BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


Exposición organizada pola Fundación MAPFRE en colaboración coa Fundación Barrié.

23-10-2018

A Fundación Barrié presenta na súa sede da Coruña a exposición da artista mexicana Graciela Iturbide. 

Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9 - 15003 A Coruña
 
Datas: 24 de outubro de 2018 – 27 de xaneiro de 2019

Carmen Arias Romero, Directora da Fundación Barrié, e Carlos Gollonet, Conservador Xefe de Fotografía da área de Cultura da Fundación MAPFRE durante o acto de presentación da exposición "Graciela Iturbide"

A Coruña, 23 de outubro de 2018.- Carmen Arias Romero, Directora da Fundación Barrié, e Carlos Gollonet, Conservador Xefe de Fotografía da área de Cultura da Fundación MAPFRE, presentaron hoxe a exposición “Graciela Iturbide”.
 
A exposición será inaugurada mañá, 24 de outubro ás 20 horas, por José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié, e Julio Domingo Souto, Director Xeral da Fundación MAPFRE.
 
A Fundación Barrié presenta na súa sede da Coruña a exposición da artista mexicana Graciela Iturbide, considerada como unha das fotógrafas máis influentes de América Latina. A mostra, composta por 156 fotografías, propón unha viaxe transversal pola obra de Graciela Iturbide que, partindo das súas imaxes máis antigas, chega ata a súa obra máis recente. Sen atender a unha estrita orde cronolóxica, os seus proxectos máis representativos quedan enlazados a aquelas temáticas que mellor definen o seu poderoso imaxinario creativo.
 
Con esta exposición, a Fundación Barrié prosegue a súa aposta pola contemporaneidade da fotografía, continuando a súa liña de exposicións temporais dedicada a clásicos da fotografía, que permitiu amosar as imaxes de grandes fotógrafos como Paul Strand, Arnold Newman, Edward Weston, Alfred Stieglitz, Ansel Adams, Català-Roca ou del brasileño Caio Reisewitz.

Graciela Iturbide (Cidade de México, 1942) é unha das fotógrafas mexicanas máis destacadas da escena contemporánea internacional. Ao longo de catro décadas foi construíndo unha obra absolutamente única, fundamental para comprender a evolución que tivo a fotografía en México e no resto de América do Sur.

A súa traxectoria como fotógrafa comeza a finais da década dos sesenta, tras ingresar no Centro de Estudos Cinematográficos de México. Alí, da man de Manuel Álvarez Bravo, o gran mestre da fotografía mexicana, descobre na cámara fotográfica o seu auténtico medio de expresión creativa.

Entre o documental e o poético, a súa singular forma de ollar integra o vivido e o soñado nunha complexa trama de referencias históricas, sociais e culturais. A fraxilidade das tradicións ancestrais e a súa difícil subsistencia, a interacción entre natureza e cultura, a importancia do rito na xestualidade cotiá ou a dimensión simbólica das paisaxes e obxectos atopados ao azar ocupan un lugar central na súa frutífera traxectoria.  A súa obra caracterízase por un continuo diálogo entre imaxes, tempos e símbolos; nun despregue poético onde o soño, o ritual, a relixión, a viaxe e a comunidade se mesturan.

Célebre polos seus retratos dos indios Seris, que habitan na rexión do deserto de Sonora, pola súa visión das mulleres de Juchitán (no Istmo de Tehuantepec,  Oaxaca), ou polo seu marabilloso ensaio sobre os paxaros que leva anos fotografando, o itinerario visual de Graciela Iturbide percorreu, ademais do seu México natal, países tan distintos como España, Estados Unidos, India, Italia e Madagascar. A súa curiosidade polas distintas formas de diversidade cultural converteron a viaxe nunha dinámica de traballo a partir da cal expresa a súa necesidade como artista: “fotografar como pretexto de coñecer”, segundo as súas mesmas palabras.
 
Ao igual que fotógrafos como Brassaï ou Christer Strömholm, con quen mantén importantes lazos de afinidade, Iturbide posúe unha rara habilidade para evitar nos seus encadres o que é obvio ou anecdótico. Ás veces este talento para enmarcar o que chama a súa atención pode traer consigo unha visión case mística do cotián; noutras, lévanos ao centro mesmo de cuestións cruciais de nosa sociedade.
 
Sexa como for, na obra de Graciela Iturbide sempre fica claro o seu talento para facer aflorar metáforas pouco usuais. Nosa Señora das iguanas ou O señor dos paxaros, por citar tan só algúns dos exemplos máis paradigmáticos, ilustran de forma explícita como na visión de Iturbide o acontecemento e a súa dimensión poética están intrinsecamente ligados.

Ao longo da súa carreira recibiu varios recoñecementos, entre os que destacan o premio Eugene Smith Memorial Foundation pola súa obra sobre Juchitán en 1988. De xeito paralelo a súa obra continúa obtendo o recoñecemento internacional: recibe o Gran Premio do Mois da Photo de París e o Gran Premio Internacional do Museo de Fotografía de Hokaido, Xapón. Foi así mesmo recoñecida co premio The Hasselblad Foundation International Award in Photography 2008, o máis alto galardón ao que un fotógrafo pode acceder na actualidade.
 
Fundación MAPFRE, consciente da importancia da obra de Graciela Iturbide, adquiriu entre os anos 2008 e 2011 a colección máis completa que existe do seu traballo, un total de cento oitenta e seis fotografías que supón un completo percorrido transversal pola súa obra desde os seus primeiros proxectos ata algún dos máis recentes.  Todas as fotografías que compoñen esta exposición pertencen ás coleccións de Fundación MAPFRE. 

