BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


Coincidindo co seu 50 aniversario, a Fundación Barrié presenta na Coruña a exposición “Sorolla. Tierra adentro” con fondos do Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla

04-11-2016

  • Co gallo do seu 50 aniversario a Fundación Barrié presenta a exposición Sorolla. Tierra adentro na súa sede da Coruña.
  • A inauguración terá lugar o 4 de novembro e complementarase cunha conferencia a cargo de Consuelo Luca de Tena, directora do Museo Sorolla.
  • A exposición, composta por 67 pinturas, foi producida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Fundación Museo Sorolla coa colaboración da Fundación Barrié.
  • A exposición aborda a pintura de paisaxe de Sorolla, que abandona de xeito momentáneo as praias do Mediterráneo para percorrer “terra adentro” o campo das diferentes rexións do noso país.
  • Grazas ao convenio asinado co gallo desta exposición, a Fundación Barrié colaborará no programa de catalogación do fondo de fotografía antiga do Museo Sorolla (con máis de 6000 fotografías) que desenvolve a Fundación Museo Sorolla.
  • Este novo proxecto da Fundación Barrié complementarase cun programa didáctico e a edición dun catálogo.

Joaquín Sorolla. As Covachuelas, Toledo. 1906
© Museo Sorolla

A Coruña, 4 de novembro de 2016 – A presentación da exposición Sorolla. Tierra adentro tivo lugar hoxe na sede coruñesa da Fundación Barrié nun acto no que participaron Jose María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Consuelo Luca de Tena, directora do Museo Sorolla.

Esta mesma tarde ás 20h terá lugar a conferencia inaugural a cargo de Consuelo Luca de Tena, directora do Museo Sorolla que, ademais, ofrecerá unha visita guiada á exposición. O acto de inauguración contará tamén coa presenza de José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié e Blanca Pons Sorolla, bisneta de Joaquín Sorolla, padroa da Fundación Museo Sorolla e presidenta da súa Comisión Permanente.

 
A exposición, composta por 67 pinturas, todas elas pertencentes á colección Museo Sorolla e á Fundación Museo Sorolla, presentarase na Fundación Barrié coincidindo co seu 50 aniversario. A exposición aborda a pintura de paisaxe de Sorolla, que abandona de xeito momentaneo as praias do Mediterráneo para percorrer “terra adentro” o campo das diferentes rexións do noso país.
 
A exposición foi producida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Fundación Museo Sorolla coa colaboración da Fundación Barrié. 
 
Grazas ao convenio asinado co gallo desta exposición, a Fundación Barrié colaborará no programa de catalogación do fondo de fotografía antiga do Museo Sorolla (con máis de 6000 fotografías) que desenvolve a Fundación Museo Sorolla.

Sorolla. Tierra adentro

O xénero da paisaxe foi central na evolución da pintura moderna: considerado “menor” pola academia ata o século XIX,  foi en troques colocado polo realismo na vangarda da innovación e a experimentación.
 
Se algo identifica a pintura de Sorolla é o seu traballo ao aire libre e en plena natureza. Os escenarios de luz intensa das costas de Valencia e Levante son o seu referente máis coñecido; no entanto, terra adentro” realizou numerosas paisaxes de enorme calidade e importancia: estas paisaxes interiores sitúan a Sorolla no contexto xeral das inquedanzas artísticas do realismo final e tamén das correntes intelectuais renovadoras da Institución Libre de Enseñanza e os rexeneracionistas españois.
 
Sorolla estudou na Escola de Belas Artes de Valencia con Gonzalo Salvá, quen o introduciu no realismo francés, e Ignacio Pinazo Camarlench, quen lle deu a coñecer os “macchiaioli” italianos; e nas súas viaxes a París entrou en contacto coas versións realistas do “luminismo”, o impresionismo e o postimpresionismo, que el integrou ao seu xeito, dentro da particular estética renovadora da paisaxe española do seu tempo, que intentaba achar un carácter diferencial na nova arte encaixando a tradición realista nacional na modernidade internacional.
 
