Pedro Barrié de la Maza

Naceu o 17 de decembro de 1888 no número 19 da praza de María Pita na Coruña. A súa familia pertencía á burguesía comercial e financeira da cidade desde o século XVIII. O mozo Barrié recibiu a súa formación na Escola de Comercio da Coruña, que completará con viaxes ao longo de Europa, de xeito especial polo Reino Unido, Francia e Alemaña. Ditas viaxes puxérono en contacto con países máis adiantados có noso e coa realidade da emigración galega.


Tentei, con todas as miñas forzas, engrandecer a miña rexión

Trala súa volta fará un periplo por Galicia que o levará a coñecer e sentir máis fondamente os seus problemas. En 1939, tralo pasamento de Ricardo Rodríguez Pastor pasará a presidir o Banco Pastor, entidade que será o núcleo financeiro das máis diversas iniciativas económicas. Construción naval, produción enerxética ou industria turística son quizais as súas actividades máis coñecidas, mais o seu espírito emprendedor lévao a moitos outros eidos que abranguen desde a transformación de peixe ata a produción cinematográfica. Home reservado e modesto de seu, nas súas escasas declaracións públicas ten resaltado o seu entusiasmo polo traballo, o seu orgullo por ter sido quen de crear riqueza e emprego para o seu país e a súa fe no progreso baseado na mellora das potencialidades das persoas a través da educación.

Unha fundación para o progreso de Galicia

En 1966, decidiu investir a súa fortuna persoal na creación dunha fundación destinada ao progreso da nosa terra en todos os aspectos. Ese mesmo ano casou con Carmela Arias y Díaz de Rábago, en quen encontrou ademais dunha compañeira, unha fiel colaboradora e continuadora do seu traballo. Ao seu pasamento en 1971 sentara as liñas mestras da fundación que leva o seu nome e puxera as bases de dous dos seus proxectos máis ambicionados: a dotación das infraestruturas das Escolas de Enxeñería e Arquitectura, en Vigo e A Coruña.