BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


29-10-2019

José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié, recolle o Premio de Patrimonio Europeo/Premio Europa Nostra 2019
© Fundación Barrié

París, 29 de outubro de 2019.- O Presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, recolleu hoxe o Premio europeo máis prestixioso no eido do patrimonio, fundado polo Programa “Creative Europe”, e promovido pola Comisión Europea e Europa Nostra.
 
O Premio de “Patrimonio Europeo / Premio Europa Nostra 2019” foi outorgado ao proxecto de conservación preventiva e restauración do Pórtico da Gloria e o seu contorno na Catedral de Santiago de Compostela na categoría de Conservación.
 
O Presidente da Fundación Barrié agradeceu este recoñecemento que, segundo as súas palabras “Para a Fundación Barrié representa un incentivo para seguir a traballar a prol do Patrimonio da nosa terra”. O Presidente tivo palabras de agradecemento para todas as institucións e persoas que participaron no proxecto mais, sobre todo, quixo dedicar este Premio aos creadores da Fundación Barrié, D. Pedro Barrié de la Maza e Dna. Carmela Arias y Díaz de Rábago os cales marcaron a recuperación do Patrimonio de Galicia como unha das principais liñas de actuación da Fundación creada en 1966.
 
A restauración do Pórtico da Gloria foi posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié. Dos máis de 400 millóns de euros que a Fundación destinou a Galicia desde 1966, o 36% corresponde a programas de Patrimonio e Cultura e desta cantidade, só 11 millóns de euros foron destinados a proxectos de conservación, posta en valor e restauración na Catedral de Santiago dos cales máis de 6 millóns foron destinados ao proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria sen contar o investimento no programa de difusión e concienciación sobre a importancia de preservar o noso patrimonio, un programa que contou con preto de 1 millón de usuarios en España e no estranxeiro.

Co proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria a Fundación Barrié reafirmou o seu histórico e sólido compromiso co Patrimonio de Galicia, tanto material como inmaterial, desenvolvendo e apoiando iniciativas encamiñadas á súa posta en valor e conservación. O proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e o seu contorno sumouse a proxectos tan relevantes como a catalogación arqueolóxica e artística de Galicia; a recuperación do coro pétreo do Mestre Mateo; a reprodución en madeira dos instrumentos do Pórtico ou a publicación dos Cancioneiros.
 
A solemne Cerimonia dos Premios de Patrimonio Europeo celebrouse hoxe en París onde 25 galardoados pertencentes a 16 países foron recompensados polos seus exemplares logros nas categorías de conservación, investigación, dedicación especial ao Patrimonio e educación, formación e sensibilización.
 
A gala contou coa intervención de Plácido Domingo, Presidente de Europa Nostra e Tibor Navracsics, Comisario Europeo para a Educación, Cultura, Xuventude e Deporte.
 
“Estou moi orgulloso de dar parabéns a todos os gañadores dos Premios de Patrimonio Europeo/Premios Europa Nostra 2019. Estes heroes do patrimonio – profesionais e voluntarios de toda Europa- lograron algo realmente asombroso. O seu traballo para restaurar, preservar, apoiar ou promocionar os monumentos e sitios do patrimonio europeo, así como o patrimonio intanxible de Europa, é dunha altísima calidade. Estes Premios son unha proba do tremendo impacto que teñen os proxectos de patrimonio na nosa economía, no noso contorno, na nosa cultura e na nosa calidade de vida. O patrimonio europeo é un activo chave para o futuro de Europa e a nosa prosperidade. Esta é unha mensaxe importante para todos os cidadáns da Unión Europea e para os futuros líderes das institucións da Unión Europea que serán elixidos nas vindeiras eleccións europeas”, sinalou Plácido Domingo, Presidente de Europa Nostra.
 
“O noso patrimonio cultural é o noso recurso conxunto, un legado do pasado sobre o cal construírmos o noso futuro. Ocupa o seu lugar no corazón da xente e na súa vida cotiá e é fundamental para fomentar o sentido de pertenza. O Ano Europeo do Patrimonio Cultural que celebramos en 2018 salientou este importante papel. Agora o noso labor é continuarmos a súa promoción nos vindeiros anos. Os gañadores deste ano dos Premios de Patrimonio Europeo/Premios Europa Nostra están a colaborar nestes esforzos co seu compromiso e a calidade do seu traballo, e doulles parabéns efusivamente”, dixo Tibor Navracsics, Comisario Europeo para a Educación, Cultura, Xuventude e Deporte.
 