Trala fracasada Revolución do 68 e o desastre colonial, tanto os pensadores como os artistas contemporáneos de Sorolla procuraron unha imaxe nova de país, afastada da representación historicista das glorias pasadas, e a atoparon na pura paisaxe, tanto nas rexións da periferia peninsular como na meseta central e de Castela; nesta particularmente se descubriu unha estética xeolóxica do solo –segundo termo de Giner– e un espiritualismo en liña co gusto decadentista europeo. Para eles, Castela –sobria, austera e transcendente–  sería a imaxe máis auténtica da nación.
 
Inmerso naquela cultura, e en contacto con gran parte dos seus protagonistas, Sorolla deu novas versións ás diversas paisaxes españolas, profundando no seu novo sentido e significación, desde os da Alhambra deshabitada a aqueles dos campos desolados e vellas cidades castelás, que descubriu na compaña de Aureliano de Beruete, magnífico pintor de paisaxe e ilustre institucionista.
 
A exposición divídese en catro ámbitos:
 

  • Mitoloxía rexionalista e natureza.
  • Sorolla en verde e gris
  • A invención de Castela como emblema nacional
  • A “España branca” de Joaquín Sorolla, unha versión moderna da invención romántica
 
Mitoloxía rexionalista e natureza

Despois de formarse en Valencia, onde os seus mestres o animaron a pintar dende o natural, e tralos seus anos de estudo en Italia, Sorolla estableceuse en Madrid, mais nunca deixou de pasar tempadas en Valencia, onde a temática das súas obras de xuventude representa o interese polo popular que foi característico da fin de século. Os pinceis de Sorolla céntranse na súa cidade, no porto de Valencia, nas súas praias, nas súas prazas e pontes e non esquecen o campo valenciano: a horta, as alquerías e as barracas coa súa peculiar arquitectura popular.

Sorolla en verde e gris

Sorolla viaxou durante moitos veráns ao norte de España. En Muros (Asturias) uniuse á colonia de paisaxistas que organizara o pintor asturiano Tomás García Sampedro seguindo o modelo da escola francesa pintura ao pleinair de Barbizon. E coa súa familia pasaría moitos veráns en San Sebastián, Zarautz e Biarritz. No norte, a luz máis griseira do Cantábrico e os verdes brillantes das pradarías de Asturias deron á súa produción outras tonalidades.

A invención de Castela como emblema nacional

Sorolla percorreu Castela en múltiples viaxes e uniuse á fascinación pola súa paisaxe que sentiron os institucionistas e a Xeración do 98. Unha paisaxe inédita ata entón como tema na pintura, pero que emocionaría a toda unha xeración de escritores e artistas co descubrimento do seu carácter sublime e da súa poética do baleiro.
 
Sorolla representa Castela sen perder a súa natural sensibilidade para a captación da luz e sen deixar de facer sorollas. Pinta as súas cidades monumentais  –Toledo, Ávila, Burgos– e tamén a súa natureza, centrándose nas nubes e as súas transformacións, e nas luces cambiantes do ceo.
 
 
A “España branca” de Joaquín Sorolla, unha versión moderna da invención romántica
 
Durante unha rápida viaxe en 1902 chega Sorolla por primeira vez a Andalucía, á que habería de volver moitas veces nos anos sucesivos.
 
Afastándose do tópico todo o que pode, Sorolla busca a autenticidade daquelas terras. En Sevilla pinta os seus xardíns, mais tamén as paisaxes insólitas das súas zonas secas onde só prosperan as chumbeiras; en Xerez, os inmensos viñedos que lle ofrecen un puro espectáculo de cor. Granada impresiónao profundamente: aos seus barrios, á súa Serra Nevada e á Alhambra dedicou ata 47 paisaxes en tres viaxes en 1909, 1910 e 1917, sempre a finais do outono ou en pleno inverno, sempre solitarias, melancólicas, coa fondura dunha visión enteiramente persoal.

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes

Videos