BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
Nova data de clausura: 26 de xullo de 2020
A Fundación Barrié prorroga na súa sede da Coruña a exposición Chagall. Fábulas e Soños.
Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9 - 15003 A Coruña
Datas: 12 de marzo de 2020 – 26 de xullo de 2020
A exposición, que tiña previsto o seu peche para o 28 de xuño, prorrogarase até o domingo, 26 de xullo.
VISITAS GUIADAS:
Así mesmo se ofrecerán visitas guiadas cunha capacidade do recinto reducida, abertas a particulares e a grupos. Capacidade mínima de 10 persoas e capacidade máxima de 25 persoas.
As visitas ofreceranse os venres ás 18h e os sábados e domingos ás 12h.
Cómpre unha reserva previa. O prazo abrirase mañá e as reservas pódense efectuar na web da Fundación Barrié en: www.fundacionbarrie.org/didactica-chagall
Tanto a entrada á exposición como as visitas guiadas son de balde.
A exposición
Trátase da maior exposición de obra gráfica de Marc Chagall, un dos pintores e artistas gráficos máis importantes do século XX e un dos artistas máis inclasificables. O seu estilo pictórico tan persoal, cun fondo coñecemento expresivo da color, está vinculado ás lembranzas da súa infancia, á natureza, á poesía, á fantasía e ao folclore xudeu e da vida na súa vila natal.
Máis dun cento de obras ofrecerán un percorrido seriado da obra gráfica de Marc Chagall que abranguen o período dende 1927 até 1968 e permiten ao visitante apreciar a evolución do artista ruso no manexo da prancha, así como o seu dominio das diferentes técnicas de impresión.
O percorrido da exposición propón catro series de obras gráficas de Marc Chagall:
As Fábulas de La Fontaine, malia que tan só foron publicadas como obras completas en 1952 grazas ao editor Tériade, forman parte dos tres conxuntos de ilustracións encargados polo galerista e editor Ambroise Vollard, que inclúe ademais de As Fábulas, As almas mortas e a Biblia. Nas láminas realizadas entre 1927-1930 vemos a Chagall entregarse ao augaforte con resultados extraordinarios. Nelas apréciase a creatividade técnica do artista no variado do trazo, no uso do verniz para obter efectos pictóricos e dos cepillos de púas para crear entramados de signos.
As Fábulas de La Fontaine acabaron erixíndose no transcurso de case tres séculos en emblema do clasicismo e da idiosincrasia francesa. Cando Vollard elixiu a Chagall para ilustralas, estalou en Francia unha polémica, tinxida de antisemitismo. Foi o propio editor quen lembrou as raíces heteroxéneas e multiculturais de As Fábulas. Nas súas láminas, o artista ruso non segue os camiños trillados da sátira ou da pedagoxía, senón que se enfronta ao texto omitindo as ensinanzas morais e decantándose pola intensidade pictórica dunha escena, dun fragmento.
Na serie de 1957 titulada Chagall, o visitante pode admirar unha das primeiras publicacións ilustradas con litografías en cor, camiño iniciado coas famosas Mil e unha noites de 1948. Estas obras foron concibidas para acompañar un ensaio sobre o artista ruso de Jacques Lassaigne, historiador e crítico de arte parisiense que se conta entre os máis influentes estudosos da Arte Moderna. O artista alterna composicións marcadamente monocromáticas con xogos de cor no espectro das cores primarias e secundarias onde trazo, grafismo, debuxo e fondo se amalgaman. O medio litográfico libera en Chagall novas potencialidades expresivas á vez que acolle algúns dos elementos máis destacados do seu aparato iconográfico.
A exposición continúa con Chagall Litographe (1960), serie de estampas realizadas para o primeiro volume do catálogo razoado da obra litográfica do artista. Libros que son verdadeiros e xenuínos libros de artista, acompañados dunha colección de obras orixinais de altísimo nivel. Ademais de que poidamos admirar canto progresou o seu dominio do medio litográfico, obsérvase que a serie se desenvolve arredor de núcleos temáticos bastante delineados: o circo, os amantes, París, a mestura do humano e do animal e do masculino e o feminino e o anxo, sen que Chagall deixe de lado as constantes referencias autobiográficas.
O percorrido conclúe con Poèmes (1968), que representa unha das obras mestras dos libros de artista do século XX. Os 24 gravados, pensados para acompañaren unha escolma de poemas de Chagall compostos entre 1930 e 1964, son, por realización técnica e concepción, o resultado da plena madurez do artista no ámbito da obra gráfica. 138 pranchas de madeira e dous anos de traballo testemuñan a enorme dimensión do proxecto. Chagall elixe a xilografía para combinala co collage. Se ben estas obras non perden en liberdade expresiva en relación co medio litográfico, parecen renunciar ao inmediato por un traballo que escava máis a fondo sobre o soporte, unha escavación por capas. As composicións preséntanse como un ensaio, mesurado e variable ao tempo, da poética chagalliana. Elementos ao xeito de ready-mades narrativos que, nunha mestura do sagrado e do profano, do autobiográfico e do onírico, ofrecen ao espectador un compendio íntimo e moi vivo da obra do artista.
MARC CHAGALL (Vítebsk, Imperio ruso, 7 de xullo de 1887 - Saint-Paul de Vence, Francia, 28 de marzo de 1985)
Marc Chagall, chamado en realidade Moishe Segal, naceu en Bielorrusia, sendo o fillo maior de nove irmáns. A súa formación comeza en San Petersburgo, xunto ao innovador pintor ruso e deseñador escenográfico Léon Bakst. En 1910 trasladouse a París, cidade que impactou fortemente na súa vida e obra e na que chegou a expor a súa obra no Salon d’Automne e no Salon des Indépendants. Foi o poeta Apollinaire quen lle presentou ao marchante alemán Herwarth Walden e este organizou a súa primeira exposición individual en Berlín en 1914.
En 1915 volveu á súa cidade natal Vítebsk, onde estalou a guerra. Este mesmo ano casou con Bella Rosenfeld. Rematada a Revolución rusa, asumiu a dirección da Escola de Arte de Vítebsk, cargo que tivo que abandonar polas súas diferenzas con Kazimir Malévich. En 1919 asumiu a dirección do Teatro Estatal Xudeu de Moscova.
Tras un breve paso por Berlín, en 1923 Marc Chagall marchou para Francia. En 1941 trasladouse aos Estados Unidos para evitar ser deportado. Cinco años máis tarde o Museum of Modern Art de Nova York celebrou unha exposición retrospectiva da súa obra que consolidou a súa reputación internacional de xeito definitivo. En 1948 volveu a Francia onde viviría durante o resto da súa vida.
Despois da tráxica morte de Bella en 1954, Marc Chagall casou con Valentina Brodskaya, a quen alcumaba “Vava”. Aínda que o novo matrimonio foi moi feliz, Bella sempre foi a súa musa principal.
Desenvolveu a súa traxectoria artística en diferentes campos como a ilustración, a cerámica, os mosaicos, murais de producións teatrais – pintou tamén o teito da ópera de París-, ou o deseño de vidreiras como as da catedral de Metz ou da sinagoga do Hebrew University Hadassah Medical Centre de Xerusalén. Traballou até o derradeiro día da súa vida, o 28 de marzo de 1985 o pintor de 97 anos morreu nun elevador despois de estar todo o día no seu estudo.
Exposición organizada en colaboración coa Colección The Art Company
Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9. A Coruña
Datas: 12 de marzo 2020 – 26 de xullo de 2020
Horario: dende luns até domingo (festivos incluídos):
11h-14h e 17h-20h / Entrada de balde
Para máis información contacte con:
Suzana Mihalic. Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa Fundación Barrié
Tel: 00 34 659 459 030 / 981 060 091 /
smihalic@fbarrie.org / www.fundacionbarrie.org
“A utilización de imaxes facilitadas polo Departamento de Comunicación da Fundación Barrié que reproduzcn obras de arte está suxeita ao previsto na normativa vixente e, en particular, no Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual. Os usuarios de ditas imaxes serán responsables de solicitar as autorizacións e/ou licencias que sexan preceptivas e, no seu caso, de abonar os dereitos de autor aos seus titulares ou ás entidades de xestión que os representen.
A Fundación Barrié non se fai en ningún caso responsable dos danos ou prexuízos que se puidesen derivar da utilización ilexítima de reproducións de obras de arte por parte de terceiros non autorizados ou da infracción por parte destes de calquera disposición legal vixente.”