BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


07-10-2021

Exposición organizada pola Fundación Barrié en coprodución coa Fundación ”la Caixa”

Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9. 15003 A Coruña

Datas: Do 7 de outubro de 2021 ao 23 de xaneiro de 2022

Nimfa Bisbe, xefa das colecciones de arte de la Fundación ”la Caixa” e comisaria da exposición; Carmen Arias Romero, directora da Fundación Barrié e Ignasi Miró Borrás, director Corporativo do Área de Cultura e Ciencia da Fundación ”la Caixa”.

A Fundación Barrié presenta a exposición HUMANO, MÁIS HUMANO, cunha coidada selección de 13 obras procedentes da Colección “la Caixa” de Arte Contemporánea e creadas por destacadas figuras da arte contemporánea nacional e internacional dos séculos XX e XXI, como A.R. Penck, Jean-Michel Basquiat, George Baselitz, Stephen Dean, Liu Jianhua, Sam Taylor-Wood, Jean-Marc Bustamante, Miquel Barceló, Vik Muniz, Txomin Badiola, Jorge Barbi, Gino Rubert e Anna Malagrida.
 
Comisariada por Nimfa Bisbe, xefa das coleccións de arte da Fundación ”la Caixa”, a exposición abrangue un abano amplo de formatos artísticos: pinturas, esculturas, fotografías, instalacións e vídeos.
 
A exposición amplía así a oferta expositiva contemporánea da Fundación Barrié, que, nunha sala superior, amosa unha selección de obras da súa Colección de Pintura Contemporánea Internacional.
 
O visitante poderá solicitar, de forma gratuíta, auriculares na librería e acceder á audioguía da exposición,  descargable a través dun código  QR. Así mesmo, a exposición completarase con actividades didácticas dirixidas á comunidade educativa e visitas guiadas reducidas.

A exposición foi organizada pola Fundación Barrié en coprodución coa Fundación ”la Caixa” e enmárcase nun convenio de colaboración entre a Fundación ”la Caixa” e a Xunta de Galicia para impulsar o Xacobeo 2021-2022

Á presentación da exposición asistiron Carmen Arias Romero, directora da Fundación Barrié;  Ignasi Miro Borrás, director Corporativo da área de Cultura e Ciencia da Fundación ”la  Caixa”;  Nimfa  Bisbe, xefa das coleccións de arte da Fundación ”la  Caixa” e comisaria da exposición, e Susana Santos, responsable territorial da Fundación ”la  Caixa” en Galicia.

