BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
A Fundación Barrié presenta na súa sede de Vigo a retrospectiva sobre a obra de Manuel Gallego, que se exhibirá ata marzo
-
A mostra é unha produción propia da Fundación Barrié en colaboración co estudio de Manuel Gallego e a primeira exposición retrospectiva do arquitecto galego, Premio Nacional de Arquitectura en 1997.
-
A exposición aborda 22 dos seus proxectos, organizados a través de dous grandes apartados temáticos: a “Arquitectura da vivenda” e a “Arquitectura dos espazos de uso colectivos”.
-
A mostra componse de 16 maquetas, 24 planos de gran formato, máis de 400 fotografías e dous vídeos sobre o autor: “Polo territorio da arquitectura con Manuel Gallego” (TVG, 2006) e “Maestros de la Arquitectura” (Fundación Arquía, 2015).
-
O proxecto complétase cun amplo programa didáctico que ofrece a Fundación Barrié arredor da mostra, con actividades gratuítas para todos os públicos (obradoiros para familias e escolares, visitas comentadas).
-
Comisariada polo propio autor e deseñada polo arquitecto e fotógrafo Pablo G. Picard, a exposición propón crear un fío argumental que permita desenvolver un discurso que facilite e provoque olladas diversas sobre a arquitectura, aproximándose así á súa complexidade.
A Coruña, 22 de setembro de 2016.- A Fundación Barrié ofrece na súa sede de Vigo, do 28 de outubro de 2016 ata o 5 de marzo de 2017, un novo proxecto cultural e educativo: a exposición MANUEL GALLEGO. Arquitectura 1969-2015, a primeira retrospectiva do arquitecto galego e Premio Nacional de Arquitectura (1997). A exposición, comisariada polo propio autor e deseñada polo arquitecto e fotógrafo Pablo G. Picard, é unha produción propia da Fundación Barrié, organizada en colaboración co estudio de Manuel Gallego Jorreto.
A Fundación Barrié complementa este proxecto coa edición dunha publicación e cun amplo programa educativo gratuíto, para todos os públicos, arredor da obra de Manuel Gallego con obradoiros para familias e escolares e visitas guiadas.
A exposición componse por unha escolma de proxectos construídos e propón crear un fío argumental que permita desenvolver un discurso que facilite e provoque olladas diversas sobre a arquitectura, aproximándose así á súa complexidade. Para iso sublíñanse algúns dos argumentos conceptuais que foron a base destas arquitecturas: a idea e o contexto.
A idea como soporte conceptual da arquitectura, como argumento que ordena a súa materialidade, a súa construción, o seu uso, a súa forma e o seu significado. E o contexto, no seu sentido máis amplo, como o lugar físico onde se sitúa a construción, pero tamén como esa paisaxe que é expresión dunha orde sobre un territorio. É dicir, trátase de amosar as forzas exteriores e interiores que dominan o proxecto, dende o que chamamos espírito do lugar até a idea máis abstracta que ordena e lle dá unha intención á arquitectura.
Para iso cada obra seleccionada define na exposición un lugar propio que nos lembra que a arquitectura é a creación dun lugar para usar e vivir. Nese espazo delimitado destaca un gran plano de situación como representación e expresión sintética do contexto da obra (do seu territorio), unha serie de esquemas ou debuxos orixinais que, xunto a un breve texto, axudan a precisar as forzas (ideas) que condicionan e forman esa determinada arquitectura. Acompañados á súa vez dun crebacabezas de imaxes (12-15 por proxecto) que permiten ver a obra dende diferentes ángulos, amosando aproximacións da materialidade e a linguaxe utilizada, e se acaso dunha maqueta (máis conceptual e expresiva das ideas e intencións perseguidas que representación realista), ofrécese ao visitante unha visión conxunta sobre o ambiente e o espazo proposto en cada obra, ao mesmo tempo que unha reflexión sobre as relacións complexas que a arquitectura establece entre ambos conceptos.
En termos xerais a totalidade dos proxectos expostos organízanse a través de dous grandes apartados temáticos: a “Arquitectura da vivenda” e a “Arquitectura dos espazos de uso colectivos”. Coherente cun espazo expositivo dividido en dous andares, e unha cronoloxía onde predomina un primeiro período de construción de vivenda que dá paso a unha época posterior de maior desenvolvemento de edificios públicos e equipamentos.
Por último, nese intento por entender como as formas e as arquitecturas chegaron a ser o que son e o porqué das forzas que as provocaron, na totalidade das salas amósanse en gran formato un conxunto de imaxes cuxo ambiente (luz) axuda a establecer relacións entre as diferentes obras, así como crear o clima conxunto para orientarse no espazo expositivo.
