A maxia da robótica
A maxia da robótica
Obradoiros e Concurso Galego de Robótica 2017
A Fundación Barrié e Igaciencia organizan na Coruña e Vigo os Obradoiros e Concurso "A maxia da robótica" para escolares de toda Galicia.
Celebrarase na sede de Vigo da Fundación Barrié os días 4, 5, 6 e 7 de abril e na sede da Coruña da Fundación Barrié os días 24, 25, 26, 27 e 28 de abril.
Final do concurso o 4 de maio de 2017 na sede da Fundación Barrié na Coruña.
Lugar
En Vigo, na Fundación Barrié, Rúa Policarpo Sanz, 31, 36202 Vigo, Pontevedra.
Na Coruña, na Fundación Barrié, Rúa Cantón Grande, 9, 15003 A Coruña
Categorías
Destinado a alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e 1º ciclo de FP.
Agrupado en 3 categorías:
5º e 6º de Primaria e 1ºESO, 2º, 3º e 4º ESO, Bacharelato e 1º Ciclo FP
Á final acudirán, en cada categoría, os grupos de maior puntuación de cada zona e o segundo clasificado en cada zona que teña maior puntuación.
Todos os centros participantes con equipos de Bacharelato e ciclos formativos competirán con EV3 (agás que soliciten expresamente NXT). Os da ESO e Primaria participarán con Lego NXT, agás que soliciten participar con EV3.
Haberá 3 premios por cada unha das categorías: Primaria, ESO e Bacharelato.
Obxectivo
O obxectivo desta actividade é achegar o estudantado á robótica, un eido de absoluto futuro, e aproveitar a súa "maxia" para promover a cultura científico-tecnolóxica no alumnado galego. A maxia da robótica é un compendio de actividades (obradoiro - concurso) encamiñadas a unha experiencia de aprendizaxe, deseñada para familiarizar e explorar o campo da robótica, así como potenciar as habilidades creativas e de innovación propias dos adolescentes que gustan aprender da tecnoloxía e especialmente da robótica.
O propósito de amosar aos mozos e mozas a robótica está vencellado ao potencial deste sector para crear e innovar, así como fomentar os desexos naturais por explorar o novo e o actual. A robótica brinda a posibilidade de concebir, crear e pór a funcionar obxectos, favorece o desenvolvemento de procesos cognitivos de alto nivel nas persoas que se involucran con estes recursos, así como, a posibilidade de comprender funcionamentos, efectos e comportamentos de situacións reais recreándoas.
Desenvolvemento
Ao tempo que se pretende que sintan a paixón pola aprendizaxe, os rapaces e rapazas participantes intégranse nun grupo no cal deben compartir obxectivos e realizar un traballo colaborativo para poder resolver os desafíos que se lles propón ao longo da experiencia. Ao remate do obradoiro, de dúas horas de duración, cada grupo terá acadado un número de puntos que lle permitirán optar aos premios do IX Concurso Galego de Robótica.
Para este obradoiro non cómpre ter coñecementos en programación ou en electrónica, pois a electrónica esta integrada nun ladrillo intelixente e a programación realízase nun contorno visual e sinxelo para que os máis pequenos tamén poidan construír e deseñar os seus robots.
Iniciarase cunha fase de obradoiro, dunha hora, na que se familiarizarán cos robots e a linguaxe da robótica e realizarán a construción, sobre unha montaxe previa, e a programación dun robot móbil cun kit de LEGO NXT ou EV3. Na seguinte hora desenvolverase a fase de concurso.
CONTIDOS RELACIONADOS