BUSCAR
Memoria Anual 2022
IDENTIDADE VISUAL CORPORATIVA
SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER
Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié
Subscribirse
CONTACTO DE PRENSA
Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa
T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org
-
Con este convenio, a Fundación Barrié destinará 1.000.000 euros ao «Programa Vivenda», enfocado á concesión de axudas puntuais e directas en materia de vivenda a familias afectadas pola actual crise económica derivada da pandemia da Covid-19.
-
As accións que se emprenderán no marco deste programa estarán encamiñadas a facilitar ferramentas para que as persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social poidan manter ou acceder a unha vivenda digna.
-
O programa desenvolverase a nivel autonómico ao longo de catro anos a través da rede das cinco Cáritas Diocesanas de Galicia: Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Mondoñedo-Ferrol e Ourense.
A Coruña, 1 de decembro de 2020: José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, e Anuncio Mouriño, director de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e coordinador das Cáritas Diocesanas en Galicia asinaron hoxe, na sede da Fundación Barrié na Coruña, un convenio polo cal a Fundación Barrié pon en marcha, dentro da súa área social, o Programa Vivenda, enfocado á concesión de axudas puntuais e directas en materia de vivenda a familias afectadas pola actual crise económica. Á presentación asistiron tamén Eugenio Gonzalo Davila, director de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo; Ginés F. Praza, director de Cáritas Diocesana de Lugo; Mª Vitoria González, directora de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol; María Tabarés, directora de Cáritas Diocesana de Ourense, e Javier Alonso Docampo, delegado episcopal de Acción Caritativa e Social Diócesis Tui-Vigo.
A Fundación destinará 1.000.000 euros a este programa, que se desenvolverá a nivel autonómico ao longo de catro anos a través da rede das cinco Cáritas Diocesanas de Galicia: Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Mondoñedo-Ferrol e Ourense.
Na súa intervención, José María Arias, presidente da Fundación Barrié, afirmou que:
«Agora máis que nunca, e ante a preocupante situación que atravesa a sociedade, a Fundación Barrié dálles prioridade nos seus orzamentos, que permanecen inalterables, a aquelas actividades orientadas directamente a impulsar o desenvolvemento da nosa terra. E iso pasa por fortalecer os programas con maior efecto multiplicador de cara ao desenvolvemento de Galicia, como os educativos, por suposto, e, obviamente, nestas circunstancias, os enfocados ao ámbito social. E velaquí o punto no que nos atopamos con esta colaboración con Cáritas».Cáritas fornecerá os seus recursos humanos e infraestrutura en toda Galicia para a xestión e concesión destas axudas, que se tramitarán a través das sedes de Cáritas parroquiais ou diocesanas.
As actuacións que se levarán a cabo no marco do programa estarán encamiñadas a facilitar ferramentas para que as persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social poidan manter ou acceder a unha vivenda digna:
- Liña de axudas de emerxencia ao pagamento de alugueiro ou hipoteca de vivenda habitual e permanente, así como seguros de fogar e de falta de pagamento do alugueiro, fianzas, cotas da comunidade de propietarios e recibos de subministracións básicas.
- Apoio ao Programa de Pisos de Acollida de Cáritas, centrado na creación dunha infraestrutura de aloxamento de carácter temporal que, ademais de vivenda, ofreza unha atención integral mediante o acompañamento educativo, laboral e social daquelas persoas que, por mor da súa situación de vulnerabilidade, quedaron sen acceso a unha vivenda. As axudas a esta rede de pisos irán dirixidas á reparación, mantemento e reposición de instalacións e equipamentos, así como ao pagamento de alimentación, recibos de subministracións e cotas da comunidade de propietarios.
- Axudas destinadas á mellora das condicións de habitabilidade de vivendas en propiedade que se atopen en situación de risco ou en situación precaria.
Metodoloxía e avaliación de impacto
A atención individualizada ou grupal e o acompañamento familiar constitúen espazos e ferramentas metodolóxicas enfocados á acción coas persoas e familias participantes no proxecto. A vinculación a un plan de traballo con compromisos e corresponsabilidades é a estratexia principal coa que se conta para levar a cabo un proceso coherente e avaliable.
O problema da vivenda en Galicia
O Informe sobre Exclusión y Desarrollo Social en Galicia, 2019, de FOESSA (Fomento de Estudios Sociales y Sociología Aplicada), pon de manifesto que a vivenda é a principal causa de exclusión social en Galicia, mesmo por diante do emprego.
Consonte o informe, o 35,3 % da poboación de Galicia (en termos absolutos, preto de 955.000 persoas) xa se atopaba afectada por problemas relacionados coa vivenda antes da pandemia. Entre o 2013 e o 2018, a poboación galega afectada aumentou un 23,1 %. As problemáticas máis frecuentes son as relativas ao pagamento dos gastos relacionados coa vivenda (subministracións, pagamentos de hipoteca e alugueiro) e a dos fogares en vivendas insalubres.
Colaboración ENTRE A FUNDACIÓN BARRIÉ E CÁRITAS
A colaboración entre a Fundación Barrié e Cáritas remóntase ao ano 2009 coa posta en marcha do Programa de Axudas de Emerxencia Social, destinado a familias galegas afectadas pola anterior crise económica (2009-2014). Entre os anos 2015 e 2018, afianzan a súa colaboración estratéxica co Programa de Atención a Menores e Educación Familiar, orientado á loita contra o abandono escolar. A cantidade total achegada pola Fundación Barrié ás Cáritas galegas ata a data ascende a 3,7 millóns de euros.
RECURSOS DISPONIBLES
Imaxes
Videos