BUSCAR
Memoria Anual 2023
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
A metodoloxía validada con éxito en Galicia implementarase a nivel nacional.
-
O convenio permitirá a FIPSE utilizar o know how da Fundación Barrié para organizar eficientemente a súa Proba de Concepto dentro da súa estratexia de impulso e financiamento da innovación no ámbito da saúde, achegando ferramentas para a selección e seguimento de proxectos.
-
O Fondo de Ciencia da Fundación Barrié baséase no concepto de “investigación a risco” e pretende cubrir o baleiro de financiamento que existe entre o financiamento que achegan as convocatorias competitivas de apoio á investigación, e a que achega o capital risco e as empresas a proxectos con desenvolvementos e innovacións moi próximas xa ao mercado.
Madrid, 16 de marzo de 2016.- D. José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e D. Alfonso Beltrán García-Echániz, director da Fundación para la Innovación y la Prospectiva en Salud en España (FIPSE) asinaron hoxe, na sede do Instituto de Salud Carlos III en Madrid, un convenio polo cal a Fundación Barrié transfire a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Fundación para la Innovación y la Prospectiva en Salud en España (FIPSE), institución impulsada polo Ministerio de Sanidade.
A Metodoloxía, desenvolvida polo Fondo de Ciencia da Fundación Barrié nos últimos 4 anos a través do exercicio práctico sobre un conxunto de máis de 60 proxectos científicos, é unha ferramenta fundamental que permitirá a FIPSE organizar eficientemente a Etapa II da súa estratexia, correspondente ao financiamento da Proba de Concepto dos proxectos de innovación sanitaria seleccionados por FIPSE, e contribuirá dun xeito definitivo ao desenvolvemento dos fins fundacionais de FIPSE.
Antecedentes
Os resultados obtidos polo Informe de Ciencia en Galicia, realizado pola Fundación Barrié entre 2005 e 2010, situaron a calidade técnica da investigación en Galicia ao nivel de calquera outro país da nosa contorna ao mesmo tempo que puxeron de manifesto a necesidade de iniciar trocos no modelo produtivo de Galicia e crear un instrumento de financiamento para aquelas investigacións das universidades e centros de I+D galegos que teñan potencial de chegar ao mercado e para obter retornos económicos mediante a colaboración entre institucións públicas e privadas. Por iso, en 2011 a Fundación Barrié tomou a iniciativa de crear un Fondo de Ciencia que supón un dos proxectos máis vangardistas e innovadores desenvolvidos pola Fundación e que ten como fin último apoiar a investigación científica de carácter excelente e pór en valor os resultados da investigación que se fai en Galicia mediante o desenvolvemento dun modelo validado desde a práctica. O Fondo de Ciencia da Fundación Barrié creouse con tres obxectivos:
- Promover a sostibilidade da investigación de excelencia
- Trasladar os resultados científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación á sociedade
- Abrir a ciencia e a I+D pública ao investimento privado, apoiando a xeración de oportunidades de investimento baseadas en desenvolvementos científico-tecnolóxicos.
Segundo José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, “O fondo en Ciencia non é máis ca unha ferramenta para establecer unha metodoloxía e crear unha ponte para que a investigación excelente chegue ao mercado, algo que os investigadores non conseguen de xeito doado, e que o mercado o retorne pola vía de patentes, licencias, contratos con empresas”.
Neste proceso, a Fundación Barrié non só financia as fases de valorización, proba de concepto e comercialización de resultados científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación con potencial comercial e de xeración de retornos, liderados por científicos e investigadores de recoñecida solvencia, senón que actúa como socio estratéxico na valorización dos resultados de investigación, na súa explotación comercial e na súa difusión á sociedade, para o que conta co asesoramento dun conxunto de expertos de nivel internacional, entre os que se encontra a sociedade de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, Oxford University Innovation Limited. Ao longo de todo o proceso, a Fundación acompaña e apoia de xeito moi próximo o equipo en todas as súas fases, achegando intelixencia de negocio, capacidade de xestión, profesionalización da análise e estratexia e pon ao servizo do proxecto toda a rede de contactos que foi desenvolvendo ao longo dos seus 50 anos de historia.
Como resultado, o Fondo de Ciencia da Fundación Barrié, dotado inicialmente con 5,5M€, apoiou cinco proxectos que a día de hoxe supuxeron un investimento próximo aos 3M€, dos cales catro proxectos continúan vixentes. Dous xeraron start-ups (Torusware, en colaboración coa Universidade da Coruña e Nasasbiotech, en colaboración coa Fundación Ramón Domínguez) e outros dous están en fase de validación comercial (en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia-Gradiant de Vigo).
