BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2023

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


Expertos en demografía avogan, na Fundación Barrié, por un gran pacto político para solucionar o grave problema do avellentamento poboacional.

17-10-2017

  • A xornada, inaugurada hoxe por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e de Zona Noroeste APD, contou coa intervención de máximos expertos na materia como Alejandro Macarrón, director xeral da Fundación Renacimiento Demográfico; o economista Antón Costas; Vicente Rodríguez Rodríguez do CSIC; Alfonso Jiménez Fernández, presidente de Peoplematters, o economista e politólogo Manuel Blanco, o catedrático de Xeografía Humana da USC e Antonio Garrigues, presidente de honra de Garrigues.
  • Propoñen medidas económicas, sociais, culturais e incluso empresariais para afrontar o que consideran unha das maiores ameazas ao modelo de benestar europeo.
  • A crise demográfica e o avellentamento da poboación son especialmente graves en España e en Galicia en particular, segundo destacaron algúns dos maiores expertos en demografía reunidos no ciclo “Galicia na Encrucillada” organizado pola Fundación Barrié e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD).

Alejandro Macarrón, director xeral da Fundación Renacimiento Demográfico; José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Zona Noroeste APD e Santiago Sesto, director APD
© Fundación Barrié

A Coruña, 17 de outubro de 2017. Ante as consecuencias xa visibles do importante cambio demográfico que está a vivir a nosa sociedade, que afectan á viabilidade do actual modelo económico, a supervivencia do noso estilo de vida ou a propia sostibilidade do estado de benestar, os relatores analizaron distintos aspectos da coxuntura demográfica en España e en Galicia, e expuxeron medidas no ámbito económico, social, cultural e mesmo empresarial que han de tomarse de modo urxente para atallar o problema.

Desta forma, o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, esbozou as principais liñas sobre a crise demográfica e apuntou que é un problema que afecta a todo o mundo, pero que ten especial incidencia nalgúns países, como España, e en determinadas comunidades como Galicia e Asturias, que presentan o índice máis acusado de avellentamento poboacional de toda Europa. Segundo as previsións que se manexan, “Galicia perderá un millón de habitantes nos próximos 30 anos e terá menos poboación que a comezos do século XX”. Este decrecemento demográfico ten consecuencias graves para a economía (porque hai un menor consumo, menor investimento, menos demanda, caída de prezos, infraestruturas sobredimensionadas, man de obra avellentada…), pero tamén financeiros e incluso sociais, cunha maior despoboación das áreas rurais que “poñerá en perigo o patrimonio natural e cultural”.
Segundo as súas palabras, a crise demográfica actúa como as termitas, paseniño pero con efectos devastadores. Ante esta situación, urxe tomar medidas como “o recoñecemento do problema, elaborar plans para fixar poboación ao territorio, atraer o investimento estraxeiro ou mellorar a economía para crear máis oportunidades”, entre outras. José María Arias Mosquera citou o caso de Irlanda, un país cuxa demografía caeu enormemente trala crisie da pataca e durante 100 anos, pero que nas últimas décadas acadara un crecemento poboacional do 50% grazas a medidas como a moderación salarial, redución de impostos, creación de emprego, atracción do investimento estranxeiro e, sobre todo, unha decidida aposta pola educación e un bo investimetno dos fondos europeos que se orientaron cara á innovación e o desenvolvemento.
Para profundar na análise do problema e as súas posibles solucións, o presidente da Fundación Barrié presentou esta xornada na que se reuniron “algúns dos mellores expertos” na materia.

Trala presentación, o director xeral da Fundación Renacimiento Demográfico, Alejandro Macarrón Larumbe, realizou unha diagnose da situación indicando que supón o cambio demográfico e reafirmou algúns dos puntos clave que apuntara José María Arias Mosquera, como os problemas máis graves que orixina o que denominou o “suicidio demográfico” de medio mundo: problemas de investimento e consumo, emocionais, políticos e de produtividade. Entre as posibles solucións apuntou unha maior concienciación da poboación sobre o problema demográfico, unha análise rigorosa da situación, afrontar o tema como unha gran prioridade para os poderes públicos, activar incentivos económicos e unha política de rexuvenecemento e auspiciar novos valores sociais e culturais favorables á natalidade, así como procurar unha mellor saúde nos maiores, integrar a inmigración, apoiarse nos avances tecnolóxicos e pór en valor o talento sénior.

