Carmela Arias y Díaz de Rábago
Nada na Coruña o 20 de febreiro de 1920, quen sería a primeira muller presidenta dunha entidade financeira en España, sentía na súa mocidade a vocación de ser arquitecta. Unha grave doenza truncou o seu soño mais co paso do tempo unha natureza que semellaba fráxil deu probas da maior tenacidade e entrega. En 1967 foi nomeada vicepresidenta da Fundación e designada como sucesora na presidencia. Acompañou a Pedro Barrié, con quen casara o ano anterior, nos primeiros anos de andaina da Fundación.
Eu só aspiro a continuar a obra do meu home, Pedro Barrié de la Maza
Desde 1971, tralo pasamento de Pedro Barrié, ocupou a presidencia de Banco Pastor e a presidencia da Fundación Barrié. Os anos iniciais da súa presidencia estiveron protagonizados polas obras de infraestrutura educativa, deseñadas nos anos anteriores: Escolas de arquitectura, enxeñería e centros de investigación universitarios.
Unha visión feita realidade
Durante os anos sucesivos Carmela Arias puxo as bases estruturais da Fundación, que contou cunha sede propia desde 1995 e unha sede en Vigo desde 2005. A súa dedicación absoluta materializouse de xeito aínda máis explícito cando, en 1981, doa en vida toda a súa fortuna persoal á Fundación. A creación e asentamento do programa de bolsas de estudo, a participación nos fitos máis relevantes na recuperación do folclore e da cultura humanística, en estreita colaboración co seu irmán, o vicepresidente Joaquín Arias, a creación de diversos institutos científicos, o desenvolvemento dun ambicioso programa de exposicións, a dedicación á atención das necesidades sociais, son trazos da fisionomía da Fundación fondamente marcados pola personalidade de quen foi a súa presidenta durante case corenta anos. Da súa xestión ela mesma salientaba a fidelidade á vontade do fundador que se materializou en varias ideas-forza que seguen a informar as accións da Fundación: a educación como baseamento do progreso social, a necesidade de anticipación, de estar á vangarda á hora de enfrontar os problemas da nosa terra e, polo tanto, de traballar con visión de futuro.