Premio de Patrimonio Europeo/Premio Europa Nostra 2019
O Proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e a súa contorna foi galardoado co Premio de Patrimonio Europeo/Premio Europa Nostra 2019 na Categoría de Conservación.
O xurado eloxiou este proxecto como un “exemplo moi salientable de conservación e coidadosa recuperación de escultura en pedra policromada nunha obra de fundamental importancia na Escultura románica”.
En palabras de José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié “con este proxecto a Fundación Barrié reafirma o seu histórico e sólido compromiso co Patrimonio de Galicia, tanto material como inmaterial, desenvolvendo e apoiando iniciativas encamiñadas á súa posta en valor e conservación. O proxecto súmase a outros tan relevantes como a catalogación arqueolóxica e artística de Galicia; a recuperación do coro pétreo do Mestre Mateo; a reprodución en madeira dos instrumentos do Pórtico ou a publicación dos Cancioneiros”.
Os premios Europa Nostra promoven as mellores prácticas relacionadas coa conservación do patrimonio, a xestión, a investigación, a educación e a comunicación. Deste xeito, o programa de premios contribúe a un meirande recoñecemento público do patrimonio cultural como un recurso estratéxico para a sociedade e a economía de Europa.
“Estou moi orgulloso de felicitar a todos os gañadores dos Premios de Patrimonio Europeo/Premios Europa Nostra 2019. Estes heroes do patrimonio – profesionais e voluntarios de toda Europa- acadaron algo realmente asombroso. O seu traballo para restaurar, preservar, apoiar ou promocionar os monumentos e sitios do patrimonio europeo, así como o patrimonio intanxible de Europa, é dunha altísima calidade. Estes Premios son unha proba do tremendo impacto que teñen os proxectos de patrimonio na nosa economía, a nosa contorna, a nosa cultura e a nosa calidade de vida. O patrimonio europeo é un activo chave para o futuro de Europa e da nosa prosperidade. Esta é unha mensaxe importante para toda a cidadanía da Unión Europea e para os futuros líderes das institucións da Unión Europea que serán elixidos nas vindeiras eleccións europeas”, sinalou Plácido Domingo, Presidente de Europa Nostra.
VIDEO