BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
-
Por capacidade de actualización, número de visitas e prestixio, o Portal das Palabras é unha das maiores referencias en léxico, tres anos despois da súa presentación.
-
A web que se presenta conta con máis propostas, utilidades, capacidade de adaptación e posibilidade de crecer.
-
As melloras na aparencia e funcións das renovadas versións para Android e iOS do Dicionario convértenas nunhas das máis innovadoras de Europa. Integran unha versión dos xogos específica para dispositivos móbiles.
-
A RAG e a Fundación Barrié comezan un proceso de internacionalización para que a metodoloxía e tecnoloxía do portal e as apps poidan ser utilizadas libremente por calquera outra lingua do mundo.
A Coruña, 16 de xuño de 2016 - A Fundación Barrié e a Real Academia Galega fan balance dos tres anos de Portal das Palabras, xunto con outros avances operados no Dicionario, tanto na súa versión web como nas aplicacións para móbiles. Son tres anos de cambios que se manifestaron na depuración do Dicionario, un contacto máis estreito coa sociedade formando unha comunidade pendente das novidades do portal e incluso aspectos menos visibles como unha plataforma electrónica para o traballo dos académicos no desenvolvemento do léxico.
O Portal das Palabras é unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e de difusión da nosa lingua. O Seminario de Lexicografía da RAG é o responsable dos contidos mentres que o desenvolvemento técnico se fai coa colaboración da Fundación Barrié. Desde os inicios concibiuse como un proxecto vivo e proba diso son as novidades que se presentaron hoxe na sede da Real Academia Galega, nun acto no que participaron o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; o presidente da Fundación Barrié, José María Arias; e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo.
“O portal debe medrar en profundidade implantándose aínda máis na sociedade galega e cara ao exterior pois queremos atopar instrumentos para compartir a nosa experiencia e recibir a experiencia allea”, declarou José María Arias, presidente da Fundación Barrié. Nesta liña, o Portal das Palabras estase a preparar para que a súa tecnoloxía e metodoloxía poidan ser transferidas a outras linguas, iniciativa que se presentará o vindeiro 23 de xuño no encontro Hizargiak, que se celebrará en Hernani (Gipuzkoa) diante de representantes de máis de oitenta linguas europeas.
Nos vindeiros meses, as entidades do noso territorio lingüístico poderán facer adaptacións do Portal das Palabras, creando o seu portal propio e específico. Crearase deste xeito unha rede de webs asociadas.
En palabras de José María Arias, presidente da Fundación Barrié: "O portal debe medrar en profundidade implantándose aínda máis na sociedade galega e cara ao exterior pois queremos atopar instrumentos para compartir a nosa experiencia e recibir a experiencia allea"
Novidades no Dicionario
Unha das ferramentas máis innovadoras, en funcionamento a partir de hoxe mesmo, é un bot para Facebook ,“Dicionario RAG” que define termos por medio do Messenger desta rede social.
A nova versión do portal incorpora tamén un sistema de colaboración para a mellora do Dicionario dándolle voz aos usuarios. A través da lapela “Axúdanos a mellorar”, visible ao final de cada busca dun termo, esta función permítelles enviar observacións, propoñer actualizacións ou melloras das definicións. O texto preditivo do Dicionario incorpora ademais as palabras que se recollen como entradas non correctas e as buscas contemplan a alternancia de xénero. Un sistema de procura das últimas voces actualizadas e o conxugador de verbos completan o renovado Dicionario na Rede.
Aplicacións móbiles
O Portal das Palabras tamén estrea novas versións das aplicacións para Android e iOS do Dicionario, unhas das máis innovadoras de Europa. Agora a base de termos que se poden buscar e definir actualízase automaticamente e desde calquera terminal móbil, e as palabras do día e as definicións poden ser compartidas tamén por Whatsapp e outras utilidades de chat.
Xogos desde os móbiles e tabletas
Outra novidade é a utilidade que permite compartir en redes sociais o resultado dos xogos, así como unha versión destes especialmente preparada para xogar só co polgar desde un teléfono móbil.
Novas seccións
O 13 de xuño de 2013 naceu o Portal das Palabras. Desde esa data, e os 365 días do ano, o portal dálles os bos días aos seus seguidores cun novo termo a través da “Palabra do Día”. A explicación do seu significado vai acompañada da etimoloxía e de exemplos do seu uso tirados da literatura galega. A nova versión incorpora un buscador de palabras do día ordenadas por data ou alfabeticamente.
Seccións como esta, a de xogos, “Setestrelo”, “Mira que din” ou os vídeos de “Pregúntalle á Academia” converteron o Portal das Palabras nun espazo de referencia no seu eido tanto para calquera persoa con curiosidade pola lingua como para a comunidade escolar.
A oferta amplíase agora con “Allos con Bugallos”, que ofrece diversos contidos de interese lexicográfico e lingüístico en xeral da nosa lingua e doutros sistemas; e co arquivo “Palabras Traballadas”, que localiza calquera termo sobre o que se publicou algún contido. Cada semana publicarase ademais unha experiencia na rede relacionada co léxico e a lingua.