Carta do Presidente

Nada me pode agradar máis á hora de empezar a carta coa que encabezamos a nosa memoria que dicir que en 2022 retomamos por completo a nosa actividade presencial e renovamos a ilusión ao atopar o noso público tan satisfeito de que seguísemos no noso lugar. Sen dúbida, dun episodio tan negativo debemos buscar un fortalecemento, unha maior seguridade e un maior goce da presenza das persoas nas rúas, nas salas de exposición e nos auditorios, tanto nos escenarios como nos patios de butacas.

Unha fundación é un devir, un mudar para permanecer, e esta convicción é a que presidiu tamén este ano a nosa actividade: sermos os mesmos de onte no tempo de hoxe.

A idea do noso fundador, estimular o progreso de Galicia a través da educación, deu lugar no seu día a que Galicia fose pioneira, da man da Fundación Barrié, na aplicación das novas tecnoloxías no ensino. Traducida ao contexto actual, non pode obviar por onde van os avances nos últimos anos.

Onte como hoxe, por exemplo, a tecnoloxía tivo dúas caras e pódese elixir en cal dos dous lados estar, mais non se pode decidir estar á marxe. Quen non sentiu falar de drons nestes últimos anos? Foron protagonistas na guerra, tanto no plano da defensa como no da destrución; axudaron a xestionar catástrofes, deron lugar a novas imaxes na produción audiovisual e, tamén, alcanzaron o nivel doméstico, pasaron a formar parte da vida ordinaria. É certo que este mundo é incipiente, cambiante e, en boa medida, imprevisible, mais o que está claro é que debemos “alfabetizarnos” nel. Ese foi o espírito da Liga Maker Drone, que este ano tivo a súa primeira xornada de exhibición. Trátase de poñer nas mans dos estudantes algo ao que non poden estar máis receptivos: a tecnoloxía. Se o primeiro deber dun bo discípulo é superar o seu mestre, apostando por xuntar tecnoloxía e educación temos o éxito asegurado, porque estes mozos entusiasmados non tardarán moito en nos tomar a dianteira.

A natural tendencia á novidade que mostran os rapaces ten tamén o seu lado negativo e este ano foi, así mesmo, o dun informe, verdadeiramente alarmante e cunha repercusión parella á súa importancia, sobre os usos da tecnoloxía. Novos problemas que requiren novas solucións e para os que a clave é sempre coñecelos mellor para fomentar un uso consciente de todo o que o mundo de hoxe nos ofrece.

Os aspectos tecnolóxicos da cultura non son novos e este ano puidémolo ver nunha reflexión de longo alcance que abrangue, podemos dicir sen esaxeración, toda a historia humana. Unha exposición, Buda y Shiva, Loto y Dragón: Obras maestras de la colección de Mr. and Mrs. John D. Rockefeller 3rd en Asia Society, permitiunos mergullarnos nas orixes da espiritualidade, as vicisitudes da cerámica e a metalurxia e a súa influencia no desenvolvemento e fusión das culturas e facer, así mesmo, unha reflexión sobre o valor do mecenado cultural. Ningún obxecto dos amosados no que é unha das coleccións privadas de arte asiática máis importantes do mundo, que nunca pisara Europa, está pechado en si mesmo. A cerámica xaponesa fálanos de Europa central; a escultura budista, da cultura grega; a cerámica coreana, da cerámica chinesa, ata o punto de que a nosa proximidade e o noso afastamento con respecto ás pezas se podían sentir con igual intensidade. Todas as obras nos falan tamén dos seus donos e colectores e da súa intención de estreitar lazos políticos, no máis alto sentido da palabra, a través do entendemento cultural. A mesma idea que motivaba os galanos dos chineses aos persas motivaba a Rockefeller á hora de amosar nos EUA a arte asiática e motívanos a nós para a traer a Galicia. Como signo da importancia desta colección, debe citarse a presenza da embaixadora dos EUA na súa inauguración. A esta deferencia quixemos corresponder, no nome de toda a nosa terra, co mellor que podemos ofrecer: unha visita ao Pórtico da Gloria, ao que, como saben, nos liga un proxecto que é, sen dúbida, a máis importante restauración acometida en Galicia. O proxecto do Pórtico da Gloria deunos unha nova satisfacción: a cerimonia de recepción en Toledo dos Premios Europa Nostra, presidida pola raíña Sofía e coa que se quere dar a oportuna dimensión nacional ao premio de maior prestixio do noso continente que recibimos en 2021.

Pero coa filantropía norteamericana líganos algo máis: o empeño polo aproveitamento do capital humano. Xunto coas bolsas, que este ano xa nos permitiron unha xestión máis normalizada, pero aproveitando os avances logrados na súa xestión durante a pandemia, esta aposta polo talento de Galicia plasmouse no Programa Ignicia, levado a cabo coa Axencia Galega de Innovación.

Neste afán por estimularmos o talento, non podemos esquecer os grandes protagonistas do futuro. Así, este ano tivo a súa primeira manifestación pública o Torneo Escolar de Oratoria, que é a versión para os máis novos do Torneo de Debate Académico. Introducir ferramentas e hábitos para falar en público non é clave só para a formación das persoas, senón para toda a sociedade. A oratoria é tamén saber escoitar.

Dicía ao principio destas liñas que unha fundación é un devir: nela están todos os que puxeron o seu traballo e a súa ilusión porque lle deron tamén a súa forma actual e son unha inspiración para o futuro. Por iso quero pechar esta carta cunha lembranza a María Luisa Martínez Poch, que nos deixou o ano do que estamos a dar conta, mais que estará sempre no corazón dos que formamos parte da Fundación Barrié.

José María Arias Mosquera

Presidente da Fundación Barrié

  (11/12/2023)