BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


09-10-2019

A Fundación Barrié acolle na súa sede da Coruña a exposición organizada por Norman Parkinson Archive/Iconic Images en colaboración con Terra Esplêndida e a Fundación Barrié.

Comisariada por Terence Pepper, co-comisariada por Alex Anthony e Iconic Images.

Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9 - 15003 A Coruña
 
Datas: 10 de outubro de 2019 – 19 de xaneiro de 2020

Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, xunto a Terence Pepper, comisario da exposición

A Coruña, 9 de outubro de 2019.- A Fundación Barrié acolle, en primicia para España, a exposición retrospectiva Norman Parkinson: sempre con estilo. A exposición é comisariada por Terence Pepper, que foi Comisario de Fotografía na National Portrait Gallery de Londres durante máis de 40 anos e ofrece una xenerosa retrospectiva da influínte carreira de Parkinson, amosando 80 fotos que reflicten a transformación da moda feminina e que contribuíron a dar forma ao modo en que esta se comunicou ao público durante varias décadas.
 
Coñecido polo seu conxunto artístico innovador e único, Norman Parkinson foi partícipe das transformacións que tiveron lugar na fotografía de moda do século XX. Desenvolveu o seu propio estilo distintivo ao longo dunha carreira de 56 anos, comezando a fotografar na década dos 30 e traballando sen pausa ata o seu pasamento en 1990.
 
As súas imaxes capturan o estilo do século XX; desde a Gran Bretaña da década dos 30 e a austera moda da 2ª Guerra Mundial, o Novo Look parisiense dos anos 50 e o Swinging London dos 60, ata o glamour e brillo dos anos 70 e 80.
 
Parkinson gañou o recoñecemento nos seus primeiros anos ao traballar cun estilo alternativo e pouco convencional, ao revolucionar a fotografía desprazando as súas modelos femininas do medio estático, serio e controlado do estudio fotográfico a escenarios da vida real e lugares exóticos. Este estilo dinámico e espontáneo atraeu a atención de numerosas revistas de moda, entre as que se incluían Harper’s Bazaar, Vogue e Town & Country, o que supuxo o seu recoñecemento internacional.
 
Con esta exposición, a Fundación Barrié prosegue a súa aposta pola súa liña de exposicións temporais dedicada a clásicos e contemporáneos da fotografía, que permitiu amosar as imaxes de grandes fotógrafos como Paul Strand, Arnold Newman, Edward Weston, Alfred Stieglitz, Ansel Adams, Català-Roca, Caio Reisewitz ou, de xeito máis recente, Graciela Iturbide.
 
Durante o transcurso da exposición, a Fundación Barrié organizará unha serie de actividades complementarias, entre elas obradoiros didácticos para centros de ensino, colectivos de diversidade funcional e familias.
 
A exposición
A mostra inclúe fotografías das diferentes fases da carreira do artista. A foto de 1939 da modelo Pamela Minchin tomada no aire e cun traxe de baño de Fortnum & Mason na Illa de Wight (Inglaterra) para Harper’s Bazaar exemplifica o estilo atrevido de Parkinson. El dixo desa imaxe con posterioridade: “Cando retirei esa foto da ‘sopa’, confirmoume que tiña que dedicar o resto da miña vida a ser fotógrafo. Fiquei totalmente abraiado pola súa maxia.”
Durante as décadas dos 40 e 50, Parkinson comezou unha longa fase de colaboración con Vogue, producindo imaxes que suxerían unha narrativa, como podemos observar en Young Velvets (Young Velvets, Young Prices, Nova York, Vogue, 1949), que presenta catro modelos con chapeu ante o fondo dos rañaceos neoiorquinos. Tamén durante esta época xorden imaxes da súa dona e musa Wenda Parkinson, que chegou a ser unha das principais modelos da época.
Nos anos 60 e 70 sucederon importantes cambios de estilo de vida pero Parkinson soubo manterse reinventando o seu estilo e estando ao día da xeración emerxente de fotógrafos e modelos. Ao longo da década dos 60, Parkinson seguiu a achar novas facianas e comezou a traballar coa revista The Queen. Na década dos 70, as súas imaxes axudaron a situar novas modelos como Jerry Hall e Iman no status de superestrelas. Ao largo deste período de 20 anos, Parkinson realizou fotos icónicas de The Rolling Stones e The Beatles, e de deseñadores de moda como Yves St. Laurent, Hubert de Givenchy, Jean Muir e Zandra Rhodes.
Os anos 80 estiveron marcados polo nomeamento pola Raíña de Inglaterra de C.B.E. (Comandante do Imperio Británico) e por unha serie de novos retratos encargados para unha grande exposición retrospectiva na National Portrait Gallery de Londres.
 
