BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


Preséntase o Atlas Lingüístico Galego Vol. VI: Léxico. Terra, plantas e árbores do Instituto da Lingua Galega editado conxuntamente pola Fundación Barrié e a USC

13-04-2016

  • O volume VI do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), pertencente á colección Biblioteca Filolóxica Galega, integrada por traballos do Instituto da Lingua Galega (ILG), ocúpase do léxico da terra como espazo natural, das plantas e das árbores.
  • A Biblioteca Filolóxica Galega xorde a finais dos anos noventa ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.
  • Ata a data, a Fundación Barrié publicou todos os volumes do Atlas Lingüístico Galego. Así, no ano 1990 publicouse o primeiro, dedicado ao estudo da Morfoloxía verbal. O volume VI do ALGa é o primeiro que se edita conxuntamente coa USC.
  • O  Instituto da Lingua Galega, creado en 1971 pola Universidade de Santiago de Compostela, foi promovido e apoiado pola Fundación Barrié cun investimento acumulado, en euros constantes, de 1M€ desde as súas orixes que se remontan a 1968. Este apoio traduciuse na edición de 24 títulos en 45 anos. 

Presentación do Atlas Lingüístico Galego Vol.VI
© Fundación Barrié

Santiago de Compostela, 13 de abril 2016. O ATLAS LINGÜÍSTICO GALEGO VI: LÉXICO. TERRA, PLANTAS E ÁRBORES foi presentado hoxe na sede do Instituto da Lingua Galega (ILG) en Santiago nun acto no cal participaron Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Xunta de Galicia; Ernesto González Seoane, director do Instituto da Lingua Galega e Francisco Fernández Rei, coordinador do volume.
 
O volume VI do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), pertencente á colección Biblioteca Filolóxica Galega integrada por traballos do Instituto da Lingua Galega, ocúpase do léxico da terra como espazo natural, das plantas e das árbores. O equipo investigador foi formado polos profesores Rosario Álvarez Blanco, Manuel González González e Francisco Fernández Rei, este último coordinador da obra.
 
O ALGa enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega, que xorde a finais dos anos noventa dirixida polo lingüista e escritor galego falecido en 2008 Constantino García e polo catedrático de Filoloxía Románica na Facultade de Filoloxía da USC e membro da Real Academia Galega Antón Santamarina, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié, co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.
 
Ata a data, a Fundación Barrié publicou todos os volumes do Atlas Lingüístico Galego. Así, no ano 1990 publicouse o primeiro, dedicado ao estudo da Morfoloxía verbal; en 1995 o segundo, dedicado a Morfoloxía non verbal; entre 1900-1999 outro dedicado a Fonética;  seguido de Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico en 2003. Xa en 2006 viu a luz o quinto volume, dedicado a O ser humano, ao que se engade agora o titulado Léxico. Terra, plantas e árbores, o primeiro que se edita en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
 
A elaboración e redacción deste volume foi posible grazas á axuda prestada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que financiou os bolseiros que participaron na preparación e ordenación do material co que se están a redactar os distintos  volumes do Atlas Lingüístico Galego, así como boa parte da infraestrutura material coa que conta a sección de Xeografía Lingüística do Instituto da Lingua Galega. 

45 ANOS DO INSTITUTO DA LINGUA GALEGA

O INSTITUTO DA LINGUA GALEGA foi creado hai 45 anos, en maio de 1971 pero, para coñecermos a historia da súa creación, debemos remontarnos ao 25 de setembro de 1968, data na que o profesor Constantino García enviaba un escrito á Fundación Barrié no que salientaba a escaseza de estudos dialectolóxicos galegos realizados con criterios científicos, destacando que os levados a cabo ata aquelas datas eran individuais e inconexos, e apuntando a necesidade de crear un organismo dotado de medios que centralizase, organizase e impulsase este tipo de estudos.
 
A Fundación Barrié, que poñía naqueles momentos os alicerces da súa estratexia e estaba especialmente interesada no eido do patrimonio lingüístico, acolleu co máximo interese esta proposta, concedendo axudas económicas ano tras ano durante estes 45 anos e colaborando eficazmente na súa creación, que foi efectuada en maio de 1971, cousa non doada naqueles momentos, pois aínda que a Lei de Educación de 1970 prevía o estudo das linguas vernáculas, necesitouse unha intervención directa de Pedro Barrié de la Maza para superar as últimas dificultades.
 
Desde entón o ILG vén despregando unha intensa actividade investigadora nos eidos da lingüística e da filoloxía galegas e, ao tempo, no desenvolvemento de ferramentas e aplicacións tecnolóxicas que poñan ao dispor da comunidade académica e da sociedade no seu conxunto o coñecemento xerado no marco das actividades de investigación. Ademais, contribuíu decisivamente ao proceso de codificación ortográfica, gramatical, lexical e fonética do galego moderno.