Os Xurados independentes constituídos por expertos en patrimonio avaliaron un total de 149 proxectos presentados por organizacións e particulares de 34 países europeos, e seleccionaron os gañadores.
 
Premiados 2019
(por orde alfabética de países)
Categoría Conservación
Castle of Montreuil Bonnin, FRANCE
Fortified Settlement of Mutso, GEORGIA
Chapel of the Holy Shroud, Turin, ITALY
Cathedral of Saint Bavo, Haarlem, THE NETHERLANDS
The Queen Louise Adit Complex, Zabrze, POLAND
Pavilion for the Presentation of Archaeological Remains, Celje, SLOVENIA
Lithica Pedreres de s’Hostal, Menorca, SPAIN
Oratorio del Palacio del Partal en la Alhambra, Granada, SPAIN
Pórtico da Gloria, Santiago de Compostela, SPAIN
Medieval Tithe Barn, Ingatorp, SWEDEN
Yr Ysgwrn, Trawsfynydd, Wales, UNITED KINGDOM
 
Categoría Investigación
Solak 1: a Model of Predictive Archaeology, ARMENIA/ITALY?
VERONA: Van Eyck Research in OpeN Access, BELGIUM
RomArchive - Digital Archive of the Roma, GERMANY
?
Categoría Dedicación Especial
VVIA - Flemish Association for Industrial Archaeology, BELGIUM
Fortidsminneforeningen – National Trust of Norway, NORWAY
 
Categoría Educación, Formación e Sensibilización
TUMO Center for Creative Technologies, Yerevan, ARMENIA
History Radar 1938, Vienna, AUSTRIA
Betina Museum of Wooden Shipbuilding, CROATIA
Monument Europe, Berlin, GERMANY
Stewards of Cultural Heritage, GERMANY
Greek Paths of Culture, Athens, GREECE
Commonlands: Cultural Community Mapping in Alpine Areas, Parco Nazionale Val Grande, ITALY
Le Dimore del Quartetto, Milan, ITALY
A Place at the Royal Table, Warsaw, POLAND
 
Tamén se entregará un Premio Europa Nostra a dúas exemplares realizacións de países europeos que non forman parte do Programa “Creative Europe”:
Categoría Conservación
Bo?aziçi University Gözlükule Excavation Research Center, Tarsus, TURQUÍA
Categoría Dedicación Especial
Mr. Léonard Gianadda, Martigny, SUÍZA
 
Proxecto de conservación preventiva e restauración do Pórtico da Gloria e o seu contorno
O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, creado entre 1168 e 1188 polo Mestre Mateo por encargo do rei Fernando II de León, é considerado a obra cumio da Escultura Románica en España. Para os millóns de peregrinos que realizaron o Camiño de Santiago ao longo dos séculos, o Pórtico da Gloria é a meta a unha longa viaxe. A envergadura e calidade do conxunto escultórico así como o seu significado simbólico e relixioso convérteno nun dos monumentos máis apreciados de Europa. “Este monumento é un dos lugares de peregrinación máis visitados de Europa e é representativo do seu Patrimonio”, manifestou o xurado.
O Pórtico sufría un elevado grao de deterioración froito dos efectos das condicións ambientais, técnicas de conservación non apropiadas e determinados costumes e tradicións arraigados. A mediados da década de 2000, a crítica situación na cal se encontraba a obra requiría unha intervención urxente. O proxecto de conservación preventiva e restauración do Pórtico da Gloria foi liderado conxuntamente pola Fundación Barrié e a Fundación Catedral, coa coordinación técnica do Instituto do Patrimonio Cultural de España (IPCE) e a supervisión da Xunta de Galicia. O proxecto, posible grazas ao mecenado exclusivo da Fundación Barrié, demostrou a efectividade da iniciativa privada na consecución dos retos para a conservación do patrimonio en contornos complexos.
O proxecto integral realizouse nun período de 12 anos. Durante a súa primeira fase, equipos de expertos de recoñecemento internacional desenvolveron diversas liñas de investigación, desde as análises de policromía e biodeterioración, ou a monitorización das condicións ambientais ata a experimentación de tratamentos químicos ou de láser. A exhaustiva investigación permitiu profundar no coñecemento da obra e do seu estado de conservación e serviu de base para redactar o Plan de Conservación Preventiva e a proposta de intervención.
Os esforzos de restauración concentráronse na adopción das medidas necesarias para neutralizar os procesos de deterioración relacionados cos factores de degradación e preservar todos os restos de cor conservados. A intervención seguiu un criterio conservador, retirando unicamente os depósitos nocivos amoreados sobre a superficie e que afectaban á estabilidade dos materiais históricos, como é o caso da sucidade, as sales, os restos de natureza biolóxica, os produtos consolidantes acrílicos e os morteiros de cemento engadidos nas intervencións previas pouco compatibles coa superficie orixinal. O proxecto permitiu preservar a policromía que aínda se conservaba dun risco inminente de perda definitiva, respectando a harmonía estética e a longa historia do monumento, para que poida ser admirada polas futuras xeracións.
O xurado eloxiou este proxecto como un “exemplo moi destacado de conservación e coidadosa recuperación de escultura en pedra policromada nunha obra de fundamental importancia na Escultura románica”.
 
