BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2023

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


Exposición organizada por Fundación MAPFRE en colaboración coa Fundación Barrié.

19-07-2018

A Fundación Barrié presenta na súa sede da Coruña a exposición da artista mexicana Graciela Iturbide.

Lugar: Fundación Barrié
Cantón Grande, 9
15003 A Coruña
 
Datas: 24 de outubro de 2018 – 27 de xaneiro de 2019

16. Nosa Señora das Iguanas, Juchitán, México, 1979 Xelatina de prata Coleccións Fundación MAPFRE ©Graciela Iturbide, 2018

A Coruña, 20 de xullo de 2018.- A Fundación Barrié presenta na súa sede da Coruña a exposición da artista mexicana Graciela Iturbide, considerada como unha das fotógrafas máis influentes de América do Sur. A mostra, composta por 156 fotografías, propón unha viaxe transversal pola obra de Graciela Iturbide que, partindo das súas imaxes máis antigas, chega ata a súa obra máis recente. Sen atender a unha estrita orde cronolóxica, os seus proxectos máis representativos quedan ligados a aquelas temáticas que mellor definen o seu poderoso imaxinario creativo.
 
Con esta exposición, a Fundación Barrié prosegue a súa aposta pola contemporaneidade da fotografía, e continúa a súa liña de exposicións temporais dedicada a clásicos da fotografía, que permitiu amosar as imaxes de grandes fotógrafos como Paul Strand, Arnold Newman, Edward Weston, Alfred Stieglitz, Ansel Adams, Català-Roca ou do brasileiro Caio Reisewitz.
 
Graciela Iturbide (Cidade de México, 1942) é unha das fotógrafas mexicanas máis destacadas da escena contemporánea internacional. Ao longo de catro décadas foi construíndo unha obra absolutamente única, fundamental para comprender a evolución que tivo a fotografía en México e no resto de América do Sur.
 
A súa traxectoria como fotógrafa comeza a finais da década dos sesenta, tras ingresar no Centro de Estudos Cinematográficos de México. Alí, da man de Manuel Álvarez Bravo, o gran mestre da fotografía mexicana, descobre na cámara fotográfica o seu auténtico medio de expresión creativa.
 
Cunha combinación entre o documental e o poético, a súa singular forma de ollar integra o vivido e o soñado nunha complexa trama de referencias históricas, sociais e culturais. A fraxilidade das tradicións ancestrais e a súa difícil subsistencia, a interacción entre natureza e cultura, a importancia do rito na xestualidade cotiá ou a dimensión simbólica das paisaxes e obxectos atopados ao azar ocupan un lugar central na súa frutífera traxectoria.  A súa obra caracterízase por un continuo diálogo entre imaxes, tempos e símbolos; nun despregue poético onde o soño, o ritual, a relixión, a viaxe e a comunidade se mesturan.

Célebre polos seus retratos dos indios Seris, que habitan na rexión do deserto de Sonora, pola súa visión das mulleres de Juchitán (no Istmo de Tehuantepec,  Oaxaca), ou polo seu marabilloso ensaio sobre os paxaros que leva anos fotografando, o itinerario visual de Graciela Iturbide percorreu, ademais do seu México natal, países tan distintos como España, Estados Unidos, India, Italia e Madagascar. A súa curiosidade polas distintas formas de diversidade cultural converteron a viaxe nunha dinámica de traballo a partir da cal expresa a súa necesidade como artista: “fotografar como pretexto de coñecer”, segundo as súas mesmas palabras.
 
Ao igual que fotógrafos como Brassaï ou Christer Strömholm, con quen mantén importantes lazos de afinidade, Iturbide posúe unha rara habilidade para evitar nos seus encadres o que é obvio ou anecdótico. Ás veces este talento para enmarcar o que chama a súa atención pode traer consigo unha visión case mística do cotián; noutras, lévanos ao centro mesmo de cuestións cruciais de nosa sociedade.
 
Sexa como for, na obra de Graciela Iturbide sempre fica claro o seu talento para facer aflorar metáforas pouco usuais. Nosa Señora das iguanas ou O señor dos paxaros, por citar tan só algúns dos exemplos máis paradigmáticos, ilustran de forma explícita como na visión de Iturbide o acontecemento e a súa dimensión poética están intrinsecamente ligados.
 
Ao longo da súa carreira recibiu varios recoñecementos, entre os que destacan o premio Eugene Smith Memorial Foundation pola súa obra sobre Juchitán en 1988. De xeito paralelo a súa obra continúa obtendo o recoñecemento internacional: recibe o Gran Premio do Mois da Photo de París e o Gran Premio Internacional do Museo de Fotografía de Hokaido, Xapón. Foi así mesmo recoñecida co premio The Hasselblad Foundation International Award in Photography 2008, o máis alto galardón ao que un fotógrafo pode acceder na actualidade.
 
Fundación MAPFRE, consciente da importancia da obra de Graciela Iturbide, adquiriu entre os anos 2008 e 2011 a colección máis completa que existe do seu traballo, un total de cento oitenta e seis fotografías que supón un completo percorrido transversal pola súa obra desde os seus primeiros proxectos ata algún dos máis recentes.  Todas as fotografías que compoñen esta exposición pertencen ás coleccións de Fundación MAPFRE.


RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes