Inicio / Patrimonio e Cultura / Conferencias / Fundación Amigos do MNCARS / Conferencia Guillermo Barrios

Axenda


BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
ACTIVIDADE
LUGAR
DATA

CALENDARIO

A actividade da Fundación Barrié a mes ou semana vista


SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse


Conferencia "Arquitectura otra, descentrada, radical. Os Pritzker latinoamericanos"

Guillermo Barrios. Arquitecto

Nacho Pardo

Martes 10 de Marzo de 2020

20:00

Sede A Coruña

Ata completar aforo

Aberto ao público

Guillermo Barrios
Arquitecto
Título: Arquitectura otra, descentrada, radical. Los Pritzker latinoamericanos

En 1980 chegou ao pequeno mundo da arquitectura e ao grande de todos os demais mortais a noticia de que un arquitecto latinoamericano, Luis Barragán (México, 1910-2000), fora galardoado co prestixioso premio Pritzker na súa segunda edición. No ano inmediatamente anterior, ao despegue deste programa establecido pola Fundación Hyatt de Estados Unidos, o premio fora concedido a Philip Johnson, unha personalidade grandilocuente, de vasta obra, fortemente apegado ás tendencias de cada momento. Poucos apostarían na altura a que, apenas á volta dun ano, “o Nóbel da arquitectura” fose parar a mans dun arquitecto da periferia, cunha obra dedicada á pequena escala e desligado dos ambientes das estrelas da arquitectura. Nun panorama arquitectónico internacional marcado polo fastío e un crecente cuestionar os estatutos da modernidade e os seus produtos fortemente formulados que viñan poboando de xeito indiscriminado a paisaxe urbana, o xurado deste importante premio fixa a ollada na obra serena e profundamente humana deste arquitecto “dedicado á arquitectura como un acto sublime da imaxinación poética”, como se anotou no veredicto.
 
Desde entón, ademais de Luis Barragán, o premio foi concedido a outros arquitectos latinoamericanos, os brasileiros Oscar Niemeyer, en 1988, e Paulo Méndez da Rocha, en 2006, e ao chileno Alejandro Aravena, en 2016.  Cal catro puntais dunha parcela ben planeada, a obra de cada un destes mestres —os proxectos, pensamento, contorno e adscrición, entre outros factores— vai permitir nesta sesión do Atlas da Arte da América Latina ensaiar un voo rasante sobre o territorio da arquitectura que empeza a desvelarse no subcontinente latinoamericano desde a ampla mediana do século XX. Durante ese período de tempo desvélase unha portentosa escena, coa estruturación progresiva dun medio académico e a estruturación dun gremio profesional da arquitectura e a enxeñaría, prognosticado en gran parte polo crecemento acelerado dos centros urbanos e a demanda de obras públicas para a adecuación do territorio. Toda unha xesta de realizacións que xa, ao despuntar a segunda metade do século XX, captura a atención dos medios internacionais, moi notablemente do Museo de Arte Moderna de Nova York, grande árbitro das expresións da modernidade, que desprega nas súas salas a mostra “Latin American Architecture since 1945”. Este inventario iniciático, organizado polo crítico e curador Henry Russel Hitchcock, lexitima cos seus argumentos e impresionantes imaxes este insurxente foco creativo ante a esfera mundial. De portas a dentro, nos confíns da América Latina, en troques, estas obras resaltadas en conxunto acá víanse como realizacións nacionais, pezas dun taboleiro de países con dinámicas desconectadas entre si. É probable que esta ollada exóxena (cargada do sempiterno valor dos cadernos de viaxe para o coñecemento das realidades locais) fose un importante detonante de alerta á incipiente comunidade de investigadores que se despregaba devagar nos medios académicos da rexión, mergullados á súa vez nas respectivas realidades nacionais, para que abriran a súa ollada á paisaxe xeral. Os primeiros percorridos panorámicos que se emprenden, propostos por Bullrich (1969) e Bayón e Gasparini (1977) entre outros, revelan un estado da arte da arquitectura da rexión de trazos diferenciais, atido ás circunstancias propias de cada país. A urxencia do encontro dos esforzos estancos eríxese decontado na gran tarefa dos investigadores da rexión, os cales, a través de sucesivos encontros, foros, bienais e seminarios, promoven o xurdimento de propostas como “Arquitectura descentrada” (Marina Weissman, 1983), “Arquitectura otra” (Enrique Browne, 1988) e “Modernidad apropiada” (Cristian Fernández Cox, 1998), entre outros, para designar o corpus arquitectural do diverso territorio latinoamericano.
 
