BUSCAR
Memoria Anual 2023
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
A Fundación Barrié outorga bolsas a 10 mozos e mozas para a realización de estudos de Mestrado en centros académicos de todo o mundo
-
A Fundación Barrié entregou hoxe as credenciais aos novos bolseiros da súa XXXI edición do Programa de Bolsas de Postgrao no Estranxeiro correspondente ao curso académico 2020-2021.
-
As 10 bolsas para a realización de estudos de Mestrado reflicten o compromiso da Fundación Barrié pola educación e capacitación do activo máis valioso de Galicia: as persoas.
-
O Programa de Bolsas de Postgrao no Estranxeiro é unha das contribucións máis notables da Fundación Barrié á comunidade, con 704 bolsas concedidas desde 1990 e cun investimento acumulado de máis de 43 millóns de euros.
A Coruña, 3 de xullo, 2020.- A Fundación Barrié entregou hoxe as credenciais da súa XXXI edición do Programa de Bolsas de Postgrao no Estranxeiro para a realización de estudos de Mestrado en centros académicos de todo o mundo, nun amplo abano de especialidades de interese e impacto para Galicia.
O acto foi presidido por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, e acompañáronlle Óscar Rama, presidente da Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié, e Pilar Romero Vázquez-Gulías, vicepresidenta da Fundación Barrié.
En palabras de José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié: “Cando Pedro Barrié de la Maza fixo a doazón da súa fortuna persoal, fíxoo ligado a un propósito. Sen propósito, non hai Fundacións. Trátase non só duns medios, senón tamén duns fins.
Os fins podíanse resumir na contribución ao progreso de Galicia en todos os aspectos con proxectos ligados á investigación, á educación, á cultura e ao patrimonio e á acción social, mais unidos por un común denominador. Este denominador común era precisamente unha destas áreas: a educación. Esta é a razón de que o noso labor que sempre procura buscar a complicidade da sociedade, sexa especialmente recoñecible nas bolsas.”
As convocatorias anuais de Bolsas de Postgrao no Estranxeiro son un Programa de referencia da Fundación Barrié, que alcanza a súa XXXI convocatoria coa concesión de 704 bolsas desde 1990 e cun investimento acumulado de máis de 43 millóns de euros. O Programa reflicte o compromiso da Fundación Barrié pola educación e capacitación do activo máis valioso de Galicia: as persoas.
Lanzado en 1990, o Programa persegue un triplo obxectivo:
- facilitar o acceso ao coñecemento das mellores técnicas, métodos e procedementos;
- proporcionar experiencias vitais nun contorno internacional e multicultural; e
- contribuír ao desenvolvemento de vínculos académicos, sociais, profesionais e culturais de titulados universitarios vinculados a Galicia.
O Programa de Bolsas de Postgrao no Estranxeiro da Fundación Barrié, dirixido a graduados universitarios, licenciados ou titulados superiores, é un dos Programas de Bolsas de Excelencia máis destacado a nivel nacional e internacional.
10 bolsas para a realización de estudos de Mestrado
Na convocatoria de 2020 concedéronse bolsas a candidatos das seguintes áreas do coñecemento: Enxeñaría e Matemáticas (1); as Ciencias Sociais e xurídicas (2); as Ciencias Experimentais (2); as Ciencias da Vida, Médicas e da Saúde (3) e Arte e Humanidades (1). A media académica dos estudos de grao dos bolseiros é 8,81 sobre 10.
6 dos novos bolseiros cursou os seus estudos universitarios en Galicia, dos cales 5 proceden da Universidade de Santiago de Compostela e 1 da Universidade de Vigo. 3 bolseiros cursaron os seus estudos en Madrid (Universidade Politécnica e Universidade Carlos III) e 1 bolseiro cursou os seus estudos en Barcelona (Universidade Politécnica de Catalunya).
En canto ao destino, Reino Unido (6) consolídase como país de preferencia, seguido por Estados Unidos (3), e Países Baixos (1). Realizarán os seus estudos en centros de referencia como Stanford University (1), New York University (1) e University of California at Berkeley: Haas (1) en Estados Unidos; University of Edinburgh (2), University of Cambridge (1), Queen Mary University of London (1), The Imperial College of Science, Technology and Medicine (1) e The University College London (1) no Reino Unido así como en Maastricht University (1) nos Países Baixos.
A media de idade dos bolseiros nesta convocatoria é de 24 anos. Todos os bolseiros naceron en Galicia: A Coruña (4); Santiago de Compostela (1); Vigo (2); Lugo (1); Monforte de Lemos (1) e Ourense (1).
A ASOCIACIÓN DE BOLSEIROS DA FUNDACIÓN BARRIÉ
A Fundación Barrié conta cunha activa Asociación de Bolseiros, creada en 1996, que ten preto dun milleiro de integrantes, todos beneficiarios dos programas de bolsas para investigación, estudos universitarios ou ampliación de estudos universitarios en España ou no estranxeiro. A Asociación desenvolve actividades orientadas a facilitar aos seus asociados o contacto con institucións profesionais e académicas de ámbito galego, nacional e internacional e sempre a manter e alimentar o vínculo da Fundación cos seus bolseiros.
Neste senso, serve de vehículo para canalizar as actividades daqueles bolseiros que queiran pór ao servizo de Galicia e, en particular da Fundación, os seus coñecementos e experiencia, para que a formación adquirida durante o transcurso dos seus estudos e investigacións transcenda o ámbito da mellora persoal e reverta no avance da sociedade galega. (http://becarios.fundacionbarrie.org)
RECURSOS DISPONIBLES