 
A exposición HUMANO, MÁIS HUMANO
 
O ser humano é un dos grandes temas da arte de todos os tempos. Artistas de todas as disciplinas e estilos teñen explorado as súas múltiples e complexas facetas: a súa figura e corpo, os seus xestos e actitudes, as súas ideas e sentimentos, os seus soños e paixóns, a súa vulnerabilidade e fortaleza.
Esta exposición aborda parte desas representacións e vivencias humanas a través de trece obras da Colección de Arte Contemporánea da Fundación ”la Caixa”. O título da mostra está tomado do libro homónimo de Josep Maria Esquirol, quen, tras reler Nietzsche e o seu libro Humano, demasiado humano, decidiu titular igual a súa propia obra, pero substituíndo demasiado por máis, porque non se trata de ver o mundo como un ser superior e ir alén do humano, como propuña o filósofo alemán; o humano non é unha condición que deba ser superada, senón que o valioso para o noso mundo e a nosa cultura é intensificar e afondar no máis humano. E iso implica recoñecer a súa vulnerabilidade que, como escribe Esquirol, é a que fornece ao ser humano a capacidade de sentir e sufrir, e por iso mesmo, de pensar e loitar.
Esta exposición xestouse durante o período de incerteza e confinamento que provocou a pandemia global da COVID-19, un tempo que puxo de relevo a fraxilidade do ser humano e que nos transportou á angustia do illamento, mais tamén á reflexión de como nos situamos e habitamos o mundo. O imperativo da distancia social fixo que tomemos conciencia do valor da intimidade e da casa como abeiro perante as dificultades e perigos externos, pero sobre todo permitiunos comprender o ser humano como ser relacional e a necesidade de compartir e sentir que non estamos sós. O ser humano forma parte da pluralidade do mundo, e a súa existencia depende dunha trama de relacións estabelecidas non só cos demais humanos, senón tamén co resto dos seres vivos e das cousas que poboan o mundo. Esta experiencia, que afectou a toda a humanidade, pero que vivimos en singular, provocou un desexo enorme de reencontro, de volver sentirnos unidos, de compartirmos a vida e vivirmos o mundo.
A palabra humanidade guiou, xa que logo, a selección de obras expostas, como tamén o fixeron as que se repetiron decote durante estes longos meses: soidade, corpo, vulnerabilidade, resistencia, intemperie, abeiro, inmobilidade; e, por suposto, interacción social, convivencia e celebración.
A exposición presenta dous escenarios completamente distintos nos que pezas de diferentes períodos e xéneros se resignifican coa mirada das nosas vivencias recentes. O primeiro componse de catro pinturas de gran formato, producidas na década de 1980, que teñen como motivo a figura humana. Realizadas con pinceladas densas, vibrantes e emotivas, estas obras crean un espazo simbólico no que flúe unha corrente multicolor de corpos de carácter arcaico, racial e antropomorfo. A. R. Penck elabora un repertorio de signos e figuras esquemáticas para que sexan comprensibles en todas as culturas. Miquel Barceló expresa a animalidade do ser humano cun xesto impulsivo e crispado. Jean-Michel Basquiat pinta unha máscara de beizos selados na que resoa a bestialidade do racismo. E Georg Baselitz pon as súas figuras do revés para tentar volver ser, para reaprender o mundo e restituír a emoción ao feito pictórico.
O segundo eido reúne imaxes máis próximas ao real. Xira arredor da experiencia vivencial e artéllase a través das oposicións entre exterior e interior, espazo privado e espazo público, e inmobilidade e movemento. Componse de varias obras de diversas disciplinas que amosan formas de reclusión e fraxilidade, seguidas de imaxes de convivencia, diversión e celebración colectiva. Anna Malagrida fotografa a incomunicación que xera a vida nas grandes cidades, e Liu Jianhua alude á ambición do capitalismo global representando a fraxilidade dos alicerces da arquitectura occidental nas cidades contemporáneas chinesas. Sam Taylor-Wood retrata o tedio e a soidade contemporáneas; Jean-Marc Bustamante resalta a animada reunión de adolescentes nunha discoteca, mentres que Vik Muniz reproduce e dá relevo á monumental masa humana que fotografou Weegee na praia de Coney Island, unha imaxe que se converteu nunha icona da fotografía e que, actualmente, nos semella inaudita. Afastados do balbordo e do ruído humano, artistas como Txomin Badiola, Jorge Barbi e Gino Rubert exploran os efectos do illamento para afondaren na súa identidade máis persoal. A exposición finaliza co exuberante bulicio humano que proxecta o vídeo de Stephen Dean: unha explosión de alegría dos espectadores nun charramangueiro estadio de fútbol, celebrando o seu triunfo.
 
Nimfa Bisbe, comisaria e xefa das
coleccións de arte da Fundación ”la Caixa”.
 

A Colección ”la Caixa” de  ArteContemporáneo reúne máis dun milleiro de obras desde a súa creación en 1985. Cunha clara vocación internacional, busca a representación de todas as prácticas artísticas, desde a pintura e a escultura ata a fotografía ou o videoarte. Un dos seus obxectivos pasa por conectar a arte española coas tendencias internacionais e constitúe un valioso fondo que permite difundir a arte contemporánea e fomentar o seu coñecemento e estudo.
Joseph  Beuys, Antoni Tàpies, Gerhard Richter, Bruce  Nauman ou Juan Muñoz son algúns dos nomes da colección, que sempre pretendeu mostrar a diversidade de discursos visuais e conceptuais da arte contemporáneo.

 

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes

Videos