BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


A Fundación Barrié dá a coñecer os dous estudantes universitarios galegos seleccionados na primeira edición do programa de bolsas de investigación internacional durante o verán

25-03-2021

  • A Fundación Barrié creou o Summer Undergraduate Research Fellowship Program, un programa de bolsas de investigación internacional durante o verán, co obxectivo de que estudantes galegos de 2.º e 3.º curso de titulacións universitarias en Ciencias da Vida poidan adquirir experiencia investigadora no LSU Health Science Center, Shreveport; unha institución de referencia internacional.
  • Os bolseiros desta primeira convocatoria realizarán prácticas remuneradas de laboratorio no Departamento de Microbioloxía e Inmunoloxía do Louisiana State University Health Sciences Center (EUA) durante 9 semanas (xuño-agosto de 2021). Terán a oportunidade de participar en seminarios, journal clubs e outras experiencias científicas para ampliaren os seus coñecementos sobre microbioloxía e inmunoloxía.
  • Esta primeira edición foi altamente competitiva. Das case que un centenar de solicitudes de toda Galicia, a media académica foi un 8 sobre 10.
  • Os dous novos bolseiros seleccionados son Esther Calviño Sanlés (Grao dobre de Química e Bioloxía, Universidade da Coruña) e Manuel Rico Fernández San Silvestre (Grao de Medicina, Universidade de Santiago de Compostela).

A Coruña, 25 de marzo de 2021: A Fundación Barrié resolveu a primeira edición do Summer Undergraduate Research Fellowship Program, un programa de bolsas para a realización de estadías de investigación internacional durante os meses de verán dirixido a estudantes universitarios galegos. Os estudantes seleccionados nesta primeira convocatoria farán prácticas remuneradas de laboratorio no Departamento de Microbioloxía e Inmunoloxía do Louisiana State University Health Sciences Center, en Shreveport, Estados Unidos, durante 9 semanas, entre o 28 de xuño e o 27 de agosto de 2021. Durante a estadía, os estudantes terán a oportunidade de participar en seminarios, journal clubs e outras experiencias científicas para ampliaren os seus coñecementos sobre microbioloxía e inmunoloxía. Ao remate do programa, presentarán un póster cos resultados da súa investigación nunha reunión científica organizada pola universidade.
 
 
Beneficiarios da primeira convocatoria:
 
Esther Calviño Sanlés (A Pobra do Caramiñal, A Coruña, 1998)
Universidade da Coruña (UDC)
Grao dobre: Química e Bioloxía (6 anos, desde 2016 a 2022)
Nota media: 9,20
A paixón pola ciencia de Esther Calviño Sanlés fixo que optase por un dobre grao en Química e Bioloxía, no que, actualmente, cursa o quinto ano. Grazas ao seu especial interese pola microbioloxía solicitou unha “bolsa de colaboración nun laboratorio”, ofrecida pola UDC. Entrou no laboratorio de Bioquímica e Bioloxía Molecular, onde traballou na obtención de plásmidos recombinantes.
Actualmente realiza prácticas na AECC (Asociación Española Contra o Cancro), traballando no CICA (Centro de Investigacións Científicas Avanzadas) co grupo EXPRELA, onde estuda o efecto da sobreexpresión das proteínas HMGB nos xenes relacionados co cancro de próstata.
 
 
Manuel Rico Fernández San Silvestre (Ferrol, A Coruña, 2001)
Universidade de Santiago de Compostela
Grao: Medicina (6 anos, desde 2019 a 2025)
Nota media: 9,24
Manuel Rico Fernández San Silvestre é estudante de 2.º ano de Medicina con especial interese na investigación, a xenética, a inmunoloxía e a neurociencia. Realizou o Bacharelato Internacional, onde o seu ensaio final sobre Bioloxía, supervisado polo profesor Ángel María Carracedo Álvarez, recibiu numerosos recoñecementos. Fixo prácticas na Fundación Galega de Medicina Xenómica e no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Manuel foi finalista do Premio Nacional de Ciencia e Tecnoloxía para Estudantes de Bacharelato da Universidade Saint Louis en Madrid e dos Premios Cum Laude da Universidade Francisco de Vitoria, entre outros.
 
