BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2022

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


O ciclo é organizado en colaboración coa Real Asociación Amigos Museo Reina Sofía.

06-04-2018

  • A Fundación Barrié organiza a segunda edición do ciclo de conferencias en colaboración coa Real Asociación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía co obxectivo de analizar non só as orixes míticas e máxico-relixiosas perdurables na arte contemporánea, senón tamén a súa moi diversa interpretación por parte dos máis egrexios representantes das vangardas do século XX e da actualidade.
  • As conferencias serán a cargo de expertos como o catedrático de Historia da Arte da Universidade Complutense de Madrid, Francisco Calvo Serraller; o profesor de Historia da Arte da Escola de Arquitectura de Barcelona, Juan José Lahuerta; o doutor en Filosofía, Félix de Azúa e a directora da Real Asociación Amigos do Museo Nacional Reina Sofía, Marga Paz.
  • O ciclo de conferencias reafirma o compromiso da Fundación Barrié coa arte contemporánea que manifesta a través da súa colección de pintura contemporánea internacional e a celebración de diversos eventos ao seu redor.
  • As conferencias son de entrada libre e celebraranse ás 20h o xoves, 12 de abril; o mércores 25 de abril e os xoves 10 e 24 de maio na sede da Fundación Barrié na Coruña.

Conferenciantes: Francisco Calvo Serraller, Juan José Lahuerta, Félix de Azúa e Marga Paz

A Coruña, 6 de abril de 2018.- A Fundación Barrié organiza un novo ciclo de conferencias en colaboración coa Real Asociación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía no cal trata de analizar non só as orixes míticas e máxico-religiosas perdurables na arte contemporánea, senón tamén a súa moi diversa interpretación por parte dos máis egrexios representantes das vangardas do século XX e da actualidade.

En efecto, desde Kandinsky, Klee, Denis, Matisse, Picasso, Mondrian, Chagall, Rouault, Malevich, etc., ata Warhol, Beuys, Tàpies, Spencer, Bacon, Rothko, Newman, Turrell, Kapoor ou Bill Viola, se falamos de artistas plásticos; pero tamén de Stravinski a Messiaen, se o facemos de grandes compositores musicais; de Gaudí a Le Corbusier, en arquitectura; ou, en fin, de Dreyer a Rosellini, Bergman, Tarkovski, Malick, Cronenberg ou Sokurov no cinema...., encontrámonos cun ricaz manancial de reinterpretacións do sagrado na nosa época, aínda que non por iso os artistas que o acometen sexan crentes no senso relixioso tradicional. Polo demais, non esquezamos que unha das correntes vangardistas máis amplas e influentes do século XX, a do surrealismo, abordou o asunto desde múltiples perspectivas.

Polo tanto profundar neste tema pode resultar moi interesante, se se fai ademais a través de figuras senlleiras e obras moi significativas, presentadas polos mellores especialistas; mais tamén se enriquece desde a perspectiva da secularizada sociedade contemporánea, que, tendo “encriptado o sagrado”, cada vez sabe recoñecelo menos.

PROGRAMA

Xoves, 19 xaneiro – 20 horas
Picasso: a sacralización da vida
Francisco Calvo Serraller, catedrático de Historia da Arte, Universidade Complutense de Madrid

Resumo conferencia
Universalmente considerado como o artista máis emblemático da arte moderna do século XX, o tema de “A violencia e o sagrado na arte contemporánea” encáixalle a Picasso, coma “unha luva”. En primeiro lugar, polo que representa este tema, en xeral, como unha das formas de asimilar a herdanza do sacramental nunha sociedade secularizada, pero, tamén, dada a súa peculiar formación antropolóxica en España, un país de sólida formación relixiosa, porque arrastra unha rica e complexa tradición que alimenta a súa imaxinación nesta dirección. Neste sentido, en toda a súa dilatada traxectoria, Picasso constantemente insiste no tema do sacrificio, pagán e cristián, nesta temática simbólica. A conferencia aborda esta cuestión de maneira sintética, amosando unha variedade de exemplos de como o artista español insiste neste asunto desde as perspectivas máis diversas, o cal o converte nunha referencia esencial como introdución para un curso con estas características.