Norman Parkinson- Biografía
Ronald William Parkinson Smith naceu o 21 de abril de 1913 en Londres. Asistiu á Westminster School onde desenvolveu o seu interese pola arte. Despois da súa educación formal, Parkinson foi aprendiz do fotógrafo Richard N. Speaight en Londres, onde dominou as técnicas fotográficas. En 1934 abriu o seu propio estudio en Dover Street, fronte ao Hotel Ritz, con outro fotógrafo mozo chamado Norman Kibblewhite. Combinaron os seus nomes para crear un alcume profesional e, malia que a asociación con Kibblewhite non durou moito, Parkinson decidiu manter o nome.
A primeira exposición da obra de Parkinson tivo lugar en 1935, incluíndo obras importantes como o seu retrato de Vivien Leigh. Traballou con estilos diversos para numerosas revistas, tales como The Bystander, The Sketch e Tatler. O seu traballo coa moda chegou a publicarse na edición británica de Harper’s Bazaar, onde foi considerado un pioneiro do “realismo de acción”.
Ao longo de seis décadas, varios centos de fotos feitas por Parkinson foron publicadas nas principais revistas de moda, tales como Vogue, Harper’s Bazaar, The Queen e o Town & Country de Hearst. Fotografou a modelos como Wenda Rogerson (coa que casaría máis tarde), Barbara Goalen, Jean Shrimpton, Celia Hammond, Jill Kennington, Twiggy, Nena Von Schlebrügge, Jerry Hall e Iman. Motivos do mundo de Hollywood inclúen retratos de intérpretes como Montgomery Clift, Elizabeth Taylor, Audrey Hepburn, Gregory Peck, Ava Gardner e Katherine Hepburn, mentres que a listaxe de figuras dos mundos da moda, literatura, música e política é aínda máis extensa.
Os logros de Parkinson foron recoñecidos pola Raíña Isabel II quen lle outorgou en 1981 o título de C.B.E. (Comandante do Imperio Británico). O mesmo ano, tamén foi honrado cunha grande exposición retrospectiva na National Portrait Gallery de Londres. Na exposición incluíanse unha serie de novos retratos encargados que foron completados por pezas destacadas da súa obra para a revista Town & Country de Hearst, para a cal traballou continuamente ata o remate da súa carreira. Entre as súas obras tardías con máis éxito se encontran os retratos de Carmen Dell’Orefice, aínda unha modelo de sona internacional, cuxa carreira contribuíu a relanzar en 1980 e coa que traballou durante 40 anos. Norman Parkinson faleceu en Malasia en febreiro de 1990.
 