PERCORRIDO DA EXPOSICIÓN

A exposición propón unha viaxe transversal pola obra de Graciela Iturbide que, partindo das súas imaxes máis antigas, chega ata as súas máis recentes fotografías. Sen atender a unha estrita orde cronolóxica, os seus proxectos máis representativos quedan enlazados a aquelas temáticas que mellor definen o seu poderoso imaxinario creativo.

Os que viven na area: Seris
Con este proxecto sobre os indios Seris do deserto de Sonora, que realiza en 1979 por encargo do Instituto Nacional Indixenista, Graciela Iturbide suscita unha reflexión que desborda as circunstancias específicas desta comunidade: a escisión que produce vivir entre dous sistemas de referencias culturais case antagónicos. Aquí tamén, como no seu proxecto de Juchitán, Graciela Iturbide adopta unha posición rompedora a respecto dos esquemas e principios unívocos establecidos á hora de fotografar unha cultura que foi estigmatizada.

Juchitán
Realizado entre 1979 e 1986, Juchitán das mulleres é sen dúbida o traballo que deixa unha pegada máis fonda na súa carreira e a consagra a nivel internacional. Neste proxecto, Iturbide dá conta da súa experiencia coas xentes de Juchitán (Oaxaca), especialmente coas mulleres. Fortes, independentes, politizadas, así é como as describe Graciela Iturbide. Lonxe de ofrecer unha visión idealizada ou anecdótica do indíxena, sérvese do seu sentido do humor e da ambivalencia do medio fotográfico para penetrar na complexidade dunha orde sociocultural distinta. 

Outras fronteiras
Aínda que o seu descubrimento do México rural e indíxena é fundamental nos inicios da súa traxectoria como fotógrafa, a exploración de Iturbide, que é tamén a da busca da identidade, non queda relegada ao seu propio país. A noción da viaxe acompaña toda a súa obra.

México: rituais de festa e morte
Desde os seus inicios a finais da década dos 60 ata finais dos 80, a obra de Iturbide reflicte o seu interese pola teatralidade da vida cotiá e as atmosferas carnavalescas das festas populares mexicanas, nas que conflúen os ritos católicos e as tradicións indíxenas. Trátase de fotografías nas cales non só pon de relevo a ironía coa que o imaxinario mexicano representa a morte, senón que tamén acentúan o carácter surrealista e grotesco destes ritos sociais

No Nome do Pai
Realizado en 1992, este proxecto amosa a visión de Iturbide sobre o sacrificio de centos de cabras que cada ano, e desde os tempos da conquista española, celébrase nas montañas mixtecas de Oaxaca. A partir da documentación do acontecemento, Iturbide afonda na pesada carga histórica que arrastra tras de si a tremenda violencia destas matanzas, evocando tamén as súas resonancias bíblicas, tal e como evoca o título deste traballo.

Xardíns
Desde 1998, Iturbide fotografou en diversas ocasións o Xardín Botánico de Oaxaca. En liña coas reflexións propostas nos seus traballos máis recentes a propósito da interrelación entre natureza e cultura, a dimensión que aflora nestas fotografías é a dun espazo natural domesticado que presenta unha profunda vulnerabilidade; un xardín cuxas especies autóctonas xa non poden sobrevivir se non é grazas a especiais coidados e atencións.              
Do mesmo xeito que nas fotografías de paisaxes e obxectos, a figura humana aparece esporadicamente e segue a estar presente de forma inequívoca a través dos seus rastros, que non fan senón ratificar aínda máis o sentimento da ausencia.

O Baño de Frida 
No ano 2006 Iturbide recibe o encargo de fotografar un dos baños da casa-museo de Frida Kahlo, en Coyoacán, que permanecera pechado desde a súa morte, en 1954. Consciente da devoción que esperta, Iturbide achégase a esta icona da cultura mexicana abrindo desde o seu propio espazo poético un diálogo coa obra da pintora e reinterpretando os seus obxectos e aparellos.

Paixases e obxectos
Desde finais dos anos 90, o traballo de Graciela Iturbide amosa unha clara predilección polas paisaxes e obxectos atopados ao chou, nos que prevalecen as atmosferas enigmáticas e misteriosas. A experiencia íntima e solitaria coa contorna, así como o carácter surrealista que adquiren algúns obxectos son unha constante nas súas fotografías máis recentes realizadas en México e no sur dos Estados Unidos.
En moitas delas a pegada humana, aínda perceptible, acentúa o sentimento de ausencia.  Tamén nos retratos realizados na India predomina o seu interese polos lugares calmos. Son unhas imaxes de desacougante beleza que achegan a súa ollada sobre o ritual, visto desde unha dimensión mística que transcende culturas e tradicións.

Autorretratos
O autorretrato reflicte a maneira na cal o seu autor quere ser visto polo mundo. A partir desta autorrepresentación, os artistas afondan no seu coñecemento sobre o máis profundo ou o máis superficial de si propios. A colección conta con varios autorretratos de Graciela Iturbide realizados entre 1979 e 2006. O primeiro é Autorretrato cos indios seris, deserto de Sonora, México, no cal a artista se identifica con esta comunidade e se retrata como un dos seus membros. O diálogo que inicia Iturbide coas comunidades indíxenas vaise converter paralelamente nunha busca persoal, unha indagación sobre o seu eu máis profundo que enfía cos autorretratos posteriores, en que aparecen as súas obsesións e retrata o seu subconsciente. 

RECURSOS DISPONIBLES

Videos