Carta do Presidente

O ano 2021 foi, en moitos sentidos, un ano de retornos: a volta das actividades presenciais fixo que, desde logo, lle désemos moita maior transcendencia a aquilo que considerabamos trivial ou cotián. Ao noso público de sempre engadíronse caras novas, pero o máis importante é que vemos que todo o mundo ten máis ganas. Esta enerxía que nos transmitiu a xente e á que oxalá puidésemos corresponder non pode deixar de mencionarse, por máis que sexa algo de difícil cuantificación, entre os fitos do ano.

En sintonía con esta experiencia colectiva da que falaba ao comezo destas liñas, a nosa primeira exposición foi precisamente unha reflexión sobre o ser social do home, tan inherente á calidade do humano. Pero, ao lado desta liña máis transcendente, quixemos achegar tamén os aspectos máis exultantes da arte e iso levounos a traer a Galicia a ollada de neno dun clásico do século XX: Joan Miró.

A súa especial conexión coa infancia, cuxa falta de perplexidade ante unha estética que reta os adultos é impresionante, compensou talvez as restricións para a didáctica que aínda se mantiñan.

Outro reencontro emocionante proporcionóunolo o ciclo de Velázquez. Este pintor de pintores foi o máis apropiado para a volta das nosas conferencias. Velázquez únenos co Museo do Prado desde que no centenario do artista fixemos o primeiro ciclo, que tomou o nome do seu primeiro organizador: Francisco Calvo Serraller. De novo fomos honrados coa participación do duque de Soria na inauguración.

A nosa vinculación co Pórtico da Gloria, un dos proxectos máis ambiciosos da Fundación, con máis conexión coa nosa propia historia, tivo este ano un marabilloso embaixador: o libro Pórtico de la Gloria: una restauración. Sempre soubemos que contar o proxecto era un dos seus ineludibles capítulos e sabíamos que debiamos contalo ao noso xeito: o resultado é unha obra que, máis que explicar, mostra e refire non só a marabilla do Pórtico e a maravilla da súa restauración, senón tamén a súa propia esencia de obra que vincula o pasado, o presente e o futuro, o público e o privado, o mecenado e a responsabilidade das administracións, a arte e a ciencia. Por iso quixemos unir este libro ao nome da nosa inesquecible presidenta, Carmela Arias, e así llo dedicamos.

Falando de mecenado, a Fundación ten tamén a misión de facilitar as condutas filantrópicas e, grazas á xenerosidade da familia Soldevila Trías, puidemos traer a Galicia unha obra máis dun dos nosos pintores máis destacados: Sotomayor. Trátase dun magnífico retrato que foi doado pola familia da retratada, baixo as condicións de velar pola súa conservación e facilitar a súa difusión.

Ao mesmo tempo que volvía o público ás nosas instalacións, a nosa presenza virtual, que vivira un boom durante o confinamento, experimentou un previsible e razoable reaxuste. Cremos, en todo caso, que este período serviu para gañar en profundidade e fidelización, ademais de afinar a nosa capacidade de resposta aos acontecementos.

Algunhas cousas, como as entrevistas de bolsas, tiveron que seguir facéndose, desde logo, coas pautas da pandemia. Con todo, esta experiencia de traballo en liña foi tamén, como dicía, unha proba da que saímos satisfeitos.

Pero, ademais de retornos e continuidades, abrimos camiños novos. No goberno corporativo contamos desde finais de ano con outro vogal, Francisco Martelo Villar, quen vén reforzar a presenza das ciencias no padroado.

En educación emprendeuse un proxecto ao redor de drons enfocado para escolares e que adoptou a forma competitiva que tanto estímulo produce nos mozos. Non se trata xa de facer os nosos mozos simplemente máis hábiles, senón máis conscientes da tecnoloxía, porque sen esta conciencia non serán máis que meros instrumentos —todos estamos en risco de selo— da revolución tecnolóxica.

A tecnoloxía, que xa nos seus albores foi unha das preocupacións da Fundación, con actuacións pioneiras en educación a distancia e para tratar de salvar ese gap que tamén redunda en diferenza social mesmo desde antes de que nos afixésemos ao anglicismo, é tamén o centro dun dos programas de acción social que creamos: os novos fenómenos das redes sociais non son só unha fonte de vantaxes para unha xeración que ten, sen dúbida, máis destreza para usalas que a nosa, pero quizais menos bagaxe para saber que hai ameazas que non son máis inofensivas ao pasar do mundo real ao virtual.

Non podo despedirme sen ter un cariñoso recordó por quen foi durante moitos anos vogal do noso padroado e sempre compartiu os afáns da Fundación. A María Luisa Martínez Poch, finada apenas comezado este ano de 2022 desde o que lles escribo estas liñas, que sentía tanto os nosos éxitos como as nosas dificultades como propios, creo que lle gustou ver unha vez máis o seu nome unido aos fitos da nosa memoria. Sexan estas palabras un pequeño recoñecemento.



José María Arias Mosquera

Presidente da Fundación Barrié