BUSCAR
Memoria Anual 2023
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
Presentación á prensa do remate do proxecto de catalogación dos fondos de fotografía antiga do Museo Sorolla e a súa próxima incorporación á web do Museo
A Fundación Barrié, o Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla presentan o proxecto de catalogación do fondo de fotografía antiga do Museo Sorolla, que apoian ambas fundacións.
Presentación á prensa do remate do proxecto de catalogación dos fondos de fotografía antiga do Museo Sorolla e a súa próxima incorporación á web do Museo.
A catalogación da colección foi financiada pola Fundación Museo Sorolla, coa colaboración, na última etapa, da Fundación Barrié.
MUSEO SOROLLA
General Martínez Campos, 37 – 28010 Madrid
Sala I
Día 4 de abril, 10:00
PRESENTACIÓN Á PRENSA
Interveñen:
- O Presidente da Fundación Barrié, D. José María Arias Mosquera
- O Subdirector Xeral de Museos Estatais, D. Miguel González Suela
- A Presidenta da Comisión Permanente da Fundación Museo Sorolla, Dª Blanca Pons Sorolla.
- A Directora do Museo Sorolla, Dª Consuelo Luca de Tena
Entre as coleccións que a viúva de Sorolla, Clotilde Garcia del Castillo, deixou na casa familiar para a formación do Museo Sorolla, encóntrase unha moi salientable colección de fotografía. Esta contén actualmente un total de 6.608 fondos, e está formada por un gran conxunto de positivos antigos, unha serie de placas de vidro e rolos de material flexible (celuloide…). Algúns destes fondos foron pasados a novos negativos cara a 1987, sendo tamén positivados posteriormente para a súa catalogación.
Os seus grupos principais son:
- Fondos reunidos polo pintor Joaquín Sorolla Bastida, que forman o núcleo máis numeroso e importante da colección.
- Fondos achegados polo seu fillo, Joaquín Sorolla García, entre os anos 1931 e 1948, consistentes en retratos de amigos, algunhas actividades do Museo e panorámicas deste, que se abriu ao público o 11 de xuño de 1932, baixo a dirección de Joaquín Sorolla García.
- Fondos posteriores a esa data, panorámicas das salas do Museo Sorolla fundamentalmente. Rehabilitación e obras da Casa Sorolla.
- Algunhas doazóns e recuperación doutras imaxes en distintos arquivos.
Sendo como foi unha celebridade desde datas temperás, Sorolla foi retratado polos fotógrafos máis prestixiosos do seu tempo. Entre eles cabe salientar a Christian Franzen y Nissen (1863-1923), fotógrafo danés que se afincou en Madrid en 1885 e chegou a ser “provedor da Real Casa” e favorito da alta sociedade e das revistas ilustradas. A Franzen debemos algunhas das mellores fotografías de Sorolla no seu estudio.
Outros eminentes fotógrafos españois que retrataron a Sorolla foron Campúa (José Demaría López, 1870-1936), que foi director da revista Mundo Gráfico e mantivo unha longa amizade co artista, deixándonos algunhas emotivas fotografías dos derradeiros anos de Sorolla; Diego González Ragel (1893-1951), que fixo un dos retratos fotográficos do pintor máis apreciados por este, e unha interesante reportaxe da casa, logo museo; Venancio Gombau (1861-1929), fotógrafo salmantino que deixou excelentes testemuños da estancia de Sorolla na provincia para pintar algúns dos paneis da Visión de España para a Hispanic Society de Nova York; e Aurelio P. Rioja de Pablo (1888-1949), fotógrafo soriano que rexistrou á súa vez a estancia de Sorolla na provincia de Soria dentro da mesma etapa; Sebastián Cruset (1859-1943), que se estableceu en Nova York e traballou para a Hispanic Society of America, retratando a Sorolla durante a súa estancia na cidade co gallo da súa grande exposición de 1909. Anna Christian, fotógrafa americana nada en 1876, viaxou a España por consello de Sorolla e realizou amplas reportaxes de paisaxes e monumentos, deixounos un excelente conxunto de fotografías do hoxe Museo Sorolla.
