Reconstrución do Coro do Mestre Mateo

Reconstrución do Coro do Mestre Mateo

Museo da Catedral de Santiago de Compostela

O coro pétreo da catedral de Santiago realizouse durante a campaña construtiva dirixida polo Mestre Mateo cara ao ano 1200. Situado nos catro tramos iniciais da nave maior da catedral contados a partir do cruceiro, o seu derrubamento efectuouse nos últimos días de 1603 e primeiros de 1604.
Os casuais achados de pezas e fragmentos do antigo coro pétreo en diferentes obras realizadas na catedral de Santiago permitiron estudalo, reconstituílo e plantexar a súa parcial reconstrución ao longo da segunda metade do século XX. O dezaseis de xaneiro de 1995, Carmela Arias y Díaz de Rábago, presidenta da Fundación Barrié; o bispo administrador de Santiago, Julián Barrio y Barrio; o deán da catedral compostelá, Jesús Precedo Lafuente e os profesores Ramón Otero Túñez e Ramón Yzquierdo Perrín, asinan un convenio polo que a Fundación Barrié asume a reconstrución de dezasete cadeiras do coro pétreo nunha nova sala do Museo da Catedral.
Como complemento a este custoso labor a Fundación Barrié levou a cabo a recreación virtual do conxunto do coro mateán. A complexidade das obras de reconstrución e de recreación virtual requiriu a intervención de diferentes equipos de traballo que colaboraron nas distintas fases de ambos proxectos ata a súa conclusión.

CONTIDOS RELACIONADOS