Fundación Amigos do MNCARS

Inicio / Patrimonio e Cultura / Conferencias / Fundación Amigos do MNCARS

ATLAS PORTÁTIL DA ARTE NA AMÉRICA LATINA

Ciclo de conferencias en colaboración coa Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía

Por cuarto ano consecutivo a Fundación Barrié organiza este ciclo de conferencias en colaboración coa Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía co obxectivo de contextualizar e achegar diferentes aspectos da arte contemporánea á sociedade galega. Este ciclo preséntase como un mapa sobre o que se trazaron varios percorridos para nos achegar á arte latinoamericana desde diversas disciplinas, épocas e estilos abordando cuestións como identidade, revolución, globalización, colonialismo, mestizaxe… Son catro conferencias nas cales escritores, historiadores, arquitectos ou comisarios de prestixio nos guiarán por esta viaxe pola arte da América Latina, a súa idiosincrasia, as súas conexións e os seus puntos de fuga.
 
Nos últimos anos a América Latina pasou a ocupar un papel privilexiado na escena internacional das artes visuais. Despois do boom da arte contemporánea chegada a Europa ou aos Estados desde esa área xeográfica na década de 1990, o discurso crítico fixo o percorrido inverso e cada vez con máis forza a produción visual e teórica desde a América Latina, incluída a produción novohispana, foi tomando as posicións que lle correspondían no entramado global.
Hoxe en día ninguén pon en tela de xuízo que a América Latina é un lugar onde ocorreron e ocorren cousas moi relevantes, parte dun discurso que obriga a reformular a narrativa occidental ata hai pouco gobernada esencialmente pola arte europea e estadounidense. Malia todo, é complexo falar da América Latina como un lugar compacto. Trátase máis ben unha fascinante diversidade imposible de reducir a modelos ou xeografías.
Por este motivo, as presentes sesións –abordadas por historiadores, escritores, arquitectos, comisarios...– non aspiran a ofrecer un mapeo exhaustivo do continente, senón a trazar un pequeno Atlas portátil. Este irá abordando algunhas das cuestións que, desde a América Latina, puxeron en xaque o modelo da modernidade occidental –ata hai pouco sen contar con esa parte do mundo– e todo o sistema colonial de pensamento. Son as cuestións que nos devolven desde ultramar a nosa propia imaxe occidental renovada.
 
Estrella de Diego
Directora do Ciclo,                                  
Catedrática da Universidade
Complutense de Madrid
 

PROGRAMA CICLO DE CONFERENCIAS
Atlas portátil da arte na América Latina



Marzo, 2020 – 20 horas

Martes, 3
Presentación do Atlas
Estrella de Diego. Catedrática da Universidade Complutense de Madrid
Vídeo
 
Martes, 10
Arquitectura otra, descentrada, radical. Os Pritzker latinoamericanos
Guillermo Barrios. Arquitecto
Vídeo
 
Martes, 17
Arte desde a América Latina. Identidade, globalización e dinámicas culturais
Gerardo Mosquera. Crítico e comisario
Vídeo
 
Martes, 24
A arte da América Latina na historia do MNCARS
Marga Paz. Directora Fundación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía
Vídeo


Estrella de Diego


Guillermo Barrios


Conferenciantes

CONTIDOS RELACIONADOS