BUSCAR

FILTRAR

ÁREA
DATA

Memoria Anual 2023

Memoria corporativa e edicións anteriores

SUBSCRICIÓN AO NEWSLETTER

Reciba no seu correo toda a actualidade da Fundación Barrié

Subscribirse

CONTACTO DE PRENSA

Suzana Mihalic
Directora de Comunicación e Imaxe Corporativa


T. +34 981 060 091 / 659 459 030
smihalic@fbarrie.org


Este concurso lévase a cabo no marco do Programa KTORCE-18

29-03-2017

  • O concurso, que está dirixido a alumnos de ESO, Bacharelato, Formación Profesional Básica e Ciclos Medios de centros educativos de Galicia, ten como obxectivo que os participantes reflexionen e cren mensaxes claras de freo aos problemas derivados da violencia de xénero entre adolescentes.
  • Os dous bosquexos gañadores poderán plasmar estes graffitis en muros  destinados a este fin situados en Vigo e Pontevedra e concedidos polos respectivos Concellos.
  • A inscrición no concurso pode realizarse desde o 1 de abril a través das páxinas web de Arela e a Fundación Barrié.
  • Esta iniciativa enmárcase no programa KTORCE -18, unha iniciativa da Fundación Barrié e da Asociación ARELA, que ten como fin achegar a Lei do Menor á comunidade educativa (pais, alumnos e profesores), e que este ano desenvolverá, baixo o lema 2017: a violencia de xénero entre adolescentes, actividades específicas sobre esta temática orientadas á prevención e intervención real desde os centros educativos. 

A Coruña, a 29 de marzo de 2017.- A Fundación Barrié e a Asociación Arela convocan un concurso de graffiti dirixido aos centros educativos de Galicia baixo o lema 2017: a violencia de xénero entre adolescentes, o cal ten como obxectivo que os participantes reflexionen e cren mensaxes claras de freo aos problemas derivados da violencia de xénero entre adolescentes, implicando deste xeito á adolescencia galega na loita contra calquera tipo de manifestación da violencia de xénero.
 
Poden concursar alumnos/as matriculados durante o curso 2016-2017 en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional Básica e Ciclos Medios de Formación Profesional en centros educativos de Galicia. Amparados polo seu correspondente centro educativo, poden participar no concurso a través de bosquexos de graffitis (en formato papel ou dixital en DIN A3) que contemplen mensaxes claras de freo, reflexión ou concienciación sobre o tema central do concurso.
 
Os bosquexos serán valorados por un xurado integrado por representantes do mundo da intervención no campo da igualdade, colectivos e persoas relacionadas co mundo do graffiti, así como representantes da Fundación Barrié, da Asociación Arela e dos Concellos de Vigo e Pontevedra.
 
Os dous bosquexos gañadores poderán plasmar estes graffitis en muros destinados a este fin situados en Vigo e Pontevedra, coa colaboración e supervisión dun grafiteiro ou grafiteira de renome de Galicia. Estes espazos son concedidos polos respectivos Concellos.
 
A inscrición no concurso pode realizarse desde o 1 de abril e ata o 20 de maio a través das páxinas web de Arela (www.arela.org/)  e a Fundación Barrié (www.fundacionbarrie.org/) onde poden consultarse as bases completas. 
 
A entrega de Premios celebrarase na sede da Fundación Barrié de Vigo en xuño de 2017.
 
KTORCE-18
 
KTORCE-18 é unha iniciativa da Fundación Barrié e da Asociación ARELA que ten como fin achegar a Lei do Menor á comunidade educativa (pais, alumnos e profesores).
 
Esta intervención preventiva de condutas infractoras leva a cabo, fundamentalmente, a través de diferentes charlas para escolares, así como para pais e nais e a comunidade educativa, achegando a Lei 5/2000 reguladora da responsabilidade penal dos menores ao público obxecto dela. Esta intervención chegou a máis de 20.000 participantes desde os seus inicios no ano 2012. 
 
Para este ano, o programa KTORCE-18 centrarase na intervención a través do lema 2017: A violencia de xénero entre adolescentes levando a cabo actividades específicas sobre esta temática orientadas á prevención e intervención real desde os centros educativos.
 
Ambas as entidades perciben un incremento de problemas entre os adolescentes que fan precisa unha reflexión por parte deles mesmos e dos profesionais da comunidade educativa. Neste caso, trátase dun incremento da violencia de xénero entre os adolescentes. Son moitas as relacións que se establecen entre adolescentes baseadas no control e na perpetuación de estereotipos de xénero.
 
Desde a Asociación ARELA e a Fundación Barrié, enténdese que estas situacións precisan dunha reflexión por parte de todos (alumnado, profesorado, profesionais da intervención en xeral), favorecendo así a posibilidade de intervención real desde o instituto, por iso a proposta de levala a cabo serie de actividades neste campo nos próximos meses.
 
O programa KTORCE-18, seguirá tendo o seu eixo fundamental da intervención no contexto escolar na realización de charlas, para o alumnado e profesorado, así como para familias convocadas polos departamentos de Servizos Sociais dos Concellos de Galicia. Esta intervención ten o obxectivo xeral de tentar previr a comisión de feitos delituosos entre adolescentes, así como dar a coñecer o contido da Lei do Menor á sociedade. As charlas pódense solicitar directamente a través das webs das entidades organizadoras: www.fundacionbarrie.org  e https://www.arela.org .
 
 
XORNADA FORMATIVA PARA PROFESIONAIS - CHARLA DE MARINA MARROQUÍ PARA ADOLESCENTES
 
O xoves 11 de maio celebrarase na sede da Fundación Barrié de Vigo  unha xornada formativa para os profesionais da educación e a intervención social, que ten como obxectivo xerar un espazo de formación, reflexión e intervención sobre a violencia de xénero entre adolescentes. Contará coa participación, entre outros profesionais, de Marina Marroquí, Presidenta da Asociación Ilicitana contra a Violencia de Xénero quen na mesma data dará unha charla a adolescentes sobre esta problemática.
 
Con estas actividades a Asociación ARELA e a Fundación Barrié queren poñer o seu gran de area con motivo de poder xerar cambios de conciencia nesta problemática social.
 
Máis información en:

Web: www.fundacionbarrie.org
Facebook: https://es-es.facebook.com/fundacionbarriedelamaza/
Twitter: @FundacionBarrie

Web: www.arela.org/
Facebook: www.facebook.com/AsociacionArela
Twitter: @AsociacionARELA 
 
Asociación ARELA
Rúa: Ernesto Lecuona, 11 baixo. 36205 Vigo
Persoa de contacto: Julio Barreiro González
Teléfono: 986 21 25 37