BUSCAR
Memoria Anual 2023
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
A Fundación Barrié crea unha APP que permite explorar os detalles do monumento con súper-zoom.
A imaxe en gigapíxel compleméntase con narrativas sobre o Pórtico e a súa restauración, visión do “despois e antes” da intervención, os sons dos seus instrumentos e os instrumentos en 3D entre outros contidos para explorar.
A app de balde pódese descargar en App Store e Google Play, tanto para iOS (iPhone y iPad) como para smartphone e tableta Android.
Está dispoñible en castelán, galego e inglés.
A restauración do Pórtico da Gloria, acometida entre 2006 e 2018, foi un dos proxectos máis ambiciosos, longos e complexos aos que a Fundación Barrié se enfrontou nos últimos anos. O obxectivo último foi impulsar o concepto de que “a mellor estratexia de conservación é a educación” e traballar para concienciarmos a sociedade de que a conservación do Patrimonio ha de ser unha responsabilidade compartida de todos.
É por iso que a Fundación Barrié sempre foi máis alá do mero mecenado e segue a traballar na divulgación deste proxecto, utilizando as ferramentas máis innovadoras ao seu alcance como a imaxe gigapíxel que aquí se presenta e que permite, por primeira vez, explorar detalles do conxunto inalcanzables a simple vista.
A dixitalización en súper-alta resolución –gigapíxel– dos aproximadamente 200m2 que compoñen o monumento requiriu 14 horas ininterrompidas de captura durante as que se tomaron máis de 2.700 fotografías con Madpixel ROB, o robot gigapíxel intelixente de dixitalización de obras de arte.
A imaxe é complementada con pequenas narrativas en forma de «storytelling» interactivo, que falan da iconografía do Pórtico, dos materiais e técnicas utilizadas, os instrumentos que aparecen nel ou do complexo proceso de conservación e restauración acometido durante máis de 12 anos.
Esta imaxe foi tomada en xullo de 2020 mentres outras áreas da Catedral de Santiago de Compostela seguían sometidas a intensos traballos de restauración. É por iso que o Pórtico da Gloria se amosa nunha cápsula como medida preventiva temporal da súa conservación. A Fundación Barrié quixo amosar o monumento tal e como o visitante o pode ver nestes intres.
A imaxe en gigapíxel así como unha escolma dos demais contidos da app (narrativas, audio-tour e instrumentos en 3D) poden explorarse tamén na web:
porticodelagloria.fundacionbarrie.org
SECOND CANVAS APP
A app desenvolveuse na plataforma SECOND CANVAS de Madpixel, unha ferramenta innovadora utilizada por máis de 75 museos de 16 países para crear novas experiencias coa arte, tanto dentro como fóra do museo, entre os que se encontran o Museo Nacional do Prado, BNE-Biblioteca Nacional de España, The Frick Pittsburg, SMK-National Gallery of Denmark, os museos da vila de París -Paris Musées- ou o MUAC de México. Non obstante é a primeira vez que a tecnoloxía se utilizou para a dixitalización dun monumento das características e dimensións do Pórtico da Gloria.
Características e contidos principais:
- Súper-zoom para explorar o Pórtico da Gloria coa mellor calidade posible grazas á resolución gigapíxel.
- Narrativas sobre figuras destacadas e detalles do Pórtico da Gloria, a súa simboloxía, as causas da deterioración e a intervención.
- Sons dos instrumentos do Pórtico que permiten escoitar como soaron os instrumentos esculpidos no tímpano central.
- Audio-tour que percorre o Pórtico e os seus detalles, vídeos explicativos, etc.
- Visión de despois e antes da restauración en zonas e elementos chave para entender o alcance do traballo realizado.
- Reprodución en 3D dos instrumentos que aparecen no Pórtico, con explicación interactiva das súas características.
A Fundación Barrié e o proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria
O proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e o seu contorno (2006-2018) foi posible grazas ao mecenado exclusivo da Fundación Barrié, fundación patrimonial privada, como reflexo do seu compromiso coa recuperación do patrimonio histórico e cultural de Galicia. A Catedral de Santiago como elemento máis destacado de todo o Patrimonio do noso país, tamén foi proba deste compromiso. A colaboración entre a Fundación Barrié e a Fundación Catedral remóntase a 1968 e materializouse en proxectos tan emblemáticos como a recuperación do coro pétreo do Mestre Mateo; a reprodución en madeira dos instrumentos do Pórtico ou a restauración do órgano da Catedral de Santiago. Cume desta colaboración foi o proxecto de restauración e conservación do Pórtico da Gloria e o seu contorno, inaugurado en xullo de 2018.
Para máis información contacte con:
Suzana Mihalic. Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa Fundación Barrié
Tel: 00 34 659 459 030 / 981 060 091 /
smihalic@fbarrie.org / www.fundacionbarrie.org
RECURSOS DISPONIBLES
Imaxes
Videos