BUSCAR
Memoria Anual 2023
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
-
As imaxes que acompañan os textos proceden do arquivo da propia RAG e doutros como o da Fundación Penzol, o Arquivo Municipal da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación Rosalía de Castro e o Museo de Belas Artes, así como particulares.
-
O libro complétase cunha carta de Murguía a Rosalía conservada na Fundación Barrié.
A Coruña, 14 de marzo de 2017.- A Fundación Barrié e a Real Academia Galega presentaron esta mañá en rolda de prensa Rosalía de Castro. Autógrafos poéticos. A obra, que xunta todos os manuscritos poéticos coñecidos a día de hoxe de Rosalía de Castro, foi dada a coñecer nun acto no que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o presidente da Fundación Barrié, José Mª Arias Mosquera, e o secretario da RAG e responsable da edición, Henrique Monteagudo.
O título ve a luz dentro da colección “Clásicos da Academia”, unha iniciativa da RAG e a Fundación Barrié dentro da cal xa se publicou anteriormente, en tres volumes, a Obra Completa de Manuel Antonio. Clásicos da Academia pretende poñer nas mans de investigadores e lectores en xeral as obras máis salientables da nosa literatura mediante formatos nos que se prima a lexibilidade e a calidade de edición ademais do rigor filolóxico.
O presidente da Fundación Barrié, José María Arias, declarou que o novo volume da colección Clásicos da Academia é un “deses traballos que unha vez feitos a todo o mundo lle parecen inevitables”. “Esta colectánea achega versos e fragmentos que permiten completar a obra poética da autora e entender mellor algúns dos poemas coñecidos”, salientou o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. Na mesma liña, o editor do volume, Henrique Monteagudo, advertiu que os materiais recompilados “permiten botar unha ollada nova sobre os procesos de creación, edición e difusión da obra poética de Rosalía, procesos mal coñecidos e que presentan moi significativos interrogantes, como pode ser o propio papel de Manuel Murguía".
Noventa textos salvados da destrución
Rosalía de Castro. Autógrafos poéticos acomete por primeira vez un estudo sistemático de todas as mostras escritas que se conservan asinadas ou atribuídas a Rosalía, fixando os trazos das distintas caligrafías utilizadas pola autora. Conxúgase así o interese social polas pegadas gráficas da autora máis representativa de Galicia co indubidable interese filolóxico.
O volume ofrece a colleita dos autógrafos poéticos da autora que sobreviviron á queima dos orixinais da súa obra literaria que ela mesma ordenou pouco antes do seu pasamento, á que se sumou logo a destrución das cartas que lle enviara ao seu home, Manuel Murguía. Son en total uns noventa textos localizados en distintos arquivos públicos (o da propia RAG, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Penzol, o Arquivo Municipal da Coruña, a Deputación da Coruña e o Museo de Belas Artes da Coruña) e fondos particulares.
Os textos son de desigual extensión e carácter: desde pezas duns poucos versos esborranchados a lapis ata composicións relativamente complexas e longas, revisadas, case rematadas ou mesmo pasadas a limpo. Boa parte, case sesenta, son textos folclóricos que Rosalía transcribiu tal como lle acudían de beizos populares. No caso da súa obra poética orixinal, déronse recollido, entre outros, testemuños de Cantares gallegos, Follas Novas ou composicións relacionadas con En las orillas del Sar. Cómpre ademais mencionar as autotraducións ao castelán de dúas composicións publicadas en Follas novas: “Nin ás escuras” e “A xustiza pola man”.
As tres novidades de maior importancia deste traballo son o poema “Dinche o corazón na man”; a composición “La hija del mar” e un esbozo de libro da autora que permanecera totalmente ignorado, Postrimerías. Estas novidades xa foron presentadas hai tres anos na Academia, por parte do editor do volume e das profesoras María Xesús Lama, a biógrafa da poeta que exhumou Postrimerías, e María do Cebreiro Rábade, que estudou “La hija del mar”, pero por primeira vez son obxecto dunha edición académica e conxunta nun volume rosaliano.
O volume complétase cunha carta de Manuel Murguía a Rosalía de Castro, datada por volta de 1879 polo seu editor, Diego Rodríguez, e que formaba parte do legado de Víctor Said Armesto doado pola súa familia á Fundación Barrié. A misiva, unha das que sobreviviu accidentalmente ao afán de sixilo sobre a vida familiar privada de Murguía, ofrece un grande interese para o estudo das relacións intelectuais entre Rosalía e o seu esposo, e o papel deste na publicación da obra da poeta do Sar.
RECURSOS DISPONIBLES
Imaxes