BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
Trátase da primeira competición de ámbito autonómico en España que propón o reto de construír un sistema dron enfocado á solución dun problema social particular.
O prazo de preinscrición:
10 de xuño - 1 de outubro de 2021.
A Coruña, 10 de xuño de 2021: José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, e Carlos Calvo Orosa, director xeral do Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), presentaron hoxe a 1ª edición da LIGA MAKER DRONE, unha iniciativa pioneira, dirixida ao alumnado de terceiro curso da Educación Secundaria Obrigatoria (3º de ESO) de Galicia. Ambas institucións uniron esforzos para afrontaren este ambicioso reto educativo e tecnolóxico baseado no uso dos drons co fin último de estimular o interese pola tecnoloxía entre as novas xeracións. Para iso, os equipos participantes terán que dar solución a un problema social concreto que se lles presentará. Contarán para iso cun dron, formación e orientación por parte da Organización.
A LIGA MAKER DRONE diríxese ao alumnado matriculado en 3º de ESO en calquera centro educativo de Galicia durante o curso 2021-22. A través dunha experiencia participativa e estimulante, a LIGA MAKER DRONE persegue os seguintes obxectivos:
- Converter os estudantes en actores activos das aplicacións tecnolóxicas. A LIGA MAKER DRONE busca estimular o seu interese, a súa creatividade e a súa autonomía.
- Concienciar o alumnado acerca da relevancia da tecnoloxía, achegando a súa utilización nas aulas para o seu emprego en cuestións da vida cotiá.
- Contribuír na orientación profesional do alumnado da ESO, a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións.
- Espallar o coñecemento tecnolóxico de xeito amigable, tratando de superar a percepción de materia complexa a través da utilización de novas formas participativas dentro da aula.
- Contribuír á educación científico-técnica da sociedade, mediante actividades demostrativas dos desenvolvementos realizados polo alumnado.
“A educación foi a pedra angular da Fundación Barrié desde a súa constitución, hai xa máis de medio século. Desde entón, o obxectivo ficou o mesmo, pero as nosas actuacións se foron adaptando aos tempos e ao progreso tecnolóxico para seguir adiantándonos ás necesidades e aos retos da nosa sociedade”.
José María Arias Mosquera
Presidente da Fundación Barrié
“A tecnoloxía e a innovación son o motor que impulsa a actividade do Instituto Tecnológico de Galicia desde a súa creación no ano 1991. Somos Centro Tecnolóxico Nacional de referencia en dixitalización industrial, en sistemas aéreos non tripulados e en solucións relacionadas co ambiente e a sustentabilidade. Especialistas en xerar e transferir coñecemento, en crear valor en Galicia e desde Galicia“.
Carlos Calvo Orosa
Director xeral do Instituto Tecnológico de Galicia
O prazo de preinscrición será desde o 10 de xuño até o 1 de outubro de 2021. A LIGA MAKER DRONE desenvolverase entre outubro de 2021 e maio de 2022.
As prazas están limitadas a 18 equipos e existirá unha listaxe de reserva con 5 equipos. Un equipo debe ter un mínimo de 5 e un máximo de 7 integrantes, acompañados de 2 suplentes e 1 coordinador (profesor-titor) que terá un rol activo no desenvolvemento das actividades e do traballo autónomo do equipo.
Entre os criterios de selección, a Organización terá en conta o nivel de integración das TIC no centro solicitante; a materia impartida polo profesor-coordinador; a experiencia previa do profesor-coordinador co manexo de drons, robótica, electrónica ou programación; o grao de motivación e a dispoñibilidade do profesor-coordinador para participar na LIGA e a dispoñibilidade de espazos e medios necesarios para a realización de actividades no centro.
Ao comezo do calendario escolar realízase unha xornada de introdución aos drons dirixida á totalidade do alumnado de 3º de ESO dos centros participantes.
Esta xornada, cuxo obxectivo é dotar os asistentes dos coñecementos teórico-prácticos necesarios para participaren na LIGA MAKER DRONE, estrutúrase en dúas partes:
- unha formación teórica, en formato charla, sobre a normativa e as aplicacións dos drons, que se completa cunha
- formación práctica, a través dunha serie de obradoiros de: pilotaxe de drons aéreos e terrestres; creación de compoñentes por impresión 3D; e demostracións sobre mecánica e sensores.
Unha vez anunciado o reto tecnolóxico da edición, a Organización impartirá unha formación tecnolóxica, co fin de dotar a cada equipo das nocións básicas para a preparación autónoma do reto. A formación estrutúrase en tres sesións, que tratarán as seguintes temáticas: manipulación de ferramentas e materiais; nocións básicas de electrónica, programación, soldadura, conectores; e funcionamento de mecanismos: engrenaxes, poleas, indicadores, sensores, etc.
Rematada a formación, os equipos traballarán de xeito autónomo no reto tecnolóxico proposto.
En maio de 2022 celebrarase a Xornada de Exhibición, na que se presentarán as demostracións das solucións deseñadas por cada equipo. As demostracións serán valoradas por un xurado especializado, segundo as seguintes categorías:
- Premio ao equipo gañador da competición: Esta categoría resolverase en modo torneo, no que os equipos competirán de xeito simultáneo para efectuaren a misión definida no reto de forma correcta no menor tempo posible.
- Premio ao mellor deseño: Nesta categoría valorarase a optimización do deseño, segundo os requisitos técnicos especificados: menor peso, menor custo, etc.
- Premio á solución máis disruptiva: Nesta categoría valorarase a creatividade e innovación da solución proposta para a resolución do reto.
- Premio á destreza no voo: Nesta categoría valorarase a destreza na pilotaxe do dron.
- Premio especial do público á mellor presentación, consonte a expresión oral, a claridade e os medios gráficos empregados para a exposición.
Máis información en:
WWW.LIGAMAKERDRONE.COM
Comunicación Fundación Barrié: Suzana Mihalic. Tel 981060091/659459030/smihalic@fbarrie.org
Comunicación ITG: Adriana Rodríguez e Rebeca Zapata - 981 216 677 comunicacion@itg.es
RECURSOS DISPONIBLES
Imaxes