Sorolla ademais reuniu imaxes doutros moitos fotógrafos. Algunhas foron adquiridas por el mesmo para documentarse, como as de Jean Laurent (1816-1886), francés que percorreu España fotografando monumentos, paisaxes e tipos; ou as de Juan Ruiz de Luna (1861-1945), artista toledano que creou a célebre fábrica de cerámica de Talavera de la Reina pero que se dedicou principalmente á fotografía. Outras as recibiu coma agasallos, como as fotos dos reis Alfonso XII e Victoria Eugenia, por Káulak (1874-1933), ou a espléndida colección de fotografías de paisaxes de Yosemite do americano Carleton Watkins (1829-1916).
Xunto a estas, hai outras fotos feitas polos propios membros da familia Sorolla que, sendo de menor calidade, constitúen porén un inestimable documento sobre a vida do pintor.
Esta colección constitúe unha ferramenta de primeira orde para o estudo do pintor e da súa obra, así como doutros moitos aspectos, familiar, social e en xeral de toda a súa época.
A Fundación Museo Sorolla, consciente do grande interese que esta Colección pode ter tanto para especialistas e investigadores como para o público xeral, e en liña coa tendencia posta en marcha polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para difundir todos os fondos museísticos a través dos novos medios de difusión e divulgación da cultura, ofreceu financiar un programa anual de bolsas para catalogar de forma sistemática os fondos de fotografía antiga que se conservan no Museo para a súa posterior publicación.
Aínda que todos estes fondos fotográficos comezaron a ordenarse no Museo a partir dos anos 1983-1984 baixo a dirección de Florencia de Santa-Ana, foi en 2001 cando se emprendeu o proxecto financiado pola Fundación Museo Sorolla para realizar a catalogación razoada destes a través do programa informático Sistema de Documentación e Xestión Museográfica DOMUS, implantado en todos os Museos dependentes da Subdirección Xeral de Museos Estatais.
Desde entón ata hoxe, interviñeron como catalogadores e cumprimentadores: Carlos Pérez Montoya, Miguel Bravo Schonfeld, Roberto Díaz Pena, Mario Fernández Albarés e Teresa Jiménez-Landi, coa participación de Mª Luisa Menéndez Robles, primeiro conservadora e logo directora do Museo (2008-2010).
Un primeiro resultado deste proceso de catalogación foi a exposición Sorolla e a outra imaxe, que se celebrou no Centro del Carmen de Valencia en 2006 e no Museo Sorolla en 2007; e posteriormente se materializou no primeiro volume de A colección de fotografía antiga do Museo Sorolla, a cargo de María Luisa Menéndez Robles e Roberto Díaz Pena, que se publicou no 2015 en pdf na web do Museo Sorolla, e que contén un total de 1.042 fotografías catalogadas.
O desexo do museo é pór a disposición do público, a través da súa web, as fichas catalográficas completas de todos os fondos fotográficos, facendo visibles para o público todos os campos que inclúe a ficha DOMUS de cada fondo, coa súa correspondente clasificación razoada, a través de CERES e/ou na páxina web do Museo Sorolla. Para iso, resultaba indispensable unha revisión xeral do traballo realizado, que unificase criterios e facilitase as buscas de información en Internet.
Neste punto foi providencial a axuda da FUNDACIÓN BARRIÉ, que está financiando esta última etapa, grazas a un convenio asinado entre o MECD, a Fundación Museo Sorolla e a Fundación Barrié, que se asinou co gallo da presentación na sede desta da exposición SOROLLA TIERRA ADENTRO, producida polo Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla.
A finais do próximo mes de xuño estará dispoñible a consulta online da catalogación razoada completa dos 6.608 fondos que forman a colección de fotografía antiga do Museo Sorolla.
RECURSOS DISPONIBLES
Imaxes