Presentes as obras máis representativas do autor, como son a vivenda unifamiliar de Corrubedo (1970) ou no Carballo (1979), os premiados Museo de Belas Artes da Coruña (1997) e Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela (2012), ou os igualmente coñecidos Complexo Presidencial de Galicia (2002) e Centro Cultural e Concello da Illa de Arousa (2005-2008), a retrospectiva acompáñase doutros proxectos menos coñecidos pero igualmente brillantes como son: a Lonxa de Lira (2008), o Centro Cultural en Ourense (2009) ou o Museo do Papel do Carballiño (2004).
Cun total de 22 proxectos, 16 deles coa súa respectiva maqueta, xunto a unha ampla información gráfica e fotográfica e un breve texto explicativo, a totalidade do espazo expositivo xunta un total de 24 planos de gran formato, voltos a debuxar a maioría para a ocasión, máis de 400 fotografías organizadas en diferentes poli-dípticos por proxecto, e 16 fotos de gran tamaño. O conxunto irá acompañado pola proxección de dous vídeos sobre o autor: Polo territorio da arquitectura con Manuel Gallego, producido pola TVG (2006), e o de máis recente produción Maestros de la Arquitectura, Fundación Arquía (2015).
Biografía de Manuel Gallego Jorreto (O Carballiño, Ourense, 1936)
1963: Titulado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid.
1963-66: Traballa en Madrid con Alejandro de la Sota.
1968: Doutor Arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid.
1969-70: Bolseiro no Cours des Techniques d’Urbanisme, ASTEF, París, Francia.
1966-86: Arquitecto do Ministerio da Vivenda. Servizos Provinciais de Urbanismo da Coruña.
Desde 1987: Profesor Titular de Urbanística I e Titor de Proxecto Fin de Carreira, ETSA Coruña. Foi Profesor de Proxectos Invitado, en diferentes Universidades (Madrid, Barcelona, Navarra, Sevilla, Málaga, Coimbra, Múnic, entre outras).
2002-2007: Catedrático do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña
Distincións:
1996: Medalla Castelao, Xunta de Galicia. VIII Premios COAG da Arquitectura (1º premio).
1997: Premio Pedrón de Ouro, Santiago de Compostela. Premio da Crítica para as Artes e as Ciencias, Galicia. IV Bienal de Arquitectura española. Mención polo Museo de Belas Artes. Premio Nacional de Arquitectura, Consello Superior de Arquitectos de España.
2008: Premio Nacional da Cultura Galega. Xunta de Galicia.
2010: Premio Celanova. Casa dos Poetas.
2011: Medalla de Ouro da Arquitectura. CSCAE. Madrid.
2013: Premio na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo. Madrid.
Participa en exposicións a nivel nacional e internacional. Imparte cursos, dita conferencias, relatorios en centros e universidades de España e do estranxeiro. Foi xurado en concursos nacionais e internacionais. O seu traballo foi publicado en varias monografías e en publicacións periódicas.
A histórica vinculación da Fundación, creada en 1966, coa Arquitectura plasmouse nestes anos nun apoio sostido no tempo e concretado en sólidas accións como resposta á inquedanza persoal de Pedro Barrié de la Maza e de Carmela Arias y Díaz de Rábago. Entre elas, un programa expositivo no que a Arquitectura ten un papel salientable. Os exemplos máis recentes son as exposicións sobre a obra dos arquitectos Rafael Moneo (2013/2014) David Chipperfield (2010), Gonçalo Byrne (2010/2011), ou Compañeiros de Oficio (2012/2013), que formula unha reflexión sobre o papel da arquitectura vernácula como piar fundamental da obra dun imprescindible grupo de arquitectos contemporáneos como Alvar Aalto, Álvaro Siza, Tadao Ando, Peter Zumthor ou como Charles-Édouard Jeanneret, Le Corbusier; así como as mostras anteriores dedicadas a Frank Lloyd Wright, Mies van der Rohe, Verner Panton ou George Nelson. O coñecemento e difusión da arquitectura ocuparon sempre un lugar destacado entre os obxectivos da Fundación Barrié. Así, en 1967, a Fundación comeza as negociacións para a creación das Escolas de Arquitectura en Galicia. A construción e equipamento da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica Pedro Barrié de la Maza (inaugurada en 1975) e da Escola Técnica Superior de Arquitectura Pedro Barrié de la Maza (inaugurada en 1980) absorberán durante máis de unha década boa parte dos recursos destinados pola Fundación a programas educativos, e constituíron o xerme da universidade coruñesa.
RECURSOS DISPONIBLES