BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2023

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


27-05-2021

  • #SenVandalismo é un proxecto socioeducativo pioneiro no ámbito autonómico promovido pola Fundación Barrié e a Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES), para a prevención do vandalismo entre a xente nova.
  • #SenVandalismo diríxese ao alumnado de 5º e 6º de primaria de 10 centros educativos de toda Galicia.
  • #SenVandalismo ten como finalidade previr condutas de risco e adquirir coñecementos sobre o vandalismo no centro educativo, barrio e contorna utilizando para iso a metodoloxía de “aprendizaxe-servizo” que combina a aprendizaxe curricular e o servizo á comunidade.
  • O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 27 de maio ao 17 de setembro de 2021. Información detallada e formulario de solicitude dispoñibles en www.fundacionbarrie.org

© Fundación Barrié e Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES)

A Coruña, 27 de maio de 2021.- A Fundación Barrié e a Asociación APES presentan #SenVandalismo, un proxecto socioeducativo pioneiro no ámbito autonómico para a prevención do vandalismo entre a xente nova e as condutas de risco que adoitan comezar a idades temperás.
 
O proxecto persegue un triplo obxectivo específico:
·         Mellorar o arraigamento social do colectivo de adolescentes mediante a súa participación en actividades a prol da comunidade apoiados por docentes e familias.
·         Crear espazos dentro dos centros educativos, transformándoos en catalizadores de talento social para contribuír a formar adultos comprometidos socialmente.
·         Concienciar a comunidade sobre a importancia da prevención dos comportamentos de risco.
 
En palabras de Carmen Arias Romero, directora da Fundación Barrié: “O obxectivo de #SenVandalismo é sensibilizar e concienciar a xente nova das consecuencias sociais e económicas que xera o vandalismo na súa cidade e, en definitiva, contribuír a reducir o custo económico para os concellos de todas as reparacións que provocan os actos vandálicos”.
 
#SenVandalismo, que vai dirixido a alumnos de 5º e 6º curso de Educación Primaria de 10 centros educativos de Galicia, espera acadar un total de 1.900 beneficiarios (350 directos/participantes e 1.550 indirectos/familias e resto de alumnado de primaria dos grupos participantes).
 
O proxecto desenvólvese durante 4 meses, desde outubro de 2021 até xaneiro de 2022. Durante este tempo, os participantes formaranse como “Investigadores Sociais”, adquirindo un rol de axentes activos na súa comunidade, tendo como axudantes no proceso as súas familias, docentes e APES. Ao longo das distintas sesións do proxecto, alumnado e profesorado adquirirán coñecementos sobre o vandalismo que se dá tanto no seu centro educativo como no seu barrio e a súa contorna, e terán a oportunidade de deseñar e levar a cabo unha acción social para incidir sobre esta problemática, estabelecendo alianzas con entidades e institucións da súa comunidade. O proxecto supón unha dedicación estimada de seis horas e media para o alumnado.
 
En palabras de Susana Pérez Crespo, presidenta da Asociación APES: “Os alumnos e alumnas que participan en #SenVandalismo non só reciben formación, senón que son parte activa do proxecto, que está deseñado baixo a metodoloxía aprendizaxe-servizo (ApS). O alumnado convértese en ‘investigadores sociais’ que se informan sobre as causas e consecuencias do vandalismo e deseñan unha acción social para previr esta problemática ou concienciar sobre ela”.
 
A metodoloxía aprendizaxe-servizo (ApS) permite a docentes e alumnado combinar, co currículo académico, toda a formación adquirida en materia de vandalismo ao mesmo tempo que se implican na realización dunha campaña de sensibilización social sobre os danos e riscos que carrexan os actos vandálicos. Aplicaranse tamén outras metodoloxías educativas como a gamificación, a aula investida, o Design Thinking e o traballo colaborativo, co obxectivo de fomentar a motivación, a participación e o traballo en equipo entre o alumnado, os docentes e as familias.
 
#SenVandalismo desenvólvese en tres fases: fase de coñecemento da temática, fase de deseño das accións sociais e unha última de execución das accións sociais, fase na que con toda a información obtida o alumnado participante organiza unha campaña para sensibilizar ou informar. Os materiais didácticos que se empregan nas distintas fases teñen como característica principal a adecuación ás idades do alumnado e materias académicas do curso e están compostos por fichas e material audiovisual elaborado expresamente para motivar os alumnos para lograr os retos propostos.
 
Aínda que as intervencións do persoal de APES e o profesorado dos alumnos participantes son fundamentais, o centro educativo e as familias tamén participan a través doutras actividades complementarias.
 
A Fundación Barrié e APES colaboran para a prevención do vandalismo desde o ano 2018, coa posta en marcha do proxecto piloto no Colexio Divina Pastora de Ourense, no que participaron desde entón neste proxecto 127 rapaces.
 
Preinscrición e selección

  • Os centros educativos interesados en participar poden preinscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web da Fundación Barrié: www.fundacionbarrie.org
  • O prazo de preinscrición ficará aberto desde o 27 de maio até o 17 de setembro de 2021.
  • As prazas están limitadas a 10 centros e existirá una listaxe de reserva con 3 centros.