BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
O programa desenvolvido con grande éxito en Galicia, vai da man de seis confederacións nacionais
-
O programa Máis Social, que a Fundación Barrié desenvolve en Galicia desde 2011 ten como obxectivo primordial a sostibilidade económica das entidades sociais mediante a mellora da súa xestión directiva.
-
Dados os positivos resultados en Galicia a Fundación Barrié esténdeo agora a toda España a través dun programa piloto no que participarán seis confederacións de ámbito nacional: CEAFA (Confederación Española de Alzhéimer), CONFEDERACIÓN ASPACE (Confederación Española de organizaciones de atención a personas con parálisis cerebral y afines), FEDER (Federación Española de enfermedades raras), FEDACE (Federación española de daño cerebral), CONFAE (Confederación Asperger España) y RED ARAÑA (Red Española de entidades para el empleo).
-
O programa incluirá diferentes apoios e servizos, entre eles un programa formativo, o desenvolvemento e implementación de páxinas web corporativas a partir do prototipo Máis Social Conecta, servizos de consultoría e a Xornada Social Venture Academy orientada ao adestramento na presentación de proxectos a posibles financiadores.
-
A Fundación Barrié, unha fundación privada galega que fai 50 anos, traballa nas áreas de Educación, Ciencia, Acción Social, Cultura e Patrimonio. O investimento nos seus programas, desde a súa constitución, é de máis de 400 millóns de euros.
-
Con este programa a Fundación Barrié reafirma o seu profundo compromiso co Terceiro Sector Social apoiado desde as súas orixes. Entre a súa implementación en Galicia e a fase piloto da súa expansión nacional, o investimento en Máis Social é próximo aos 3 millóns de euros.
Madrid, 22 de xuño de 2016.- A Fundación Barrié presentou hoxe, na Casa de Galicia de Madrid, a extensión nacional do programa Máis Social, un programa pioneiro no eido social que se iniciou no ano 2011 e que ten como obxectivo primordial a sostibilidade económica das entidades sociais mediante a mellora da súa xestión directiva.
No acto participaron José María Arias, presidente da Fundación Barrié; Juan Carrión, presidente da Federación Española de Enfermedades Raras; Jaume Marí, presidente da Confederación Aspace; Luciano Fernández, presidente da Federación Española de Daño Cerebral e D. Domingo Aceves, vicepresidente da Confederación Española de Alzhéimer, que representan a catro das seis confederacións que participarán no programa piloto da extensión nacional de Máis Social. Todos eles estiveron acompañados tamén por José Ramón Ónega, delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia. Ao acto asistiron ademais, representantes da Confederación Asperger España e a Red Española de Entidades por el Empleo, recentemente incorporados ao programa.
A Fundación Barrié estende así Máis Social fóra de Galicia enfocando o Programa cara a confederacións nacionais, ás que se ofertarán os seguintes instrumentos de apoio que promoven un modelo de crecemento sostible:
- PROGRAMA FORMATIVO
Integrado por cinco módulos nos que se abordarán temas de estratexia e liderado orientado a resultados, comunicación e márketing, captación de fondos, xestión de proxectos e xestión de persoas, que se complementarán con xornadas de experiencias nas que participarán entidades das diferentes confederacións.
- WEB MÁIS SOCIAL CONECTA
Desenvolvemento da web corporativa a Confederacións de acción social, que abranguerá o deseño, montaxe e instalación de cada nova páxina, así como o asesoramento na elaboración de contidos, formación para a autoxestión da web e difusión dentro e fóra do Terceiro Sector, coa participación da empresa Edisa como socia nesta parte do programa.
- CONSULTORÍA
Dirixida á realización dun plan de acción que axude a mellorar a comunicación interna das confederacións participantes con todas as súas entidades federadas.
- SOCIAL VENTURE ACADEMY
Xornada orientada ao adestramento na presentación de proxectos a posibles financiadores e que pretendemos se complemente cun evento de captación de fondos.
O programa formativo e a implementación de web realizaranse durante este ano 2016. En 2017 levarase a cabo a consultoría, o Social Venture Academy e o evento de captación de fondos.
O orzamento estimado para o desenvolvemento completo deste programa piloto ascende aproximadamente a 700.000 euros. Todos os servizos ofertados serán de balde para as confederacións participantes, que só deberán cubrir os seus gastos de desprazamento, se os houber, ás actividades e eventos que implica o programa e que se desenvolverá en Madrid.
ENTIDADES PARTICIPANTES NA FASE PILOTO
- CEAFA (Confederación Española de Alzhéimer)
- CONFEDERACIÓN ASPACE (Confederación Española de organizaciones de atención a personas con parálisis cerebral y afines)
- FEDER (Federación Española de enfermedades raras)
- FEDACE (Federación Española de Daño Cerebral)
- CONFAE (Confederación Asperger España)
- RED ARAÑA (Red Española de entidades para el empleo)
A Fundación Barrié é unha fundación privada galega, creada en 1966 polo empresario Pedro Barrié de la Maza co obxectivo de fomentar o desenvolvemento socioeconómico e cultural de Galicia a través de programas nas áreas de Educación, Ciencia, Acción Social, Cultura e Patrimonio e cun investimento, desde a súa constitución, de máis de 400 millóns de euros.
Os programas na área de Acción Social obedecen a catro estratexias e amosan un sólido compromiso da Fundación co terceiro sector: profesionalización do terceiro sector (onde se encadra Máis Social); reinserción social; prevención social e apoio a iniciativas sociais.
RECURSOS DISPONIBLES
Videos