o acceso ao coñecemento das mellores técnicas, métodos e procedementos;
  • proporcionar experiencias vitais nun ámbito internacional e multicultural; e
  • contribuír ao desenvolvemento de vínculos académicos, sociais, profesionais e culturais de   titulados universitarios vinculados a Galicia.
Trátase dunha das contribucións máis notables da Fundación á comunidade, cun investimento acumulado de máis de 38 millóns de euros e 666 bolsas concedidas desde a creación do Programa en 1990.
 
Nesta edición ofrécense 10 bolsas para a realización de estudos de Máster con dedicación a tempo completo, en institucións estranxeiras de referencia internacional, dirixido a titulados universitarios con nacionalidade española e vinculados a Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes: 05 de decembro 2016 – 15 de febreiro do 2017
 
As bolsas teñen unha duración dun curso académico, prorrogable por un segundo curso cando a duración dos estudos que se van realizar así o requira. A dotación económica será dun máximo de 50.000 euros anuais, que se aplicarán aos seguintes conceptos: unha dotación inicial para gastos de desprazamento e instalación, asignacións mensuais en concepto de aloxamento, manutención, asistencia a seminarios, libros e outros; e os gastos de inscrición e matrícula no centro de destino. En termos xerais, a convocatoria contempla todas as áreas do coñecemento e está dirixida a titulados universitarios vinculados a Galicia.
 
As bases completas e formularios de solicitude están dispoñibles en www.fundacionbarrie.org.

A FUNDACIÓN BARRIÉ E A EDUCACIÓN

Desde a súa creación, en 1966, a Fundación vén apoiando a Educación e a capacitación do activo máis valioso de Galicia, as persoas. Conta cunha ampla traxectoria e experiencia no desenvolvemento de proxectos relacionados coa educación, como o impulso de infraestruturas educativas (as escolas de Arquitectura na Coruña ou a de Enxeñaría Industrial en Vigo), ou outras convocatorias de bolsas. No ámbito da xestión do talento, a Fundación Barrié traballa tamén en colaboración con entidades privadas, universidades e organismos públicos, promovendo programas de innovación educativa e fomento de competencias. Ata a data, a Fundación Barrié concedeu máis de 15.000 bolsas desde o ensino primario ata os posgraos no estranxeiro.
 
A Fundación Barrié é unha entidade privada, sen ánimo de lucro, dedicada a promover o desenvolvemento de Galicia e orientada, desde os seus inicios, en 1966, a detectar e desenvolver o mellor talento. As súas áreas de actividade son a Educación, a Acción Social, a Ciencia, o Patrimonio e mais a Cultura.
 
A REDE DE TALENTO DA FUNDACIÓN: A ASOCIACIÓN DE BOLSEIROS

A Fundación Barrié conta cunha activa Asociación de Bolseiros, creada en 1996, que ten preto dun milleiro de integrantes, todos beneficiarios dos programas de bolsas para investigación, estudos universitarios ou ampliación de estudos universitarios en España ou no estranxeiro. A Asociación desenvolve actividades encamiñadas a facilitar aos seus asociados o contacto con institucións profesionais e académicas de ámbito galego, nacional e internacional e sempre a manter e alimentar o vencello da Fundación cos seus bolseiros. 
Neste senso, serve de vehículo para canalizar as actividades daqueles bolseiros que queiran pór ao servizo de Galicia e, en particular, da Fundación, os seus coñecementos e experiencia, para que a formación adquirida durante o transcurso dos seus estudos e investigacións transcenda o ámbito da mellora persoal e reverta no avance da sociedade galega.