Talento científico galego:
 
Esta primeira edición foi altamente competitiva. Recibíronse case que un centenar de solicitudes de toda Galicia, coas seguintes características:
 
Media académica: 8 sobre 10
Idade media: 21 anos
67% mulleres e 33% homes
 
Os solicitantes proceden das seguintes universidades: Universidade de Santiago de Compostela (73,33%); Universidade da Coruña (13,33%); Universidade de Vigo (3,33%); Universidade Autónoma de Barcelona (3,33%); Universidade de Valencia (3,33%) e Universidade Rovira i Virgili (3,33%).
Actualmente cursan os seus estudos nas seguintes titulacións de grao: Biotecnoloxía (26,67%); Medicina (20%); Bioloxía (16,67%); Bioquímica (10%); dobre grao de Química e Bioloxía (10%); Farmacia (6,67%); Enfermería (3,33%); Veterinaria (3,33%) e dobre grao de Farmacia e Optometría (3,33%).
Todos os solicitantes manteñen unha vinculación con Galicia e a súa procedencia é das catro provincias galegas: A Coruña (46,67%); Pontevedra (26,67%); Lugo (13,33%); e Ourense (3,33%), así como de Granada (3,33%), Guadalaxara (3,33%) e Cuba (3,33%).
O 10% dos solicitantes foron beneficiarios do Programa Internacional de Bolsas High School, desenvolvido pola Fundación Barrié en colaboración coa Fundación Amancio Ortega entre 2009 e 2015.
 
 
Summer Undergraduate Research Fellowship Program
 
En 2020, a Fundación Barrié creou o Summer Undergraduate Research Fellowship Program, en conxunto con LSU Health Science Center, Shreveport, un programa de bolsas para a realización de estadías de investigación internacional durante os meses de verán dirixido a estudantes universitarios galegos. Para o desenvolvemento das diferentes convocatorias deste programa, a Fundación Barrié conta co apoio dos seus antigos bolseiros, que, como facilitadores, axudan a identificar as oportunidades que se presentan nos diferentes eidos e nas mellores universidades a nivel internacional. Por iso, con este novo programa, a Fundación Barrié cumpre cun dobre obxectivo: ampliar o seu xa consolidado compromiso por promover a sociedade do coñecemento e contribuír ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia, así como fomentar a implicación e o compromiso dos seus antigos bolseiros para que os seus coñecementos revertan en Galicia.
 
A primeira edición do Summer Undergraduate Research Fellowship Program foi unha convocatoria conxunta da Fundación Barrié e o Departamento de Microbioloxía e Inmunoloxía do Louisiana State University Health Sciences Center, en Shreveport, Estados Unidos (www.lsuhs.edu/), en cuxos laboratorios se ofrecerán prácticas remuneradas durante dous meses para os dous estudantes galegos seleccionados. Entre outros conceptos, a dotación económica inclúe a remuneración, a viaxe de ida e volta a Shreveport, en Luisiana, seguro médico e unha axuda para gastos de manutención.
 
Nesta primeira convocatoria a Fundación Barrié contou co apoio de Mónica Cartelle Gestal, receptora dunha bolsa da Fundación Barrié en 2008 para unha estadía posdoutoral no Centre of Biomolecular Sciences de la University of Nottingham, Reino Unido, onde traballou na área do quorum sensing. Foi galardoada co prestixioso programa intraeuropeo Marie Curie, ademais dunha bolsa Prometeo que lle permitiu ser investigadora principal en Ecuador. Após traballar como Investigadora Posdoutoral no Departamento de Enfermidades Infecciosas da UGA (University of Georgia), actualmente é profesora de Microbioloxía e Inmunoloxía no Louisiana State University Health Sciences Center, Shreveport, en Estados Unidos.