Norman Parkinson: sempre con estilo

Norman Parkinson: sempre con estilo

Dende 10 de outubro de 2019 ata 19 de xaneiro de 2020, sede da Coruña

Exposición organizada por Norman Parkinson Archive/Iconic Images  en colaboración con Terra Esplêndida e a Fundación Barrié

Comisariada por Terence Pepper, co-comisariada por Alex Anthony e Iconic Images
 

A Fundación Barrié acolle, en primicia para España, a exposición retrospectiva Norman Parkinson: sempre con estilo. A exposición é comisariada por Terence Pepper, que foi Comisario de Fotografía na National Portrait Gallery de Londres durante máis de 40 anos e ofrece unha xenerosa retrospectiva da influínte carreira de Parkinson, amosando 80 fotos que reflicten a transformación da moda feminina e que contribuíron a dar forma ao modo en que esta se comunicou ao público durante varias décadas.
 
Coñecido polo seu conxunto artístico innovador e único, Norman Parkinson foi partícipe das transformacións que tiveron lugar na fotografía de moda do século XX. Desenvolveu o seu propio estilo distintivo ao longo dunha carreira de 56 anos, comezando a fotografar na década dos 30 e traballando sen pausa ata o seu pasamento en 1990.
 
As súas imaxes capturan o estilo do século XX; desde a Gran Bretaña da década dos 30 e a austera moda da 2ª Guerra Mundial, o Novo Look parisiense dos anos 50 e o Swinging London dos 60, ata o glamour e brillo dos anos 70 e 80.
 
Parkinson gañou o recoñecemento nos seus primeiros anos ao traballar cun estilo alternativo e pouco convencional, ao revolucionar a fotografía desprazando súas modelos femininas do medio estático, serio e controlado do estudio fotográfico a escenarios da vida real e lugares exóticos. Este estilo dinámico e espontáneo atraeu a atención de numerosas revistas de moda, entre as que se incluían Harper’s Bazaar, Vogue e Town & Country, o que supuxo o seu recoñecemento internacional.
 
A exposición
A mostra inclúe fotografías das diferentes fases da carreira da artista. A foto de 1939 da modelo Pamela Minchin tomada no aire e cun traxe de baño de Fortnum & Mason na illa de Wight (Inglaterra) para Harper’s Bazaar exemplifica o estilo atrevido de Parkinson. El dixo desa imaxe con posterioridade: “Cando retirei esa foto da ‘sopa’ confirmoume que tiña que dedicar o resto da miña vida a ser fotógrafo. Fiquei totalmente abraiado pola súa maxia.”
Durante as décadas dos 40 e 50, Parkinson comezou unha longa fase de colaboración con Vogue, producindo imaxes que suxerían unha narrativa, como podemos observar en Young Velvets (Young Velvets, Young Prices, Nova York, Vogue, 1949), que presenta a catro modelos con chapeu ante o fondo dos rañaceos neoiorquinos. Tamén durante esta época xorden imaxes da súa dona e musa Wenda Parkinson, que chegou a ser unha das principais modelos da época.
Nos anos 60 e 70 sucederon importantes cambios de estilo de vida pero Parkinson soubo manterse reinventando o seu estilo e estando ao día da xeración emerxente de fotógrafos e modelos. Ao longo da década dos 60, Parkinson seguiu a achar novas facianas e comezou a traballar coa revista The Queen. Na década dos 70, as súas imaxes axudaron a situar novas modelos como Jerry Hall e Iman no status de superestrelas. Ao longo deste período de 20 anos, Parkinson realizou fotos icónicas de The Rolling Stones e The Beatles, e de deseñadores de moda como Yves St. Laurent, Hubert de Givenchy, Jean Muir e Zandra Rhodes.
Os anos 80 estiveron marcados polo nomeamento pola Raíña de Inglaterra de C.B.E. (Comandante do Imperio Británico) e por unha serie de novos retratos encargados para unha grande exposición retrospectiva na National Portrait Gallery de Londres.

Norman Parkinson
Norman Parkinson (1913-1990) foi o fotógrafo de moda con máis sona do século XX. Foi un pioneiro da narración épica nas súas imaxes, levando a fotografía de moda e os retratos máis alá da ríxida formalidade dos seus predecesores e inxectando unha elegancia sinxela e casual na arte. As súas fotografías crearon a era da supermodelo, converténdoo no fotógrafo preferido de moitas celebridades e artistas.
Ao longo dunha carreira que abrangue sete décadas, reinventouse a si mesmo e á fotografía de moda, desde as imaxes rompedoras e espontáneas da década dos 30, pasando polos anos da guerra e os Swinging Sixties, ata as exóticas localizacións dos anos 70 e 80.
Norman Parkinson faleceu mentres tiraba fotos para Town & Country en Malaisia en 1990.


*Créditos da imaxe de cabeceira: Audrey Hepburn (1929-1993), fotografada en La Vigna, a casa de Hepburn nos arrabaldes de Roma, Glamour, Decembro de 1955 © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

GALERÍA DE IMAXES

  • Pamela Minchin, Harper’s Bazaar, Xullo de 1939

    © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

  • Novos Veludos, Prezos Novos, Moda en Chapeus, Vogue EE.UU., Outubro de 1949

    © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

  • Wenda Parkinson, Hyde Park Corner, Vogue británico, Febreiro de 1951

    © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

  • Audrey Hepburn (1929-1993), fotografada en La Vigna, a casa de Hepburn nos arrabaldes de Roma, Glamour, Decembro de 1955

    © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

  • Norman Parkinson e Nena von Schlebrügge, Queen (portada), 16 de febreiro de 1960

    © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

  • The Beatles, 12 de setembro de 1963

    © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

  • Raquel Welch, Vogue EE.UU., 1967

    © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

  • Jerry Hall e Antonio López (1943-1987), Xamaica, Vogue británico, Maio de 1975

    © Norman Parkinson Archive / Cortesía de Iconic Images

VIDEO

Rolda de prensa - Exposición "Norman Parkinson: Sempre con Estilo"

Exposición "Norman Parkinson: Siempre con Estilo" 4

Exposición "Norman Parkinson: Siempre con Estilo" 3

Exposición "Norman Parkinson: Siempre con Estilo" 2

Exposición "Norman Parkinson: Siempre con Estilo" 1

Exposición "Norman Parkinson: Siempre con Estilo" 5

CONTIDOS RELACIONADOS