Mércores 25 de abril
Antoni Gaudí: arquitectura, relixión, revolución e iconoclastia
Juan José Lahuerta

Xoves 10 de maio
Crash: o sacrificio mecánico. De Warhol a Cronenberg
Félix de Azúa

Xoves 24 de maio
Os dous hemisferios do sagrado: Bill Viola e Anish Kapoor
Marga Paz

BIOGRAFÍAS RELATORES

Francisco Calvo Serraller é director do Museo do Prado entre 1993 e 1994 e membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Doutor Honoris Causa pola Universidade de Salamanca, vogal do Consello Reitor do Instituto Valenciano de Arte Moderna e membro fundador e vogal do Padroado da Fundación Amigos do Museo do Prado. Dirixe cursos en diversas institucións (Universidade Internacional Menéndez Pelayo, Fundación Amigos do Museo do Prado, Real Asociación de Amigos do MNCARS) e participa en congresos e seminarios internacionais. Crítico de arte e director da colección de arte en distintas editoriais. Dirixe xunto a Miguel Zugaza a Enciclopedia del Museo del Prado. Comisario de importantes exposicións como: Goya. La imagen de la mujer, Picasso. Tradición y vanguardia, Pintura española de El Greco a Picasso, Modigliani y su tiempo, Arte español en la colección del IVAM, Goya y el infante Don Luis: reino y exilio e El Museo del Prado y los artistas contemporáneos.

Juan José Lahuerta é profesor de Historia da Arte na Escola de Arquitectura de Barcelona. É autor de distintos libros sobre temas de arte e arquitectura contemporáneas, como por exemplo, entre outros, 1927. La abstracción necesaria (1989), Antoni Gaudí. Arquitectura, ideología y política (1993), Decir Anti es decir Pro. Escenas de la vanguardia en España (1999), El fenómeno del éxtasis (2004), Estudios antiguos (Premio internacional de ensaio do Círculo de Belas Artes 2009), Humaredas. Arquitectura, ornamentación, medios impresos (2010), Religious Painting. Picasso and Max von Moos (2014), Photography or Life. Popular Mies (2015), On Loos, Ornament and Crime (2015), Marginalia. Aby Warburg, Carl Einstein (2015), Gaudí. Fire and Ashes (2016). É membro do consello de redacción de Casabella (Milano) e fundador e director da editorial Mudito & Co (Barcelona). Entre outras cousas foi asesor do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), membro do Collegio Docente no IUAV (Venezia), “senior curator” do Museu Picasso (Barcelona), profesor en New York University, e Xefe de Coleccións do Museo Nacional de Arte de Cataluña. Actualmente é o director da Cátedra Gaudí.

Félix de Azúa é doutor en Filosofía e catedrático xubilado de Estética, é colaborador habitual do diario El País. Publicou os libros de poemas Cepo para nutria, El velo en el rostro de Agamenón, Edgar en Stephane, Lengua de cal y Farra. A súa poesía está reunida, ata 2007, en Última sangre. Publicou as novelas Las lecciones de Jena, Las lecciones suspendidas, Ultima lección, Mansura, Historia de un idiota contada por él mismo, Diario de un hombre humillado (Premio Herralde), Cambio de bandera, Demasiadas preguntas e Momentos decisivos. A súa obra ensaística é ampla: La paradoja del primitivo, El aprendizaje de la decepción, Venecia, Baudelaire y el artista de la vida moderna, Diccionario de las artes, Salidas de tono, Lecturas compulsivas, La invención de Caín, Cortocircuitos: imágenes mudas, Esplendor y nada e La pasión domesticada. Os libros recentes son Ovejas negras, Abierto a todas horas, Autobiografía sin vida (Mondadori, 2010), Autobiografía de papel (Mondadori, 2013), La invención de Caín (Debate, 2015), Génesis (Literatura Random House, 2015) e Nuevas lecturas compulsivas (Círculo de Tiza, 2017).
En xuño de 2015, foi elixido membro da Real Academia Española para ocupar a cadeira "H".
Escritor experto en todos os xéneros, a súa obra caracterízase por un notable sentido do humor e unha profunda capacidade de análise.

Marga Paz é directora-xerente da Real Asociación Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Estudou Historia da Arte na Universidade Complutense de Madrid e na Université da Sorbonne, París IV. Entre 1984 e 1986 foi comisaria de exposicións nos madrileños Centro de Exposicións do Ministerio de Cultura, Biblioteca Nacional ou Palacio de Velázquez. Durante a etapa 1986-1992 dirixiu en Madrid a Galería Marga Paz e en 1992-94 a londinense Galería Anthony D’Offay. Desde 1994 ata a actualidade foi comisaria de exposicións na Fundación Serralves (Oporto), Sala Rekalde (Bilbao), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), IVAM (Valencia), Centro Atlántico de Arte Moderna (As Palmas de Gran Canaria), Museo de Belas Artes de Bilbao, Museum Frieder Burda (Baden-Baden), Fundación Caixa de Pensions (Barcelona) ou Bucherius Kunst Forum (Hamburgo). Andy Warhol, Richard Long, Roberto Matta, Gilbert & Georges, Oskar Schlemmer, Richard Hamilton, Christopher Wool, Magdalena Abakanowicz ou Francis Picabia son algúns dos artistas con cuxa obra ten traballado.