Nos primeiros emprendementos antolóxicos deste ambiente de discusión rexional, a obra de Barragán aparece practicamente á marxe, arroupada polo corpo de traballo de figuras como Pedro Ramírez Vásquez e Mario Pani, entre outros, no seu propio país, e no panorama rexional, de Oscar Niemeyer e Lucio Costa, no Brasil ou o de Clorindo Testa na Arxentina, cuxa escala e elocuencia formal, maiormente asociado á construción de escenarios “nacionais” e simbólicos, domina a atención dos críticos. Aínda que xa fora obxecto dunha importante aclamación cunha exposición no MoMA con textos do arquitecto e crítico arxentino Emilio Ambasz (1975), o Pritzker a Barragán sorprende nese contexto como celebración do cotiá e contribúe a partir de entón a espallar non só o seu legado —o espazo interior, no cal inclúe baleiros significativos e atrapa xardíns encantados cunha paleta de cores que fai a súa marca indiscutible— senón o de toda unha corrente de achegamento espiritual, entrañable, á creación arquitectónica que se cola entre as grandes realizacións escénicas, máis aló das fronteiras de México. Cara ao sur, Jesús Tenreiro e Jimmy Alcock, por exemplo, os cales labran un camiño moi de seu dentro do panorama trepidante da modernidade venezolana, coas súas arquitecturas de luz filtrada e practicamente mergulladas na densa flora tropical; máis ao sur Eladio Dieste, no Uruguai, e outros que esquivan as tendencias de proxectos e crean espazos —non simples edificios— en diálogo franco cos materiais e as súas posibilidades expresivas. O Pritzker para a grande arquitectura latinoamericana, aquela que xa antes de mediado o século XX poboaba as paredes dos grandes museos (lembremos ademais a moi temperá “Brazil Builds” (1943) no MoMA, mesmo antes da fundación de Brasilia), as páxinas das grandes revistas internacionais e os libros emblemáticos da disciplina (Zevi, Benevolo et al), non se fai esperar. En 1988, o octoxenario home que a recibe non é un ancián, senón un rebelde da cultura, en certo momento menosprezado por 'extravagante' e 'escultor' polos puristas do movemento, quen co seu programa de aproximacións libérrimas adscribiu os postulados modernos para propulsalos e levalos a un terreo propio. O de Oscar Niemeyer (Rio 1903-2007) foi un terreo sen ancoraxes, que se expresou en varios continentes para reivindicar unha arquitectura libre de marcas necesariamente nacionais. O seu traballo representa o de toda unha lexión de arquitectos latinoamericanos que traballaron nesa dirección e cuxa “otra arquitectura” revisaremos como parte deste Atlas. Ademais do gran mestre Lucio Costa, con quen proxectou o emblemático edificio do Ministerio de Educación e Saúde en Rio de Janeiro (1937-43) e nada menos que Brasilia (1960), o seu nome alude á contribución de outros grandes arquitectos da rexión. Carlos Raúl Villanueva en Caracas ou a de Emilio Duhart en Santiago de Chile, como parte dun conxunto denso, cuxo selo expresa sen trabas a vitalidade celebrada da nova arquitectura que se fai e xustifica o apelativo de Novo Mundo co cal se coñece a rexión. En 2006, o Pritzker volve aos espazos serenos, que afondan os seus piares nas significacións locais, ao pórse en mans de Paulo Mendes da Rocha (São Paulo, 1942). As súas aproximacións na liña do “postracionalismo” cuñado como termo pola crítica rexional, urde o seu programa na lóxica do material e na inserción da casa na natureza e na paisaxe urbana. Tal como se fai notar no acto de concesión do premio, a arquitectura de Rocha pon de relevo a dimensión ética da arquitectura, o seu compromiso coas preexistencias e coa resolución programática da edificación. O seu uso creativo e preferente do formigón, un material de construción por antonomasia moderno non limita, senón que potencia a plasticidade dos seus espazos. Estes flúen dinamicamente como un todo en perfecta conxunción coas partes, o conxunto cos detalles construtivos e os recantos espaciais.  A “discreta presenza” que Helio Piñón reivindica como característica especial da súa obra márcaa como “sobre todo, arquitectura”, unha que devén, máis ca un lugar para estar, unha experiencia sempre conmovedora. A obra de Rocha vincúlase directamente coa de Vilanova Artigas, de cuxa escola provén, e a doutros arquitectos que construíron a escena desafiante da arquitectura paulista, como Lina Bo Bardi. En termos rexionais, a súa obra transita como referencia de xeracións procedentes, representadas de sur a norte por noveis arquitectos, desde Solano Benítez, no Paraguai, a Mauricio Rocha, en México. Precisamente, do seo destas xeraciones emerxentes da rexión, sae a figura de Alejandro Aravena (Santiago de Chile, 1965), quen obtén o Pritzker en 2016, “pola súa arquitectura exercida como un desempeño artístico en proxectos para o sector privado ou nos seus deseños de orde pública, nos cales encarna o reencontro da práctica co seu compromiso social”.  Como veremos no noso encontro, nos seus proxectos, obxecto de atención global, este mestre novo parte de determinantes plenamente instaladas como materia de urxencia do programa da arquitectura contemporánea: a vivenda social, a eficiencia enerxética, a prevención de emerxencias e privilexia o lugar público, como catalizador do benestar social. Na súa obra, adscrita pola crítica á chamada “arquitectura radical” (Adriá, 2016), como selo das máis comprometidas aproximacións desde o oficio —oficio colectivo sempre, máis que “autoral”— aos máis urxentes problemas rexionais. Nesta liña sitúase a carón de grupos de estudio e acción como Cidades da xente, que impulsa Teolinda Bolívar en Caracas; o programa Favela Barrio, liderado polo o arquitecto arxentino Jorge Mario Jáuregui, que tido un resoado impacto no conflitivo ambiente dos asentamentos informais en Rio de Janeiro; e con todo un movemento arquitectónico que se situou no centro da impactante transformación de Medellín, a outrora “Metralla” colombiana, que hoxe constitúe o epítome do que as novas correntes de arquitectura da rexión poden facer pola súa transformación. 





PRÓXIMOS EVENTOS