Folleto da exposición "Francisco Llorens (1874-1948)"
A do carapucho vermello, 1924
Francisco Llorens (A Coruña 1874-Madrid 1948), profesor, pintor e debuxante, está considerado como o primeiro paisaxista galego da Historia da Arte. Formado na Coruña e Madrid, alumno da Escola de Belas Artes de San Fernando e discípulo de Sorolla, pensionado da Academia Española de Roma e viaxeiro por Europa, Llorens atopou en Galicia o contorno natural ideal para se expresar de xeito artístico. Relacionado coa intelectualidade galaica e figura senlleira do Rexurdimento, ten reflectido na súa obra dende os prados ás rías, dende as costas marítimas aos interiores boscosos e dende as rúas e monumentos das súas cidades históricas ás casas tradicionais e os xardíns dos pazos das súas comarcas máis fermosas.
A súa poderosa personalidade creativa destaca con intensa forza sobre o mundo cultural galego da primeira metade do século XX e forma parte das xeracións afectadas pola crise do 98, que contribuíron ao formidable esforzo impulsor de España polo camiño da renovación en todos os sentidos. A súa formulación estética, vinculada a un espírito realista no comezo e dirixida ao impresionismo máis tarde, acadou a súa dimensión orixinal e distintiva dentro da corrente postimpresionista, da que extraeu os elementos que conformaron a caracterización definitiva da súa extraordinaria produción pictórica, ampla e multiforme. As súas obras consérvanse en numerosas institucións públicas –museos, universidades, centros administrativos- así como en coleccións privadas, tanto de España como do estranxeiro.
A vela vermella, 1945
A Sala LIorens da Fundación presenta, a través dun percorrido xenérico-cronolóxico non só a vertente máis coñecida do artista como egrexio pintor da xeografía galega que interioriza a paisaxe a través dun sentimento de identificación coa propia terra en resposta a unha concepción humanista da natureza, senón que asemade pon en valor outros xéneros abordados polo pintor coruñés ao longo da súa traxectoria e menos coñecidos polo grande público. Entre eles salientan os seus nobres e vigorosos retratos, os seus serenos e detallistas interiores e as súas harmónicas e refinadas naturezas mortas. O enérxico emprego do toque de pincel, a sabia dosificación das pastas, o equilibrado gosto pola variedade cromática e un emprego compensado das luces, calidades presentes en todas e cada unha das composicións do pintor, definen unha xenuína linguaxe que converteu a Francisco Llorens nun dos máis destacados representantes do Rexionalismo Español de principios do século XX.
O piñeiral vermello, 1929
A Fundación Barrié presenta na súa sede da Coruña o espazo destinado á exposición permanente Francisco Llorens. As 52 obras que conforman a mostra forman parte do legado de 59 obras que Eva Llorens, filla maior do pintor, doou á Fundación en 1988. Antes da súa exposición, todas as obras do legado foron restauradas pola Fundación.
A exposición amosa, nun procedemento de rotación, unha coidada escolma de obras significativas da traxectoria artística do pintor galego, e presenta un percorrido xenérico-cronolóxico con presenza de retratos, paisaxes, naturezas mortas e interiores, obras todas elas marcadas pola influencia de Sorolla dende o autorretrato da súa etapa romana ata o seu último lenzo, A vela vermella (La vela roja).
Capela de Saint Michel. Capri, 1905
O xardín do Pazo de Lóngora, 1924
Apuntamento dunha praza de Bruxas, 1903 Apuntamento dunha rúa de Bruxas, 1903
Coa reapertura deste espazo, a Fundación Barrié reafirma o seu compromiso de dedicar unha sala permanente na súa sede da Coruña a esta colección. Coa doazón efectuada en 1988, e que procede en parte do legado familiar e en parte de obras adquiridas para a complementar, Eva Llorens fixo realidade a súa intención de deixar en Galicia unha mostra moi representativa da obra do seu pai.
Francisco LIorens foi un home sinxelo dedicado dende a súa infancia a unha decidida vocación plástica. Alumno na Coruña de Román Navarro e logo en Madrid de Joaquín Sorolla, foi o único discípulo galego do pintor valenciano. Pensionado de Roma en 1900 e establecido na cidade de Bruxas a principios do século XX, únese á xeración de Benedito, Sotomayor e Chicharro. Durante a súa vida obtén todas as honras coas que un creador podía ser distinguido: primeiras medallas, medallas de Honra, cadeira na Real Academia de San Fernando, Real Academia Galega e de Belas Artes da Coruña.
O Muíño, 1904
Foi Cabaleiro da Orde de Carlos III, Gran Cruz da Coroa de Bélxica, Comisario do Pavillón de Galicia das Exposicións Iberoamericana de Sevilla (1929) e da de Barcelona (1929) e xurado de tantas exposicións nacionais dende onde protexe a Arte Galega.
Na súa vida familiar é Llorens un exemplo do difícil empeño de sobrevivir no exercicio da pintura. Sofre as vicisitudes en que está afundida España, nos anos trinta e corenta, décadas que marcan unha etapa moi difícil para este home que non se achega a ninguén para solicitar prebenda ningunha, cargo oficial ou favor dos seus amigos. Pouca xente coñece este aspecto da vida do pintor, chea de sacrificios. Vive e ensina en Madrid. Catedrático de debuxo por rigorosa oposición da Escola de Comercio, dedica as mañás á súa cátedra, as tardes á preparación dos seus cadros de arquitectura e os veráns de peregrinaxe gozosa a pintar Galicia.
Bodegón, flores e froitas, 1922
Igrexa de Santa María de Betanzos. Interior, 1921
O castiñeiro, 1917
O piñeiro de Montrove, 1915/26
Cantón Grande, 9
15003 A CORUÑA
Tel. 981 22 15 25
info@fbarrie.org
www.fundacionbarrie.org