O Fondo de Ciencia como experiencia baseada na filosofía “aprender-mellorar facendo”, serviu como ferramenta e permitiu á Fundación Barrié deseñar, desenvolver e validar unha metodoloxía contrastada desde a práctica, que agora se pon a disposición da Fundación para la Innovación y la Prospectiva en Salud en España (FIPSE) para a súa aplicación nos seus presentes e futuros programas de apoio á investigación e transferencia a nivel nacional. O pasado mes de xaneiro, a Fundación Barrié asinou un convenio coa Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para transferir a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia para a creación dun Programa Proba de Concepto.
Para cumprir plenamente co seu obxectivo de deseñar e modelizar novos camiños que poidan ser replicados por outros axentes, a Fundación Barrié ampliou o seu compromiso e inclúe o soporte material e humano para a formación do persoal de GAIN e da Fundación para a Innovación e a Prospectiva en Salud en España (FIPSE) para a adquisición das competencias necesarias e conseguir replicar dunha maneira exitosa o modelo deseñado.
Apoio a todo o ciclo de vida dos proxectos de innovación
A estratexia de FIPSE de apoio á innovación sanitaria contempla tres etapas. A primeira céntrase en estudar a viabilidade económica, técnica industrial, etc., dos proxectos. Os que superan esta fase e considéranse viables, poden optar ás axudas da II Etapa que concede FIPSE para realizar probas de concepto previas ao seu lanzamento comercial. De resultar positivas, FIPSE seguirá a colaborar nos proxectos dándolles soporte no desenvolvemento de negocio e apoio na busca de financiamento ata levalos ás portas do capital risco e a constitución de spin–offs, en palabras do Director de FIPSE, Dr. Alfonso Beltrán “O noso obxectivo é cubrir todo o ciclo de vida da innovación sanitaria, desde a idea inicial a súa explotación comercial.”
Segundo o Dr. Beltrán, os centros onde se produce investigación para o sistema de saúde centran todos os seus recursos e esforzos nas investigacións preliminares e parte do desenvolvemento, a partir dese momento o papel de FIPSE é cubrir os aspectos de desenvolvemento, innovación e viabilidade, adecuación ao mercado, financiamento, comercialización e internacionalización, co soporte de equipos especializados na aceleración de empresas e a subvención daqueles estudos que nos permitan determinar, nunha etapa temperá, se estes proxectos serán ou non viables”.
En palabras de José María Arias, presidente da Fundación Barrié:
O fondo en Ciencia non é máis ca unha ferramenta para establecer unha metodoloxía e crear unha ponte para que a investigación excelente chegue ao mercado, algo que os investigadores non conseguen de xeito doado, e que o mercado o retorne pola vía de patentes, licencias, contratos con empresas.
Verbo da Fundación Barrié
A Fundación Barrié é unha fundación privada galega, creada en 1966 polo empresario Pedro Barrié de la Maza co obxectivo de fomentar o desenvolvemento socioeconómico e cultural de Galicia a través de programas nas áreas de Educación, Ciencia, Acción Social, Cultura e Patrimonio.
Os programas na área de Ciencia obedecen a tres liñas estratéxicas e amosan un sólido compromiso da Fundación coa investigación en Galicia: apoio á investigación científica; formación do talento investigador e transferencia do coñecemento. Nesta última salientan proxectos como o Programa de Adestramento en Transferencia de Tecnoloxía, creado en 2010. Dirixido a profesionais de toda España adicados á avaliación e comercialización de tecnoloxías procedentes das universidades, redes de oficinas de transferencia de resultados de investigación (OTRI), fundacións hospitalarias, centros tecnolóxicos e outras entidades de I+D+i, este programa comprende estadías de adestramento en centros internacionais de excelencia e actividades formativas en Galicia e outras zonas en colaboración con entidades como ASTP PROTON Knowledge Transfer Europe, Association of University Technology Managers (AUTM) ou Oxford University Innovation Limited.
Verbo de FIPSE
Entre os anos 1999 e 2013 FIPSE centrou a súa actividade na promoción de proxectos de investigación sobre VIH/sida, orientados a un maior coñecmento das necesidades de saúde pública, asistencia clínica e aspectos sociais e económicos relacionados con esta epidemia. Neste período, a Fundación financiou 265 proxectos, cun investimento próximo aos 25 millóns de euros.
Hoxe FIPSE materializa a confluencia do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (MSSSI) e das compañías implicadas para mellorar os niveis de coordinación existentes entre as unidades de innovación dos centros hospitalarios, a implementación de mecanismos eficaces de transferencia de tecnoloxía e comercialización, e a definición de modelos de protección do coñecemento e de resultados da investigación xerados no eido do Sistema Nacional de Salud (SNS) que faciliten a súa transmisión e utilización. A Fundación pretende converterse en catalizador entre o SNS e a sociedade que permita a incorporación efectiva desta última ao proceso de innovación.