BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


24-07-2021

O libro sobre o Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria é unha obra de arte en si mesmo con material fotográfico inédito e o prólogo de Gaël de Guichen.
 
  • O libro, titulado Pórtico de la Gloria. Una Restauración, percorre os doce anos do Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria (2006-2018), promovido pola Fundación Barrié e a Catedral de Santiago de Compostela.
  • Para a edición de Pórtico de la Gloria. Una Restauración, a Fundación Barrié contou coa colaboración da prestixiosa editorial Assouline, recoñecida internacionalmente pola elegancia e extraordinaria calidade das súas publicacións.
  • Esta alfaia editorial, cuxa data de publicación coincide coa celebración do Ano Xacobeo 2021, é tamén, en palabras do presidente da Fundación Barrié, unha homenaxe, no centenario do seu nacemento, a Carmela Arias y Díaz de Rábago, quen consagrou a súa vida a defender o legado do seu home, o noso fundador Pedro Barrié de la Maza.
  • O libro comeza cun limiar de Gaël de Guichen, indiscutible referencia internacional na conservación preventiva dos bens culturais e membro do Comité Científico do Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria e asesor en ICCROM.
  • Pórtico de la Gloria. Una Restauración dispón de dúas edicións: a edición coleccionista, pertencente á serie “Legends” de Assouline, limitada a 1.000 exemplares de gran formato, armados á man e presentados cun estoxo revestido en seda; e a edición pertencente á serie “Icons”, de tapa branda e formato máis reducido. Ambas as dúas edicións contan con 220 páxinas e 150 imaxes en alta resolución.
  • Os libros en castelán están dispoñibles na libraría da Fundación Barrié (R/ Cantón Grande, nº 9. 15003, A Coruña) e en www.fundacionbarrie.org. A edición en inglés, en www.assouline.com.

A Coruña, 24 de xullo de 2021. O Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria, acometido entre os anos 2006 e 2018 pola Fundación Barrié e a Catedral de Santiago de Compostela, supuxo non só un considerable reto para as institucións promotoras, senón tamén un acontecemento de singular importancia no eido da historia da arte e da conservación artística dos últimos anos.
 
O proxecto, posible grazas ao mecenado exclusivo da Fundación Barrié, cun investimento de máis de seis millóns de euros, é o reflexo do seu compromiso coa recuperación do patrimonio histórico e cultural de Galicia.
 
Agora, a Fundación Barrié pon o ramo ao proxecto coa publicación de Pórtico de la Gloria. Una restauración. En 220 páxinas e 150 fotografías, o libro repasa os doce anos e as máis de 50.000 horas de traballo para recuperar o esplendor desta obra magna do século XII. As fotografías elixidas, moitas delas inéditas, son testemuño do dramático estado no que se atopaba a obra antes do inicio do proxecto; dos traballos de intervención realizados e os seus avances para, finalmente, presentar o magnífico resultado final. Unha serie de imaxes do “antes” e “despois” en páxinas enfrontadas permiten apreciar a beleza das esculturas esculpidas en pedra cos seus abundantes motivos decorativos e policromía conservada.
 
Esta xoia editorial, cuxa data de publicación coincide coa celebración do Ano Santo 2021, é tamén –en palabras de José María Arias, presidente da Fundación Barrié– unha homenaxe, no centenario do seu nacemento, a Carmela Arias, quen consagrou a súa vida a defender o legado do seu home, o noso fundador Pedro Barrié, e así llo dedicamos, porque estamos seguros de que a culminación, que non chegou a ver, dun proxecto no que ela puxo tanto empeño e que é tan coherente coa súa visión do progreso de Galicia, ao que se consagra a Fundación Barrié, é o tributo máis digno que puidésemos ofrecerlle.
 
Para a edición deste volume, a Fundación Barrié contou coa prestixiosa casa editorial Assouline, recoñecida internacionalmente pola elegancia e extraordinaria calidade das súas publicacións.
 
A edición de coleccionista, pertencente á serie “Legends” de Assouline, está limitada a 1.000 exemplares de gran formato, fabricados á man nun obradoiro de encadernación de Italia e presentados nun estoxo revestido de seda. As súas dimensións son de 35x28x4 centímetros e 3,55 quilos.
 
Co obxectivo de facer o libro accesible a un público máis amplo, a Fundación Barrié editou unha segunda edición, pertencente á serie “Icons” de Assouline, de menor formato. As súas dimensións son de 27x18,5x2 centímetros e 1,2 quilos.
 
O libro empeza cun prólogo escrito por Gaël de Guichen, membro do Comité Científico do Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria, quen tamén é asesor do Director Xeral de ICCROM (The International Centre for the Study of the Preservation and Restoration of Cultural Property). Deixando por un momento en suspenso a marabilla estética, calquera peregrino, visitante, profano ou entendido pregúntase como foi posible chegar a este resultado sen engadir nova pintura sobre a superficie do Pórtico, tal como lle aseguran os guías do monumento; tal como teiman os técnicos; tal como aseveran, en fin, os promotores, a Catedral de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié. Este libro, entre outras cousas, quere dar conta destes misterios.
 
A Fundación Barrié e a súa aposta pola divulgación
Este libro segue ademais o ronsel doutras accións de divulgación emprendidas pola Fundación Barrié antes, durante e despois do Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria, como as visitas ás estadas, que permitiron a máis privilexiada visión da obra a todo o público interesado, e as exposicións internacionais, que pretendían concienciar a sociedade da importancia do Pórtico no contexto do románico, o primeiro movemento de arte internacional europeo. Rematado o proxecto, a Fundación Barrié quixo poñer ao dispor tanto dos visitantes da obra como daqueles aos que non lles sexa posible vela directamente unha visión detallada de todo o conseguido, a través dunha app descargable de balde en Apple Store e Google Play e que permite acceder a un Pórtico dixitalizado en resolución xigapíxel, acompañado por narrativas en forma de “storytelling” entre outros contidos. Este libro achega outra aproximación, a que permite unha impresión coidada a cargo dunha editorial de recoñecido prestixio dedicada á produción de volumes de exquisito acabado: libros que son alfaias como o é, dentro da arte universal, a obra que neste caso se presenta.
 
 

PÓRTICO DE LA GLORIA. UNA RESTAURACIÓN - FICHA TÉCNICA
 
 
  1. Edición “Legends”
  1. Edición “Icons”
Edición limitada 1.000 exemplares Tiraxe 2.500 exemplares
Idioma: castelán e inglés Idioma: castelán
Estoxo e tapa dura revestida en seda. Tapa branda
Medidas: 35 x 28 x 4 cm Medidas: 27 x 18,5 x 2 cm
Peso: 3kg Peso: 1,2kg
Prezo: 195 euros (IVA e gastos de envío en península incluidos) Prezo: 30 euros (IVA e gastos de envío en península incluidos)
ISBN: 9788497521741 ISBN: 978-84-9752-173-4
 
Nº páxinas 220
Nº fotografías 150
Textos Fundación Barrié
Presentación José María Arias Mosquera
Limiar Gaël de Guichen
Data de publicación Xullo de 2021
 
PUNTOS DE VENDA:
Legends (castelán) e Icons Librería Fundación Barrié (Cantón Grande, 9. A Coruña) e
www.fundacionbarrie.org
Legends (inglés) www.assouline.com