Precisamente esta posta en valor do talento dos maiores centrou a intervención do economista Antón Costas Comesaña, que ofreceu unha visión máis optimista do avellentamento demográfico. Costas Comesaña avogou por dar maior visibilidade ao sector dos maiores activos, aos que se lles busca unha denominación que podería ser “seniors”, e ver as oportunidades que xera este sector, tanto laborais como de consumo. Propuxo reorganizar o mundo do traballo (con empregos a tempo parcial e con horarios e retribucións flexibles para aproveitar o talento sénior), o consumo (con novos bens especialmente pensados para este sector) e as finanzas (con produtos financeiros atractivos para os maiores e así reintroducir os seus aforros na economía) para adaptarse a este novo paradigma desde unha perspectiva máis positiva.

Esta intervención deu paso a un bloque que afondou na análise do que denominaron “economía prateada” deseñada para unha poboación avellentada. Así, o profesor de Investigación no CSIC Vicente Rodríguez Rodríguez repasou os instrumentos e axentes en Europa, España e Galicia ao servizo desta economía prateada e esbozou algunhas das políticas que se pretenden aplicar para activar o compromiso dos maiores e aproveitar o capital humano deste sector con medidas como a prolongación da vida laboral, flexibilidade nas pensións, etc… Tamén formulou que sería interesante determinar tanto o tamaño como o papel da economía prateada en España e tamén a creación de produtos e servizos para ese sector.

Pola súa parte, o presidente de People Matters, Alfonso Jiménez Fernández, na súa disertación sobre “Demografía e talento”, explicou que a demografía condiciona o mercado de traballo e, á súa vez, este matiza as decisións sobre o capital humano. Despois de analizar como evolucionou a pirámide poboacional en España e en Galicia ata chegar ao actual estado de crise demográfica e avellentamento poboacional, destacou que hai que cambiar a forma de actuar que teñen as empresas desde a súa xestión de recursos humanos pois predixo un futuro próximo no que o que, ao haber cada vez menos joves no mercado laboral, será moi difícil reter e atraer o talento, e cada vez será máis complicado atopar joves con determinadas competencias porque a maioría concentran a súa formación nuns poucos sectores.

Centrando un pouco máis o foco en Galicia, o economista e politólogo Manuel Blanco Desar fixo unha análise de cara onde se dirixe a nosa comunidade neste ámbito e comentou que cómpre unha estratexia integral e multiactiva para solucionar o problema demográfico en Galicia, xa que a importación de modelos de incentivos á natalidade de países como Alemaña (onde se paga ata case 200 euros por fillo ata que teñen 18 anos) non sería viable, ademais de amosar unha eficacia máis ben moderada. Blanco Desar repasou algunhas das medidas propostas e introduciu algunhas novas, ás veces revolucionarias e polémicas, como o sufraxio infantil articulado a través das nais para condicionar a axenda política. En calquera caso asegurou que se non se logra unha ampla concienciación social sobre o problema, dificilmente a súa solución entrará na planificación dos poderes públicos.

Na mesma liña expresouse Andrés Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Santiago de Compostela, quen apuntou que “a demografía é o principal problema de Galicia a longo prazo”. Repasou, como os seus antecesores nas xornadas, algunhas das causas e consecuencias da crise demográfica e propuxo varias medidas para combater esta lacra, entre as que destacan aumentar o atractivo de Galicia para reter e atraer talento e poboación, atraer investimentos foráneos, descentralizar o crecemento para favorecer o despegue de comunidades como a galega, políticas natalistas, desenvolvemento local para dinamizar as zonas rurais e un gran pacto pola demografía para dar estabilidade a longo prazo ás medidas que se adopten.

Como broche a estas xornadas, o presidente de honra de Garrigues, Antonio Garrigues Walker, indicou que o problema demográfico non se pode entender de maneira illada,  senón como parte dunha serie de circunstancias que afectan fundamentalmente aos países desenvolvidos, entre as que destacou a elevada concentración de riqueza en poucas mans mentres se estende o volume de poboación que vive na pobreza ou os obstáculos que os países desenvolvidos poñen á inmigración e o refuxio sen decatarse de que “a historia da Humanidade é a historia da inmigración”, e que “os movementos migratorios sempre foron favorables aos países de acollida”.
Garrigues Walker asegurou que a lonxevidade seguirá a avanzar polas melloras na sanidade e na tecnoloxía, e que a natalidade seguirá a descender polo novo papel e protagonismo da muller na sociedade, pero quixo pechar as xornadas cunha mensaxe positiva: o problema da demografía “ímolo solucionar, pero teremos que facelo afrontándoo desde unha perspectiva máis ampla”.
 

Este ciclo de conferencias continuará o luns, 20 de novembro (data por confirmar), cun relatorio a cargo de José Luis Cordeiro, profesor fundador da Singularity University. 

A entrada es gratuíta previa inscrición en www.fundacionbarrie.orgwww.apd.es ou contactando con info@barrie.org / noroeste@apd.es. Teléfono de información: 672 138 946

RECURSOS DISPONIBLES