Terence Pepper, comisario da exposición
Malia que Pepper comezou a súa carreira no Dereito, axiña mudou ás artes. Tras finalizar un posgrao en Biblioteconomía na Universidade Politécnica de Ealing, e traballar durante un ano coa Colección Mansell, uniuse á National Portrait Gallery en 1975, e tres anos despois fíxose comisario de fotografía. A continuación chegou a ser o Director de Fotografías da galería.
En 1981 foi comisario da súa primeira exposición principal –Norman Parkinson: 50 anos de retratos e moda– que se amosou tamén en formato abreviado en Sotheby’s e a National Academy of Design de Nova York. Nos seus máis de 40 anos na National Portrait Gallery, Terence Pepper foi comisario en máis de 150 exposicións de fotografía, entre as que se inclúen Helmut Newton: retratos e Alice Springs: retratos (1988), seguidas pola súa investigación sobre a primeira monográfica sobre Lewis Morley, Lewis Morley: fotógrafo dos 60 (1989). Editou e é co-autor dun libro xunto a John Kobal sobre o fotógrafo da MGM Clarence Sinclair Bull, The Man Who Shot Garbo, que se converteu en modelo para unha serie de exposicións de moito éxito, entre as que se inclúen: Horst: retratos (2001), Beaton: retratos (2004) e, máis recentemente, Man Ray: retratos (2013-2014), presentada na Scottish National Portrait Gallery de Edimburgo e na Pushkin Gallery de Moscú. Entre as súas exposicións máis recentes encóntranse Audrey Hepburn: retratos dunha icona, na National Portrait Gallery de Londres (2015), James Abbe: fotógrafo da idade do jazz, no Fashion and Textile Museum de Londres (2016) e Graham Keen: 1966 e todo iso, na Lucy Bell Gallery de St. Leonard, GB (2016).
Terence Pepper recibiu a O.B.E. (Orde do Imperio Británico) polos seus servizos á fotografía e á arte en 2002. É Membro de Honra da Royal Photographic Society e recibiu o premio ao “Servizo Excelente á Fotografía” en 2014. Na actualidade, Pepper é consultor fotográfico e Asesor Sénior Especial sobre Fotografía no Fashion and Textile Museum de Londres onde foi co-comisario dunha exposición sobre Louise Dahl-Wolfe con catro presentacións fotográficas no marco da exposición Night and Day: Fashion and Photographs of the 1930s, así como de exposicións dedicadas a Mary Quant. Así mesmo Pepper é co-autor de dous novos libros para Iconic Images sobre Norman Parkinson (Agosto 2019) en colaboración con Alex Anthony e, sobre Audrey Hepburn (Outubro 2019) con Carrie Kania.
 
Alex Anthony, co-comisaria da exposición
Alex Anthony é unha consultora de arquivo, comisaria e investigadora que traballa con coleccións de moda e fotografía. Formouse como fotógrafa e artista e ten traballado con arquivos, galerías, artistas e deseñadores contemporáneos durante a última década, colaborando estreitamente con institucións artísticas, museos, académicos, marcas, editores e produtores para revelar aquelas historias que contan as imaxes e os arquivos. As súas áreas particulares de interese son as coleccións dos fotógrafos británicos Norman Parkinson (1913-1990) e Terence Donovan (1936-1996).
 
Iconic Images
Iconic Images posúe e representa os arquivos de fotógrafos célebres de clase internacional, tales como Terry O’Neill, Norman Parkinson, Milton H. Greene, Terence Donovan e Douglas Kirkland, creando exposicións que viaxan internacionalmente, consignando e vendendo gravados de belas artes a máis de 30 galerías de todo o mundo e realizando colaboracións con marcas de moda de luxo, ademais de publicar libros e licenciar imaxes editoriais aos principais xornais, documentais e revistas do mundo.
Os nosos singulares arquivos conteñen imaxes históricas e icónicas da vangarda do cine, moda, fama, música, deporte, política e realeza tiradas por fotógrafos que foron pioneiros no seu eido. O arquivo contén as coleccións maiores do mundo de David Bowie, Elton John, Marilyn Monroe, Jimi Hemdrix, Audrey Hepburn, Frank Sinatra, The Rolling Stones, The Beatles e Led Zeppelin. Cubre o universo da fotografía de moda desde finais da década dos 30 ata a actualidade, así como o mundo da política, desde Winston Churchill e John F. Kennedy ata Nelson Mandela. (www.iconicimages.net)
 

Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9. A Coruña
Datas: 10 de outubro 2019 – 19 de xaneiro de 2020
Horario: de luns a domingo (festivos incluídos):
11h-14h y 17h-20h
Entrada de balde
 
Para máis información contacte con:
Suzana Mihalic. Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa Fundación Barrié
Tel: 00 34 659 459 030 / 981 060 091 /
smihalic@fbarrie.org / www.fundacionbarrie.org

Para fotografías en alta resolución, pregamos contacten con smihalic@fbarrie.org

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes