BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2023

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié outorga bolsas a 10 mozos/as para a realización de Máster en centros académicos de todo o mundo

29-06-2018

  • A Fundación Barrié entregou hoxe as credenciais aos novos bolseiros da súa 29ª edición do Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro correspondente ao curso académico 2018-2019.
  • As 10 bolsas para a realización de estudos de Máster reflicten o compromiso da Fundación Barrié pola educación e capacitación do activo máis valioso de Galicia: as persoas.
  • O Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro é unha das contribucións máis notables da Fundación Barrié á comunidade, con 684 bolsas concedidas desde 1990 e cun investimento acumulado de máis de 40 millóns de euros.

José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías, vicepresidenta da Fundación Barrié, e membros do Padroado da Fundación Barrié xunto aos novos bolseiros
© Fundación Barrié

A Coruña, 29 de xuño, 2018.- A Fundación Barrié entregou hoxe as credenciais da súa 29º edición do Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro para a realización de estudos Máster en centros académicos de todo o mundo, nun amplo abano de especialidades de interese e impacto para Galicia. A entrega de credenciais aos 10 novos bolseiros, universitarios galegos ou vinculados con Galicia, terá lugar o 29 de xuño na Fundación Barrié na Coruña.
 
As convocatorias anuais de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro son un Programa de referencia da Fundación Barrié, que alcanza a súa 29ª convocatoria coa concesión de 684 bolsas desde 1990 e cun investimento acumulado de máis de 40 millóns de euros. O Programa reflicte o compromiso da Fundación Barrié pola educación e capacitación do activo máis valioso de Galicia: as persoas.
 
Lanzado en 1990, o Programa persegue un triplo obxectivo:
 

  • facilitar o acceso ao coñecemento das mellores técnicas, métodos e procedementos;
  • proporcionar experiencias vitais nun contorno internacional e multicultural;
  • e contribuír ao desenvolvemento de vínculos académicos, sociais, profesionais e culturais de titulados universitarios vinculados a Galicia.
 
O Programa de Bolsas de Posgrao no Estranxeiro da Fundación Barrié, dirixido a graduados universitarios, licenciados ou titulados superiores, é un dos Programas de Bolsas de Excelencia máis destacado a nivel nacional e internacional.
 
10 bolsas para a realización de estudos de Máster
 
Na convocatoria de 2018 concedéronse bolsas a candidatos das seguintes áreas do coñecemento: as ciencias da vida, médicas e da saúde (3), as ciencias sociais (3), a enxeñaría e tecnoloxía (2) e as ciencias experimentais (2). A media académica dos estudos de grao dos bolseiros é 8,45 sobre 10.
 
3 dos novos bolseiros cursaron a súa licenciatura na Universidade de Santiago, 1 na de Vigo e o resto en universidades de fóra da comunidade galega (Politécnica de Madrid, Pontificia de Comillas, Politécnica de Cataluña). Entre as áreas de especialización encóntranse, dereito, enxeñaría (da enerxía, industrial, informática), biotecnoloxía, matemáticas, física, medicina, ADE.
 
Os países de destino onde cursarán os seus estudos de máster son: Reino Unido (6), Países Baixos (1), Dinamarca (1), Suecia (1), Francia e Singapur (1). Realizarán os seus estudos en centros de referencia como a London Business School, University of Oxford, University of Cambridge, London School of Economics and Political Science, University of Gothenburg, Technical University of Denmark, Radboud University Nijmegen, The Imperial College of Science, Technology and Medicine e Insead.
 
A idade media dos bolseiros nesta convocatoria é de 24,1 anos, dos cales o 50% son mulleres e o 50% homes. A respecto da procedencia, a promoción do ano 2018 comprende a 9 bolseiros nados en Galicia –  A Coruña (5), Pontevedra (2), Lugo (1) e Ourense (1)  e 1 bolseira nada fóra de Galicia, a cal é filla de galegos.
 
A REDE DE TALENTO DA FUNDACIÓN: A ASOCIACIÓN DE BOLSEIROS
 
A Fundación Barrié conta cunha activa Asociación de Bolseiros, creada en 1996, que ten preto dun milleiro de integrantes, todos beneficiarios dos programas de bolsas para investigación, estudos universitarios ou ampliación de estudos universitarios en España ou no estranxeiro. A Asociación desenvolve actividades encamiñadas a facilitar aos seus asociados o contacto con institucións profesionais e académicas de ámbito galego, nacional e internacional e sempre a manter e alimentar o vínculo da Fundación cos seus bolseiros.
 
Neste senso, serve de vehículo para canalizar as actividades daqueles bolseiros que queiran pór ao servizo de Galicia e, en particular, da Fundación, os seus coñecementos e experiencia, para que a formación adquirida durante o transcurso dos seus estudos e investigacións transcenda o ámbito da mellora persoal e reverta no avance da sociedade galega. 

Bolseiros 2018

Universidade Orixe Área Coñecemento Resumo Memoria
Universidade Politécnica de Madrid Bioloxía O seu obxectivo é dedicarse á investigación científica no eido das enfermidades xenéticas e do desenvolvemento embrionario porque considera que son as máis duras que a sociedade actual está a vivir.  Quere profundar principalmente na medicina molecular e nas enfermidades crónicas.

O Máster en Bioquímica, Bioloxía Molecular e Biomedicina permitiralle entender a bioloxía molecular desde varias perspectivas: a bioinformática, a sanitaria, a xenética ou a bioloxía do desenvolvemento embrionario. 
Universidade Politécnica de Valencia Ciencias Médicas e da Saúde Procede do mundo da investigación sanitaria e quere desenvolver a súa carreira como científica.

O Máster en Inmunoloxía vaille permitir investigar no eido das enfermidades cardiovasculares, diabetes e outras enfermidades relacionadas cun gran compoñente inmunolóxico.
Universidade Politécnica de Cataluña Matemáticas A súa traxectoria académica levouno/a a interesarse pola Análise de datos e a machine learning (aprendizaxe automática), que consiste esencialmente en programar as máquinas de maneira que poidan “aprender” por si mesmas.  Esta disciplina ten na actualidade infinidade de aplicacións en diferentes ámbitos como son o mercantil, a enxeñaría, as finanzas, a medicina etc.

O máster en Modelización e Computación Matemática permitiralle  formarse e profundar no eido da Análise de Datos.
Universidade de Santiago de Compostela Física Realizará un Máster en estudos avanzados de matemáticas na Universidade de Cambridge, no departamento que precisamente non hai moito, o 14 de marzo deste mesmo ano 2018, despedía un individuo único, o Profesor Stephen Hawking, que chegara a Cambridge como estudante de doutoramento en 1962 e que continuou o traballo de matemáticos e físicos tan importantes coma o mesmiño Isaac Newton.

O seu obxectivo é seguir as pegadas dos 32 premios nóbel en física que saíron das aulas da Universidade de Cambridge, intentando dar resposta ás preguntas máis fundamentais da ciencia, centrándose en particular na unificación, a teoría que unificaría tres das catro forzas fundamentais na natureza e como describir a Gravidade conxuntamente coas outras forzas.

Foi Premio Extraordinario de Bacharelato e é  membro activo da Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela e ocasionalmente membro da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia.
Universidade de Vigo Enxeñaría da Enerxía O Máster en Tecnoloxías da Enerxía ten como obxectivo ensinar os coñecementos fundamentais da ciencia e tecnoloxía que toman parte na utilización, xeración e eficiencia enerxética.

O máster cumpre as súas expectativas de estudo no desenvolvemento de tecnoloxías para solucionar os desafíos enerxéticos actuais e futuros.
Universidade de Santiago de Compostela Ciencias Médicas e da Saúde A súa traxectoria académica e profesional levoulle a se interesar polas políticas sanitarias  tanto a nivel nacional como internacional, nas cales se produce unha gran barreira para acadar a igualdade no acceso á saúde.

A realización do Máster en Saúde Global brindaralle a oportunidade de profundar no desenvolvemento deste concepto e poder impulsar esta política na educación médica española.
Universidade de Santiago de Compostela Enxeñaría Informática O seu obxectivo é traballar como desenvolvedor de videoxogos ou como investigador no eido dos gráficos por computadora.

O Máster en Enxeñaría Informática permitiralle profundar nas técnicas necesarias para desenvolver xogos de computadora de alta calidade ou outras aplicacións relacionadas cos gráficos por computadora.
Universidade Pontificia de Comillas Administración e Dirección de Empresas Ten experiencia laboral en contornos multiculturais en Madrid, Londres e Nova York e pasou por empresas como Deloitte, Credit Suisse Securities, e-Valora e máis recentemente, polo Grupo Ferrovial.

O MBA de INSEAD foi mencionado polos ránkings do Financial Times como o mellor do mundo en 2016 e 2017. En INSEAD Ana completará o seu perfil para continuar a súa traxectoria laboral despois dos seus estudos nalgunha empresa do sector de distribución ou consumo. 
Universidade Politécnica de Madrid Administración e Dirección de Empresas Chega do mundo da consultoría e a súa traxectoria profesional levouno/a ao mundo das finanzas.

Cursar un MBA ayudaralle a adquirir as capacidades de dirección de empresas e equipos necesarios e abriralle a porta para establecer relacións dentro do sector do capital risco.

O programa de MBA de London Business School aúna unha sólida formación práctica en Private Equity, con intercambios internacionais, oportunidades de realizar prácticas, e ademais está situado xeograficamente no corazón financeiro de Europa.
Universidade Carlos III de Madrid Ciencias Políticas e da Administración Orientou os seus últimos anos de carreira á formación investigadora e ao establecemento de foros para o debate político. Participar da vida política é outro dos seus grandes obxectivos.

O Máster en Ciencias Políticas brindaralle a oportunidade de profundar en distintos aspectos da arquitectura institucional da Unión Europea, entender a política europea, a economía e o mercado laboral.