BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié transfire a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Xunta para a creación dun Fondo autonómico de “proba de concepto” co fin de fomentar a investigación e transferencia ao mercado en Galicia.

29-01-2016

  • Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, presidiu o acto da sinatura do convenio no que a Fundación Barrié transfire a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Axencia Galega de Innovación (GAIN). O convenio foi asinado hoxe 29 de xaneiro en Santiago de Compostela por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Francisco Conde López, conselleiro de Economía, Emprego e Industria.
  • A metodoloxía baséase no Fondo de Ciencia creado pola Fundación Barrié en 2011 dotado inicialmente con 5,5M€ e que apoiou cinco proxectos cun investimento total próximo aos 3M€, dos cales catro proxectos continúan vixentes. Dous xeraron start-ups e outros dous están en fase de validación comercial.
  • O principal obxectivo da Fundación Barrié para a creación do Fondo de Ciencia é apoiar a investigación científica de carácter excelente e pór en valor os resultados da investigación que se fai en Galicia mediante o desenvolvemento dun modelo validado desde a práctica.
  • O compromiso adquirido pola Fundación Barrié céntrase na colaboración coa Xunta tanto no soporte material como humano para a formación do persoal de GAIN para a adquisición das competencias necesarias e conseguir replicar con éxito o modelo deseñado.

Acto da sinatura do Convenio
© Fundación Barrié

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2016.- Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, presidiu o acto de sinatura do convenio para a colaboración no desenvolvemento dun Fondo autonómico de “Proba de Concepto” e para o cal a Fundación Barrié transfire a metodoloxía do seu Fondo de Ciencia á Axencia Galega de Innovación (GAIN). O convenio foi asinado hoxe 29 de xaneiro en Santiago de Compostela por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Francisco Conde López, conselleiro de Economía, Emprego e Industria.
 
Os resultados obtidos polo Informe de Ciencia en Galicia, realizado pola Fundación Barrié entre 2005 e 2010, situaron a calidade técnica da investigación en Galicia ao nivel de calquera outro país do noso contorno ao mesmo tempo que puxeron de manifesto a necesidade de iniciar cambios no modelo produtivo de Galicia e crear un instrumento de financiamento para aquelas investigacións das universidades e centros de I+D galegos que teñan potencial de chegaren ao mercado e para obteren retornos económicos mediante a colaboración entre institucións públicas e privadas. Por iso, en 2011 a Fundación Barrié tomou a iniciativa de crear un Fondo de Ciencia que supón un dos proxectos máis vangardistas e innovadores desenvolvidos pola Fundación e que ten como fin último apoiar a investigación científica de carácter excelente e pór en valor os resultados da investigación que se fai en Galicia mediante o desenvolvemento dun modelo validado desde a práctica. O Fondo de Ciencia da Fundación Barrié creouse con tres obxectivos:
 
 
 

  • Promover a sostibilidade da investigación de excelencia
  • Trasladar os resultados científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación á sociedade
  • Abrir a ciencia e a I+D pública ao investimento privado, apoiando a xeración de oportunidades de investimento baseados en desenvolvementos científico-tecnolóxicos.
 
En definitiva, o fondo baséase no concepto de “investigación a risco” e pretende cubrir o “gap” que habitualmente non é atendido polas convocatorias competitivas, nin polas empresas, a través dos seus acordos habituais cos grupos de investigación.
Neste proceso, a Fundación Barrié non só financia as fases de valorización, proba de concepto e comercialización de resultados científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación con potencial comercial e de xeración de retornos, liderados por científicos e investigadores de recoñecida solvencia, senón que actúa como socio estratéxico na valorización dos resultados de investigación, na súa explotación comercial e na súa difusión á sociedade, para o que conta co asesoramento dun conxunto de expertos de nivel internacional, entre os que se encontra a sociedade de transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, Oxford University Innovation Limited. Ao longo de todo o proceso, a Fundación acompaña e apoia de forma moi próxima ao equipo en todas as súas fases, achegando intelixencia de negocio, capacidade de xestión, profesionalización da análise e estratexia e pon ao servizo do proxecto toda a rede de contactos que foi desenvolvendo ao longo dos seus 50 anos de historia.
Como resultado, o Fondo de Ciencia da Fundación Barrié, dotado inicialmente con 5,5M€, apoiou cinco proxectos cun investimento total próximo aos 3M€, dos cales catro proxectos continúan vixentes.  Dous xeraron start-ups (Torusware, en colaboración coa Universidade da Coruña e Nasasbiotech, en colaboración coa Fundación Ramón Domínguez) e outros dous están en fase de validación comercial (en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia-Gradiant de Vigo).
O Fondo de Ciencia como experiencia baseada na filosofía “aprender-mellorar facendo”, serviu como ferramenta e permitiu á Fundación Barrié deseñar, desenvolver e validar unha metodoloxía contrastada desde a práctica, que agora se pon a disposición da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que o xestionará a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. 
Para cumprir plenamente co seu obxectivo de deseñar e modelizar novos camiños que poidan ser replicados por outros axentes, a Fundación Barrié ampliou o seu compromiso e inclúe o soporte material e humano para a formación do persoal de GAIN para a adquisición das competencias necesarias e conseguir replicar con éxito o modelo deseñado.
 
 

Fondo autonómico de “Proba de Concepto”

Esta iniciativa profunda no cumprimento da Lei de Fomento da Investigación e da Innovación de Galicia, que recolle expresamente a creación dun fondo de proba de concepto.
 
En datas próximas anunciarase a convocatoria pública para que presenten as súas propostas os investigadores e tecnólogos das tres universidades galegas, do sistema de saúde (a través das fundacións hospitalarias), dos centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia e dos centros tecnolóxicos galegos.
 
A través desta nova liña de apoio ao emprendemento innovador, o Goberno galego fai unha aposta económica importante para que o coñecemento xerado polos investigadores sexa comercializable en forma de produtos e servizos innovadores, compartindo así o risco e participando dos resultados, que reverterán nas arcas públicas en forma de retornos económicos. Deste xeito, a cambio da súa achega financeira, que será de 200.000 euros por proxecto como media, a Xunta recibirá o 30% de todos os beneficios xerados no comprado. Contribuirase así por partida dobre ao incremento da competitividade e do crecemento económico de Galicia: por unha banda, dinamizarase a posta en valor dos resultados de investigación xerados en Galicia e, por outra, obteranse retornos económicos que serán reinvestidos en servizos públicos. 

RECURSOS DISPONIBLES