Máis Información
 
Premios de Patrimonio Europeo/ Premios Europa Nostra
Os Premios de Patrimonio Europeo / Premios Europa Nostra foron creados en 2002 pola Comisión Europea e xestionados desde entón por Europa Nostra. Recoñecen e fomentan as mellores prácticas relacionadas coa conservación do patrimonio, a súa xestión, investigación, voluntariado, educación e comunicación. Desta maneira, contribúen a reforzar o recoñecemento público do Patrimonio Cultural como un recurso estratéxico para a sociedade e a economía europeas. Os Premios están patrocinados polo Programa da Unión Europea “Creative Europe”.
Nos últimos 17 anos, organizacións e particulares de 39 países presentaron a estes premios 3.032 proxectos.  Tendo en conta o número de proxectos presentados por cada país, España ocupa o primeiro lugar con 527, seguida por Italia con 308 proxectos e o Reino Unido con 299.  En relación coas distintas categorías, o maior número de proxectos presentados corresponde a Conservación (1.744), seguida de Educación, Formación e Sensibilización (555), Investigación (381) e, finalmente, Dedicación especial ao Patrimonio (352).
Desde 2002, os distintos xurados premiaron 512 proxectos de 34 países. España encabeza a lista con 67 premios, en segundo lugar Reino Unido con 61, en terceiro lugar Italia con 45. Por categorías, a de Conservación ten o maior número de premios (291), seguida por Educación, Formación e Sensibilización (82), Dedicación especial ao Patrimonio (76), e, por último, Investigación (63).
Concedéronse un total de 116 Grandes Premios de 10.000 Euros aos proxectos máis notables elixidos entre os premiados.
Os Premios de Patrimonio Europeo / Premios Europa Nostra serviron para potenciar o sector do patrimonio en Europa destacando as boas prácticas, fomentando o intercambio de coñecementos entre fronteiras e conectando ás partes interesadas en redes máis amplas. Tamén estes premios supuxeron maiores beneficios para os premiados, tales como unha maior difusión a nivel nacional e internacional, financiamento e aumento do número de visitantes. Incrementaron ademais o interese do público en xeral polo noso patrimonio común. Estes Premios son polo tanto unha ferramenta clave para promocionar o patrimonio europeo.
 
Europa Nostra
Europa Nostra é a Federación pan-Europea de Organizacións Non Gobernamentais relacionadas co Patrimonio, apoiada por unha ampla rede de institucións públicas, organizacións privadas e particulares de 40 países.  Europa Nostra é a voz da sociedade civil para a salvagarda e a promoción do Patrimonio Cultural e Natural de Europa. Fundada en 1963, Europa Nostra é recoñecida actualmente como a organización de patrimonio máis representativa e influente en Europa. O seu Presidente é Plácido Domingo.
Europa Nostra traballa para salvar os monumentos, sitios e contornos europeos en perigo, especialmente a través do programa “7 Most Endangered ”. Recoñece a excelencia mediante os Premios de Patrimonio Europeo / Premios Europa Nostra. Tamén contribúe á formulación e aplicación de estratexias e políticas europeas relacionadas co patrimonio, a través do diálogo coas institucións europeas e a coordinación da Alianza de Patrimonio Europeo 3.3. Europa Nostra está representada en España por Hispania Nostra.
 
Creative Europe
Creative Europe é un programa da Unión Europea para apoiar os sectores culturais e creativos, permitíndolles incrementar a súa contribución ao emprego e ao crecemento. Cun orzamento de 1.46 billóns de euros para 2014-2020, apoia organizacións nos campos do patrimonio, artes escénicas, belas artes, publicidade, cinema, TV, música, e vídeo xogos, así como a milleiros de artistas e profesionais do sector cultural e audiovisual. Este financiamento permitiralles levar a cabo o seu traballo ao longo de Europa, chegar a novas audiencias e desenvolver as técnicas propias da era dixital.
 

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes