BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


14-02-2020

A Fundación Barrié presenta na súa sede da Coruña a exposición Chagall. Fábulas e Soños organizada en colaboración coa Colección The Art Company de Italia.

Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9 - 15003 A Coruña
 
Datas: 12 de marzo de 2020 – 26 de xullo de 2020

Inauguración: 12 de marzo ás 20.00h

Marc Chagall / Poemas_ Gravado 13, 1968 / Xilografía e Collage
© VEGAP, A Coruña, 2020. - Chagall ®

A Coruña, 14 de febreiro de 2020.- A Fundación Barrié presenta o xoves 12 de marzo ás 20.00h a maior exposición de obra gráfica de Marc Chagall, un dos pintores e artistas gráficos máis importantes de século XX e un dos artistas máis inclasificables. O seu estilo pictórico tan persoal, cun fondo coñecemento expresivo da cor, está vinculado ás lembranzas da súa infancia, á natureza, á poesía, á fantasía e ao folclore xudeu e da vida na súa vila natal.
Máis dun cento de obras ofrecerán un percorrido seriado da obra gráfica de Marc Chagall que cobren o período dende 1927 ata 1968 e permiten ao visitante apreciar a evolución do artista ruso no manexo da prancha, así como o seu dominio das diferentes técnicas de impresión.
 
Con esta exposición, organizada en colaboración coa Colección The Art Company  de Italia,  a Fundación Barrié dá continuidade á revisión de obras de grandes mestres da historia da arte e, neste caso, á obra sobre papel, como o foi tamén a recente exposición de debuxos de Rembrandt ou Rubens na mostra Trazos Mestres, organizada co Victoria and Albert Museum de Londres.
 
Durante o transcurso da exposición, a Fundación Barrié organizará unha serie de actividades complementarias, entre elas obradoiros didácticos para centros de ensino, colectivos de diversidade funcional e familias.
 
Clement Greenberg, un dos críticos de arte máis importantes do século XX e considerado profeta do Expresionismo Abstracto nos Estados Unidos, afirmou: “En tanto que augafortista e litógrafo, Chagall se sitúa entre os mellores e non ten rival, a excepción de Picasso, neste século”.
 
Entre as series que se exporán destacan As Fábulas de La Fontaine que, malia que tan só foron publicadas como obras completas en 1952 grazas ao editor Tériade, forman parte dos tres conxuntos de ilustracións encargados polo galerista e editor Ambroise Vollard.
 
Nas láminas vemos a Chagall entregarse ao augaforte con resultados extraordinarios. Nelas apréciase a creatividade técnica do artista no variado do trazo, no uso do verniz para obter efectos pictóricos e dos cepillos de púas para crear entramados de signos.
 
Aínda que As Fábulas de La Fontaine acabaron erixíndose no transcurso de case tres séculos en emblema do clasicismo e da idiosincrasia francesa, cando Vollard elixiu a Chagall para ilustralas, estalou en Francia unha polémica, tinguida de antisemitismo. Foi o propio editor quen lembrou as raíces heteroxéneas e multiculturais de Las Fábulas. Nas súas láminas, o artista ruso non segue os camiños trillados da sátira ou da pedagoxía, senón que se enfronta ao texto omitindo as ensinanzas morais e decantándose pola intensidade pictórica dunha escena, dun fragmento.
 
Outra serie destacada é Poèmes (1968), que representa unha das obras mestras dos libros de artista do século XX. Os 24 gravados, pensados para acompañar unha selección de poemas de Chagall compostos entre 1930 e 1964, son, por realización técnica e concepción, o resultado da plena madurez do artista no ámbito da obra gráfica. 138 pranchas de madeira e dous anos de traballo dan testemuño da enorme dimensión do proxecto. Nesta serie, Chagall elixe a xilografía para combinala co collage.
 
Se ben estas obras non perden en liberdade expresiva en relación co medio litográfico, semellan renunciar ao inmediato por un traballo que escava máis a fondo sobre o soporte, unha escavación por capas. As composicións preséntanse como un ensaio, mesurado e variable ao tempo, da poética chagalliana. Elementos á maneira de ready-mades narrativos que, nunha mestura do sagrado e do profano, do autobiográfico e do onírico, ofrecen ao espectador un compendio íntimo e moi vivo da obra do artista.
 
 
MARC CHAGALL (Vítebsk, Imperio ruso, 7 de xullo de 1887 - Saint-Paul de Vence, Francia, 28 de marzo de 1985)
 
Marc Chagall, chamado en realidade Moishe Segal, naceu en Bielorrusia, sendo o fillo maior de nove irmáns. A súa formación comeza en San Petersburgo, xunto ao innovador pintor ruso e deseñador escenográfico  Léon Bakst. En 1911 trasladouse a París, cidade que impactou fortemente na súa vida e obra e na cal chegou a expor a súa obra no Salon d’Automne e no Salon des Indépendants. Foi o poeta Apollinaire quen lle presentou ao marchante alemán Herwarth Walden e este organizou a súa primeira exposición individual en Berlín en 1914.
 
En 1915 volveu á súa cidade natal Vítebsk, onde estalou a guerra. Este mesmo ano casou con Bella Rosenfeld.  Finalizada a Revolución rusa asumiu a dirección da Escola de Arte de Vítebsk, cargo que tivo que abandonar polas súas diferenzas con Kazimir Malévich. En 1919 asumiu a dirección do Teatro Estatal Xudeu de Moscova.
 
Tras un breve paso por Berlín, en 1923 Marc Chagall marchou para Francia. En 1941 trasladouse a Estados Unidos para evitar ser deportado. Cinco anos máis tarde o Museum of Modern Art de Nova York celebrou unha exposición retrospectiva da súa obra que consolidou a súa reputación internacional de forma definitiva. En 1948 volveu a Francia onde viviría durante o resto da súa vida.
 
Despois da tráxica morte de Bella en 1944, Marc Chagall casou con Valentina Brodskaya, á cal alcumaba “Vava”. Aínda que o novo matrimonio foi moi feliz, Bella sempre foi a súa musa principal.
 
Desenvolveu a súa traxectoria artística en diferentes eidos como a ilustración, a cerámica, os mosaicos, murais de producións teatrais – pintou tamén o teito da ópera de París-, ou o deseño de vidreiras como as da catedral de Metz ou da sinagoga do Hebrew University Hadassah Medical Centre de Xerusalén. Traballou ata o derradeiro día da súa vida, o 28 de marzo de 1985 o pintor de 97 anos morreu nun elevador logo de estar todo o día no seu estudio.
 
 
Lugar: Fundación Barrié. Cantón Grande, 9. A Coruña
Inauguración: 12 de marzo - 20.00h
Datas: 12 de marzo 2020 – 26 de xullo de 2020
Horario: dende luns ata domingo (festivos incluídos):
11h-14h e 17h-20h
Entrada de balde
 
Para máis información contacte con:
Suzana Mihalic. Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa Fundación Barrié
Tel: 00 34 659 459 030 / 981 060 091 /
smihalic@fbarrie.org / www.fundacionbarrie.org
 


“A utilización de imaxes facilitadas polo Departamento de Comunicación da Fundación Barrié que reproduzcn obras de arte está suxeita ao previsto na normativa vixente e, en particular, no Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual. Os usuarios de ditas imaxes serán responsables de solicitar as autorizacións e/ou licencias que sexan preceptivas e, no seu caso, de abonar os dereitos de autor aos seus titulares ou ás entidades de xestión que os representen.
A Fundación Barrié non se fai en ningún caso responsable dos danos ou prexuízos que se puidesen derivar da utilización ilexítima de reproducións de obras de arte por parte de terceiros non autorizados ou da infracción por parte destes de calquera disposición legal vixente.”




1

RECURSOS DISPONIBLES

Imaxes