BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
A Fundación Barrié en colaboración coa Fundación Pictoaplicaciones presenta as novidades do seu portal educativo “Pictoeduca” que permite crear e descargar contidos para persoas neurodiversas
• Coincidindo co inicio do novo curso escolar creouse un novo apartado “Adapta”, que ofrece todo o contido curricular das materias de 1º de primaria da comunidade autónoma galega a través de actividades intelixibles e de doada comprensión elaboradas por docentes expertos na intervención en alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo.
• Preséntanse máis de 90 leccións adaptadas e clasificadas polas seguintes materias: as Ciencias Naturais; as Ciencias Sociais; Educación Física, Musical e Plástica; Lingua Galega; Lingua Inglesa; Lingua Castelá e Literatura; Matemáticas e os Valores Sociais e Cívicos.
• Un dos principais obxectivos é ofrecer ás alumnas e alumnos neurodiversos os apoios precisos que lles permitan acadar un maior grao de autonomía nos procesos de aprendizaxe que se poidan producir co uso destas ferramentas.
• Desde a súa posta en marcha en 2017, o portal Pictoeduca converteuse nun referente ineludible para a comunidade educativa, onde educadores e pais compartiron máis de 1.200 leccións e xeraron máis de 1,7 millóns de visitas web.
A Coruña, 3 de setembro de 2021: O portal Pictoeduca é unha iniciativa da Fundación Barrié e a Fundación Pictoaplicaciones nacida en decembro de 2017 co obxectivo de mellorar a calidade de vida das alumnas e alumnos con necesidades específicas de apoio educativo, fornecendo a posibilidade de pais, nais e profesionais poderen adaptar recursos didácticos en función das súas necesidades, inquedanzas e estilos de ensino e aprendizaxe.
Desde a súa posta en marcha, o portal experimentou un gran crecemento no número de visitas, acadando máis de 1,7 millóns á data de hoxe.
Este crecemento viuse acelerado drasticamente durante o período de confinamento por mor da pandemia por COVID-19. O maior aumento de visitas produciuse no mes de abril de 2020, cun incremento do 248% respecto ao mesmo mes do pasado ano.
Novidades – apartado “Adapta”
O portal, creado con vocación de evolución e mellora constante, ofrece agora un novo apartado “Adapta”, froito, en parte, das necesidades específicas identificadas por mor da pandemia por COVID-19.
A publicación do novo apartado “Adapta” ofrece todo o contido curricular das materias de 1º de primaria da comunidade autónoma galega a través de actividades intelixibles e de fácil comprensión elaboradas por un equipo de docentes expertos na intervención en alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo. Preséntanse máis de 90 leccións adaptadas e clasificadas por materias de todo o contido do currículo educativo de 1º de primaria da comunidade autónoma de Galicia, a través de proxectos, propostas de actividades, actividades de reforzo e xogos pedagóxicos. En cada lección introdúcese unha explicación do seu contido curricular, o material que debe usarse e o apoio visual preciso para o alumnado.
As materias nas que están clasificadas as leccións son: as Ciencias Naturais; as Ciencias Sociais; Educación Física, Musical e Plástica; Lingua Galega; Lingua Inglesa; Lingua Castelá e Literatura; Matemáticas e os Valores Sociais e Cívicos.
Con este portal, descargable, gratuíto e adaptado a nenos e nenas neurodiversos, cada docente poderá crear a súa propia unidade didáctica axeitándoa ás necesidades do seu alumnado guiándose polo currículo da súa propia comunidade autónoma.
Mediante as novas funcionalidades técnicas que tamén se presentan, os nenos e adultos con diversidade funcional poderán visualizar as leccións no modo “non distraccións”, facilitando a atención ao contido. Os creadores das leccións poderán gravalas coa súa propia voz, ordenar os bloques de información como desexen e exportar e importar as súas leccións desde Pictoeduca, visualizándoas noutras apps sen necesidade de saíren desta.
RESUMO PICTOEDUCA | |||||
2018 | 2019 | 2020 | 2021 a día 30 de xuño | TOTAL | |
VISITAS WEB | 147.530 | 519.107 | 808.958 | 236.453 | 1.712.048 |
USUARIOS | 125.682 | 459.783 | 711.497 | 204.407 | 1.501.369 |
Nº LECCIÓNS CREADAS | 313 | 363 | 422 | 119 | 1.217 |
www.pictoeduca.com
iOs: https://goo.gl/w2gSuk
Android: https://goo.gl/w2HhRM