Portal das Palabras
Portal das Palabras
Portal das Palabras é unha iniciativa conxunta da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para difundir e potenciar o traballo lexicográfico da Academia. A través de artigos, xogos e vídeos o Portal ofrece unha aproximación atraente a un dos cometidos máis relevantes e socialmente significativos da Academia: o cultivo do léxico.
O Portal conta coa colaboración dos propios académicos, que responden ás dúbidas a través de vídeos ou elaboran artigos sobre aspectos interesantes do léxico, agrupados na sección "palabras asinadas". Os contidos son elaborados polo equipo do Seminario de Lexicografía. Con esta iniciativa búscase ademais proporcionar unha canle de comunicación bidireccional entre a Academia e a sociedade galega.
Creado en 2013, o Portal é o froito máis visible dunha colaboración coa Academia que tamén permitiu unha renovación tecnolóxica do Seminario de Lexicografía, o cambio do dicionario a un software especializado de lexicografía, a elaboración dunha plataforma para a revisión en rede, por parte dos Académicos, dos termos do dicionario, a publicación online do dicionario ou a elaboración de apps para plataformas móbiles.
En xaneiro de 2013 o Portal foi elixido por Eganet como mellor proxecto colaborativo empresarial.
CONTIDOS RELACIONADOS